INTERNACIONALIZACIÓN DA LITERATURA

O Consello da Cultura recomenda aproveitar “a apertura do mercado literario británico”

O Consello da Cultura recomenda aproveitar “a apertura do mercado literario británico”
Feira do libro de Bos Aires (Arxentina). Foto: cedida.
Feira do libro de Bos Aires (Arxentina). Foto: cedida.  
Aproveitar “a apertura do mercado editorial británico á tradución de narrativa para público adulto” é unha das conclusións centrais do seminario sobre internacionalización da literatura galega en tradución ao inglés organizado polo Consello da Cultura Galega o pasado xuño. Ademais, a institución recomenda “mudar o sistema” e ofrece unha esquemática proposta ao respecto.

O documento resultante redactárono as profesoras Olga Castro e Laura Linares. Nel defenden os efectos positivos da internacionalización das letras no que atinxe ao “capital social” e ao “capital económico”, este último por “ampliar mercados e vender dereitos de tradución a empresas estranxeiras”. E entenden que é o intre de se orientar ao mercado editorial británico “onde pequenas editoriais independentes” procuran narrativa noutras linguas europeas.

Na descrición que fan do panorama mencionan a “importancia” que para esas pequenas empresas editoriais ten o sistema de axudas de organismos supranacionais como o Education, Audiovisual and Culture Executive Agency da Comisión Europea; o da cultura de chegada; e, sobre todo, o da cultura de partida, que no caso da Galiza pertence ao Estado -Ministerio de Cultura, Acción Cultural Española- ou á Xunta. Deste dependen os únicos subsidios “específicos para a literatura galega, nos que non ten que competir con literaturas expresadas noutras linguas”.

Castro e Linares reclaman unha “implicación absoluta” da Administración galega e mais do sector editorial galego, ao que recomendan recoller nos contratos de edición os dereitos de tradución. Tamén detallan as accións que, ao seu ver, deberían levar adiante. A primeira, crear un “organismo independente que se encargue de maneira profesionalizada do traballo de proxección e difusión exterior da lingua e cultura galegas en todas as súas expresións”. O espello, o Institut Ramon Llull de Catalunya ou o Instituto Vasco Etxepare.

Para as investigadoras, esta nova institución -da que se chegou a falar durante o Goberno bipartito de PSdeG e BNG (2005-2009) co nome Rosalía de Castro- debe funcionar como “un macroaxente literario da literatura galega”. Encargaríase de crear un catálogo de dereitos, unha base de datos de editoriais estranxeiras e outra de tradutoras e tradutores literarios.  E exploraría “novos mercados e identificaría editoriais estranxeiras potencialmente interesadas en traducir títulos galegos”.

Alén deste organismo, o seminario do Consello da Cultura insta ao Goberno galego a “incorporar melloras ás axudas á tradución desde o galego para facelas atractivas e accesíbeis ás editoras estranxeiras”. No concreto significa convocalas un mínimo de tres veces ao ano, simplificar o impreso de solicitude e dispoñibilizalo en inglés e modificar a forma de presentación das mesmas. A maiores cómpre, na súa opinión, “apoiar as empresas editoriais galegas para que poidan acudir ás feiras internacionais con bolsas de viaxe e aloxamento e cubrir os gastos dunha caseta colectiva xestionada por elas mesmas”.