NA CIDADE DA CULTURA DO 28 AO 30 DE XUÑO

O congreso galego das bandas de música

O congreso galego das bandas de música
Presentación do Serán '02 na Cidade da Cultura de Compostela o pasado 3 de xuño. Foto: cedida.
Presentación do Serán '02 na Cidade da Cultura de Compostela o pasado 3 de xuño. Foto: cedida.  

A cultura de base adopta na Galiza múltiples formas. Unha das máis tradicionais e populares é a da banda de música. Entre o 28 e o 30 de xuño, máis de cincocentos integrantes das mesmas reuniranse na Cidade da Cultura de Compostela nun auténtico congreso galego da materia, o Serán '02: II Encontro Galego de Cultura Popular.


Promovida pola Xunta, a cita diríxea Quique Peón e o seu programa inclúe “concertos de diversas bandas de música galegas, mesmo un man a man das dúas únicas bandas profesionais da Galiza”, a da Coruña e a de Compostela, e “concertos de formacións infantís e xuvenís”.

Desde a organización salientan “un dos prazos fortes”, o Baile Irmandades da Fala, “que convidará a todos os asistentes a achegarse caracterizados de época para danzar na Praza Central do Gaiás”. A banda sonora, a cargo das bandas de Lalín, Valladares, Santa Cruz de Ribadavia e a Lira de Ribadavia, e das charangas tradicionais de Xacarandaina, O Fiadeiro e Cantigas e Agarimos.

No Serán '02 estarán presentes algunhas das máis sobranceiras bandas galegas, como as mencionadas de Lalín ou Ribadavia, ou a Unión Musical de Meaño.

O encontro “nace con vocación de se dirixir a todo tipo de público, sexa ou non do sector”. Haberá contidos profesionais -clases maxistrais, conferencias e mesas redondas- e outros para público xeral. Unha trintena de expositores, obradoiros de baile agarrado ou de fabricación de instrumentos con “materiais de refugallo”, completan a programación.

A anterior e primeira edición deste Encontro Galego de Cultura Popular, o pasado ano, centrouse no baile e na música tradicional. Agora as protagonistas son as bandas de música.