LOIS DIÉGUEZ PUBLICA "LUGO. A CIDADE DOS TESOUROS ENCANTADOS"

"Coñecer o noso patrimonio fai que sexamos máis libres e felices"

"Coñecer o noso patrimonio fai que sexamos máis libres e felices"
Lois Diéguez (Foto: María García)
Lois Diéguez (Foto: María García)  

Escritor cunha ampla obra, de maneira especial en narrativa e poesía, Lois Diéguez regresa á literatura de viaxes para mostrar unha cidade que viviu e coñece polo miúdo. En Lugo. A cidade dos tesouros encantados, mostra con forza evocadora e vontade creativa un lugar que convida a visitar de maneira emocional. Con imaxes de Xulio Gil, a coidada edición corre a cargo do novo selo Engaiolarte. 



-A personalización, a evocación ou o coidado da escrita levan a situar Lugo. A cidade dos tesouros encantados no andel das súas obras narrativas? 

Explicar unha cidade e verlle os seus segredos é moi mecánico. Eu non quería que isto fose unha relación de enderezos, restaurantes, descricións de monumentos e personaxes históricas. Buscaba manter o atractivo literario dunha historia, dun conto, e ao mesmo tempo introducir non só os monumentos e personaxes importantes, senón aqueles outros humildes que lle dan personalidade. Un obreiro da construción, unha mestra, o toliño da cidade, ese obxecto artístico que está nun lugar agochado, a alfaia do século III agochada entre pedras... Mesturar todo este tipo de elementos levados por guías que non foran propiamente humanos, senón elementos humanizados foi o punto de partida da obra. Tentei buscar o corazón de Lugo de forma fermosa, en diálogo co lector ou a lectora. 

-Buscar o corazón significa destacar a parte sentimental do encontro coa cidade?

O corazón é iso e non só sentimos o doce e amoroso, senón tamén o amargo, o agre. As cidades son coma nós, unha obra colectiva de homes e mulleres, polas que se moven personaxes que teñen corazón e todo isto tratei de recollelo no libro. 

"Tentei buscar o corazón de Lugo de forma fermosa, en diálogo co lector ou a lectora". 

-Vostede viviu moitos anos en Lugo, para escribir un libro coma este, cómpre coñecer a cidade por dentro, vivila, ou pódese conseguir por medio de documentación?

O guía máis interesante de calquera paisaxe ou lugar é aquel que a coñece nas súas entrañas. Os personaxes populares poden dicirnos cousas moi fermosas e facernos gozar da propia cidade. O inicio do libro naceu dunha viaxe a Exipto. Alí, con Felipe Senén, partimos do deserto á auga e da auga a Galiza. Nunha conversa, el díxome que despois do libro Viaxe ás terras encantadas de Lemos (A Nosa Terra, 1999) tiña que escribir un libro sobre Lugo. Dinlle a razón. Automaticamente veume á cabeza un título que finalmente non foi o definitivo. Era Anel de Laxe, en relación á muralla de pedra. Comecei a pensar como se configuraba. No libro teño que recoñecer tamén o traballo de Pepe Puga e Xan Carballa da editorial Engaiolarte. Falamos moito e traballamos conxuntamente e o resultado é un volume moi fermoso. 

-Tanto no libro sobre as Terras de Lemos como este de Lugo inclúen a palabra “encantada” no seu título. Trátase dunha maneira de se achegar ao territorio, da necesidade de insistir no carácter misterioso e descoñecido do país?

No noso acervo colectivo os galegos e galegas temos interiorizado todo ese encanto e beleza da nosa nación, que nos ten, en certa medida, agarrados. A mellor maneira que, ao meu ver, define ese encontro é a de “encanto” ou tamén a propia palabra que dá nome á editorial “engaiolarte”. O encantamento é unha palabra moi nosa e está ligada a cousas marabillosas que descoñecemos, mais que están ao noso pé, que nos chaman. Explica moi ben dentro do idioma todo ese espírito que tentei darlle ao Val de Lemos e agora repito coa cidade de Lugo. 

O guía máis interesante de calquera paisaxe ou lugar é aquel que a coñece nas súas entrañas."

-Coñecedor da cidade, a elaboración do libro deulle, malia iso, algunha sorpresa?

