FILMES PORTUGUESES E BRASILEIROS NO MUSEO DO POBO GALEGO

A conexión lusófona da Mostra de Cinema Etnográfico

A conexión lusófona da Mostra de Cinema Etnográfico
Fotograma do filme 'Alentejo Alentejo'. Imaxe: cedida.
Fotograma do filme 'Alentejo Alentejo'. Imaxe: cedida.  

Como en boa parte das músicas populares, as orixes do canto alentejano atópanse no traballo. No de homes e no de mulleres. Patrimonio Cultural Inmaterial da Unesco desde 2014, esta arte subalterna protagoniza Alentejo Alentejo, poderoso documental de Sérgio Trefaut e unha das pezas que apontan a conexión lusófona da MICE do Museo do Pobo Galego.
 


Trefaut, cuxo filme de ficción Raiva (2018) está a acadar “moi boa acollida” segundo os organizadores da Mostra de Cinema Etnográfico (MICE) de Compostela, rexistrou hai cinco anos a realidade actual do canto alentejano. “Unha forma única, que transmite o pasado de Portugal a través das voces apaixonadas dun presente cambiado”, di a información facilitada pola MICE. E que nas tabernas de contorna rural se reproduce a si mesmo de xeración en xeración.

curupira

Alentejo Alentejo detense no rito e na historia dunha música cuxas raíces formais pérdense no período prerromano. Proxectarase dentro da sección paralela do festival Trazas. “O filme é unha viaxe cara ao Portugal actual, descubrindo o cante e a vida daqueles que cantan e parecen expresar a profunda voz da terra”, engaden desde a organización do certame cinemoatográfico.

Tamén portuguesa é Marias da Sé, de Filipe Martins. A peza percorre a Sé do Porto, barrio popular ao pé da catedral que vai resistindo a aburguesamento a apenas uns metros do centro turístico. Documental por intres ficcionado ou ficción sen actores profesionais, rodada na rúa, “retrata de maneira divertida a vida dun grupo de mulleres desta zona emblemática ao tempo que aborda o problema da xentrificación”.

Nunha entrevista concedida ao Jornal da Universidade do Porto, o cineasta explicaba como as mulleres da Sé que protagonizan a súa obra “se senten ameazadas e pouco apoiadas polo poder político” ante a desposesión causada polo turismo. “Mesmo nas iniciativas que elas organizan, desde rusgas a sesións de fado vadío. Acaban por seren mentoras destas tradicións, e fano conscientemente para protexer este espírito”, engade. Marias da Sé proxectarase por primeira vez no Estado español na sección oficial da mostra. Estará presente o director.

marias da se

Do Brasil


Na sección oficial participan ademais dúas fitas brasileiras. Boca de Fogo é unha curtametraxe dirixida por Luciano Pérez Fernández. Trata dun locutor deportivo, o que dá nome á obra. “No corazón de Pernambuco, cidade de Salgueiro, a calor castiga os seguidores do equipo nas gradas. Na radio, Boca de Fogo. Non existe ningún comentarista deportivo coma el”, reza a sinopse.

Como a anterior, estre en Galiza é igualmente Curupira, bicho do mato, de Félix Blume. Blume traslada a cámara ao interior da Amazonía e recolle o son da selva. “Curupira é unha reflexión sobre os mitos e os lugares no mundo contemporáneo, un thriller sonoro no medio da xungla”, sinala o resumo da MICE.

A Mostra de Cinema Etnográfico do Museo do Pobo Galego atinxe a súa décimo cuarta edición. Con dúas seccións paralelas, Trazas e Impropias, os seus filmes veranse do 25 ao 31 de marzo en diferentes salas de Compostela.

Nota: arriba, fotograma de Curupira, bicho do mato. Abaixo, fotograma de Marias da Sé.