Á conquista da torre de Naraío

Á conquista da torre de Naraío
[Imaxe: Concello de San Sadurniño]
[Imaxe: Concello de San Sadurniño]  

Nuns días comezarán as obras de mellora na fortaleza de Naraío. Construirase unha estrutura por dentro da torre para poder subir até o punto máis elevado do castelo, emulando quen viviron nel ou quen lograron conquistalo.


EBhyE9jX4AUt_ZyConcello de San Sadurniño, Deputación da Coruña e Xunta de Galiza veñen de asinar a acta de implantación das obras que comezarán en escasos días para mellorar a accesibilidade e seguridade da fortaleza de Naraío. As actuacións contemplan a instalación dunha estrutura no interior da torre para subir até o punto máis alto do castelo.

Como tarde, o 9 de novembro farase realidade a conquista da fortaleza que domina o val do Castro desde hai séculos. A actuación consistirá na limpeza e preparación dos accesos con escalinatas desde o punto máis baixo do rochedo, onde se asenta o castelo, acompañadas de elementos que lle dean seguridade ás visitas.

A idea, informa o Concello, é acondicionar un itinerario circular desde a porta principal que tamén permita ver partes hoxe ocultas debido á acumulación de entullos de derrubamentos ou polo amoreamento de materiais das obras anteriores. Co novo conxunto de escaleiras e plataformas, poderanse apreciar aspectos construtivos como cornixas, fiestras e arranques de arcarías que doutra maneira non se poderían contemplar.

A Deputación da Coruña facilita o 80% do diñeiro necesario por medio dun convenio subscrito co Concello o pasado mes de decembro. O ente provincial reservou unha partida de 151.000 euros e o Concello outra de 37.500 -procedente dos remanentes de 2017-, mentres que a Xunta se comprometeu a facerse cargo dos custos do proxecto arquitectónico e da dirección de obra.

O prezo de adxudicación final foron 169.871,90 euros tras un procedemento de licitación ao que concorreron catro empresas.

O Goberno local avanza que este investimento non será o único. Xa se traballa na busca de financiamento para unha cuarta e definitiva fase que se centre tanto na rehabilitación de partes da fortaleza como na posta en marcha dun proxecto que permita interpretar a relevancia arquitectónica e histórica do conxunto.

 Acceder á parte máis elevada do castelo representa “un simbolismo especial”, en palabras do alcalde, Secundino García. “A xente de Naraío e do resto de San Sadurniño sempre tivemos o castelo como algo noso. Percorrémolo infinidade de veces e moitos de nós de pequenos, cando non había a estada que hai hoxe, mesmo nos arriscamos a entrar na torre con escadas de madeira ou cordas. A aventura acababa aí, agardando a algún día poder seguir subindo até arriba. E parece que ese día está cada vez máis perto”.

Ademais de parte do val do Castro, desde o alto tamén se ven mellor os rochedos do Saíme e o desnivel do río, que conforman un dos puntos de interese do Proxecto de Xeoparque do Cabo Ortegal.

Lugar de referencia na historia

O castelo de Naraío data do século XII e foi construído sobre un terreo rochoso. Lugar de referencia na historia da comarca durante séculos, nomeadamente desde a súa cesión á familia dos Andrade de Pontedeume en 1364 até o seu abandono en 1609, foi declarado Ben de Interese Cultural en 1994.

Atopábase nun estado ruinoso até que a Xunta de Galiza, durante o goberno bipartito, iniciara os labores de recuperación da contorna e asinara un convenio co Ministerio de Fomento para consolidar os muros da fortaleza. Nas escavacións realizadas en 2008 descubríronse até tres muros perimetrais que noutro tempo converterían o castelo nun edificio con capacidade para resistir durante meses grazas ao grande alxibe de auga que aínda se conserva no interior da torre.

O castelo foi un dos escenarios da primeira revolta irmandiña (1431) e entre 1466 e 1469 volvería ser un dos focos da guerra Irmandiña, desta vez contra Fernán Pérez de Andrade O Mozo. O exército de Alonso de Lanzós derrubou o castelo que, tras súa derrota, foi reconstruído como castigo polos propios sublevados. A fortaleza e as propiedades pasaron entón a mans de Diego de Andrade –fillo de Fernán– e, co tempo e os casamentos, á Casa de Alba, actual propietaria da fortaleza cedida ao Concello por un período de 30 anos.

Ficou abandonado a principios do século XVII e durante tempo as súas pedras foron utilizadas alén de para vivendas para a presa e a central hidroeléctica que hai ao seu carón, segundo recolle o portal web municipal. Hoxe só se conserva a torre e parte dos muros superiores, ademais dos dous arcos.