TERZA FEIRA 11 DE DECEMBRO

O Consello da Cultura reflexiona sobre a delicada situación dos museos artísticos

O Consello da Cultura reflexiona sobre a delicada situación dos museos artísticos
CGAC e Museo do Pobo Galego. Foto: cedida.
CGAC e Museo do Pobo Galego. Foto: cedida.  

A transformación do Marco de Vigo contra o parecer da maioría de axentes artísticos, a eterna indefinición do Gaiás, o esmorecemento da actividade do CGAC ou a liquidación do Museo de Belas Artes de Fenosa, na Coruña, debuxan a situación dos espazos de arte en Galiza. A reflexionar sobre esta paisaxe deprimida dedica o Consello da Cultura Galega unha xornada esta terza feira, 11 de decembro, na súa sede de Compostela.
 


“Ante a desaparición e cambio de rumbo de institucións que foron claves na modernización da arte contemporánea na Galiza das últimas décadas”, explican desde a institución, “os efectos da crise foron e continúan a ser drásticos, e modifican non só os seus sinais de identidade senón a xestión, a programación e a calidade dos mesmos”.

Os espazos culturais da arte en Galiza: estado da cuestión comeza ás dez da maña coa intervención da presidenta do Consello, Rosario Álvarez. O crítico de arte Ramón Rozas ofrecerá a primeira conferencia -A quebra das ilusións- media hora despois, presentado pola membro da Sección de Creación e Artes Visuais Contemporáneas do ente organizador Sofía Santos.

Unha primeira mesa redonda a mediodía, moderada polo propio Rozas, sentará a artista Mónica Alonso, a decana da Facultade de Belas Artes de Pontevedra Silvia García e mais a directora do Museo Provincial de Lugo, Aurelia Balseiro, para diagnosticar “a situación actual dos espazos de arte en Galiza”.

A tarde estará dedicada a detectar “estratexias de futuro”. O pintor e escritor Antón Patiño disertará sobre as mesmas introducido pola comisaria de arte Rosario Sarmiento. Patiño encargarase de moderar o debate que pechará o día a partir das cinco e media da tarde e no que falarán o director xeral de Políticas Culturais da Xunta, Anxo Lorenzo, o coleccionista Luis Sirvent e o fotógrafo Manuel Vilariño.



x