CRÍTICA DE CINEMA

'Coñecendo Astrid', por Andrés Castro

'Coñecendo Astrid', por Andrés Castro
astrid1
astrid1  

Astrid Lindgren é unha moza de imaxinación prodixiosa e grandes dotes para a narrativa. Pronto entra traballar nun xornal local e namora do xefe, un home casado. Ás dificultades da súa complicada situación sentimental empeoran cando Astrid queda embarazada.


Biopic de Astrid Lindgren, creadora de “Pippi Mediaslongas”, unha das personaxes de novelas infantís con maior influencia no século XX sendo protagonista de varias películas, debuxos animados e, como non, da famosa serie de principios dos anos 70 protagonizada por Inger Nilsson e que tivo varias reposicións na tele (daquela VHF). Unha serie que lembro vagamente na súa segunda emisión (de 1979) e que apenas entendía, pois non tiña eu nin catro anos... pero que si que teño interiorizada como unha das fontes de inspiración para varios dos xogos e aventuras que os meus curmáns e irmán (máis maiores) ideaban na finca dos meus avós de Guísamo. Tempos felices aqueles...

Para quen acuda a ver Coñecendo Astrid procurando algo de nostalxia de “Pippi Mediaslongas” que saiba que apenas atopará algunha breve referencia. O guión, firmado pola propia directora e o seu marido Kim Fupz Aakeson (tamén escritor de novelas infantís), non se centra en absoluto na forzuda nena de pelo vermello e trenzas iracundas, nin sequera no proceso creativo da personaxe (que mira de esguello) e, por suposto, tampouco aparece o “Pequeno Tío” nin o “Señor Nelson”...

Certo que comeza coa escritora abrindo cartas de felicitación polo seu aniversario remitidas por nenos e nenas de todo o globo agradecéndolle que creara a “Pippi”, pero pouco máis... Tras o pertinente flash-back coñecemos unha moza adolescente contestataria, extravagante e cunha forma de pensar que choca bastante co da súa familia ultra relixiosa. Unha moza soñadora, namoradeira, con espírito crítico pero que, no fondo, segue a corrente. De feito podería ser a historia de calquera rapaza de mediados dos anos 40 que fora contracorrente nunha sociedade onde a muller non conta demasiado.

Porén a historia é a de Astrid Lindgren, coas pertinentes licencias cinematográficas pero, no fondo, na verdadeira historia da escritora. Céntrase nos seus anos de xuventude nos que entra a traballar nun periódico local, namora do xefe, un home casado, e queda embarazada. Unha mácula imperdoábel para a súa familia que propicia que se mude a Estocolmo. Segundo as leis da época o escándalo podía traer consecuencias penais para o seu amante así que dá a luz en Dinamarca. Alí deixa ao seu fillo cunha nai de acollida até que o seu namorado consiga o divorcio. Ese período de seguir a inercia da sociedade patriarcal da época son determinantes para perfilar o carácter de Astrid.

Coñecendo Astrid describe o episodio no que xorde “Pippi Mediaslongas” nun período de convalecencia do fillo de Astrid no que este lle conta unha historia dun país onde non hai adultos. Historia que anos máis tarde escribirá nun período de convalecencia dela mesma. Un asunto no que pasa de puntiñas pois o verdadeiro xerme primixenio de “Pippi Mediaslongas” está captado á perfección no groso do filme, neses anos de aprendizaxe de proba-erro dunha muller que comete erros, e moitos... Cae, érguese, cuestiona a sociedade, a súa propia familia, consegue liberarse das cadeas do patriarcado e, por fin, logra amarrar as rendas da súa propia vida.

Unha historia inspiradora e feminista na que, ademais, a súa actriz principal, Alba August –filla do director Bille August e da actriz e directora Pernilla August–, cómese a pantalla cunha prodixiosa interpretación.

Unga Astrid

(EUA 2018, 123 min.)

Dirección: Pernille Fischer Christensen

Guión: Kim Fupz Aakeson, Pernille Fischer Christensen

Fotografía: Erik Molberg Hansen

Música: Nicklas Schmidt

Elenco: Alba August, Henrik Rafaelsen, Trine Dyrholm, Björn Gustafsson, Liv LeMoyne, Maria Alm Norell