Digamos que maiormente recolle unha cidade que coñecía. Cando escribín o de Lemos, foi talvez maior descuberta porque viaxei por espazos que non coñecía. No caso da cidade foi distinto, cando comecei a escribir o libro tiña idea xa do que tiña que destacar que, en maior ou menor parte, coñecía. O meu traballo como topógrafo municipal levoume a coñecer polo miúdo o territorio da cidade. Logo, o historiador Adolfo de Abel Vilela descubriume máis episodios arredor da cidade. O libro, realmente, tratou de recoller todo aquilo que xa sabía. Profundei en figuras reais que se recollen e atopei o “encanto” de personaxes de Cunqueiro, Paco Martín, Marica Campo, Manuel María ou Isidro Novo na súa relación con Lugo. Mestúranse personaxes que non existen con outros reais, dándolles vida na cidade. 

-Quixo recoller tamén a cultura creada arredor da cidade?

Un crea individualmente, mais tamén os artistas e as súas personaxes teñen presenza na cidade. Axudan tamén a meterse no corazón e na creación da cidade. Poño por caso, o debate dun personaxe de Fole arredor da néboa nun relato no que fago que outros escritores lle dean un final distinto. É un xogo constante no que quero que participen os lectores. Ao final, os índices mostran con claridade o xogo entre a realidade e a creación, descobre que personaxes existiron e que outras fan parte de historias literarias. En todo caso, cada personaxe é unha partícula que compón e constrúe a cidade. 

-Os estereotipos definen as cidades e simplifican a súa complexidade, a mesma tradición así o recolle. Se tivera que, moi brevemente, dicir que é Lugo, que palabras utilizaría?

Pedra e auga. Ninguén dubida de que Lugo é unha cidade de pedra, o seu elemento construtivo, coas particulares laxes da súa muralla. Tamén auga, non só polo río senón tamén pola choiva. A auga, da névoa ou a chuvia, define tamén a cidade. 

-Se tivera que abraiar a unha persoa que visitara a cidade, por onde a levaría?

Trataría de que fixese un dos paseos que sae no libro. En cada un aparece a historia, o elemento humano da cidade, o chamativo, o que respiras e oles ou o personaxe particular. Convidaríaa a que percorrese o paseo que fai o Sol no libro, a liña que parte da Rúa Nova atravesando a cidade até o Parque Rosalía de Castro porque alí atopará unha grande variedade de cousas, entre elas, elementos da etapa romana, a historia de Mitra, entre eles. 

"Atopei o “encanto” de personaxes de Cunqueiro, Paco Martín, Marica Campo, Manuel María ou Isidro Novo na súa relación con Lugo".

-En especial desde a súa intensa actividade no asociacionismo cultural, vostede sempre defendeu a necesidade de conservar e valorar o patrimonio. Esa vontade toma parte tamén da elaboración do libro?

Non aprezar as xoias e os tesouros que temos non deixa de ser unha tacha da nosa formación, non aprezalos ou non sabelos aprezar, mover os ollos para valorar tanta riqueza. O libro quere mostrar eses tesouros e chegar ao corazón das cousas. Algunha xente que o leu e que ten relación coa cidade di unha frase que xa escoitei moitas veces neste tempo de presentación do libro: “Eu que pensaba que coñecía a cidade e levei unha sorpresa!”. Persoas que coñecen Lugo como a súa casa quedaron cos ollos abertos e iso precisamente é o que quería, darlle ese sentido de amor, de orgullo, que se ten que vivir coa lectura do libro. Unha vez se é consciente disto temos gañado moitas batallas no sentido do patrimonio material ou inmaterial. Coñecer o noso patrimonio fai que sexamos máis libres e felices. Tamén é preciso coñecer o que se destruíu, ser conscientes do que se desfixo porque así nos decataremos de que podería ser doutro xeito. 

-Que lugar merecen os libros de viaxes na súa obra?

En todo o traballo que levo feito, a viaxe e o encanto son elementos moi importantes. A viaxe sempre axuda a coñecer cousas, se se fai con humildade e ánimo de coñecemento sempre se van atopar novidades de grande interese. Esa experiencia dáche un punto para coñecerte a ti mesmo e a túa colectividade. Neste caso, na viaxe a Lugo a cidade pasa a ser personaxe, humanizada. Agora quero comezar a traballar cos dezasete lugares encantados do mundo e xa os teño seleccionados. Espazos con moita humildade, que non son grandes monumentos, mais que transmiten unha sensación especial ao viaxeiro que os vive. Contaxiar esa emoción diferente que se pode gozar diante das cousas é o que intento. 



x