Contacontos cifran nun 22% as súas perdas debidas aos atrasos de contratación da Xunta

Contacontos cifran nun 22% as súas perdas debidas aos atrasos de contratación da Xunta
O contacontos Anxo Moure, un dos impulsores do Colectivo de Narradoras e Narradores Orais de Galiza. Foto: cedida.
O contacontos Anxo Moure, un dos impulsores do Colectivo de Narradoras e Narradores Orais de Galiza. Foto: cedida.  

Os atrasos na contratación de espectáculos do programa Ler Conta Moito da Xunta causan prexuízos ás contacontos. Segundo o Colectivo de Narradoras Orais de Galiza, que agrupa uns 52 profesionais e empresas, as perdas económicas foron do 22% no ano 2018, “nalgún caso particular do 50%”.
 


O problema reside nas datas en que a Dirección Xeral de Políticas Culturais, da que depende un ciclo dirixido sobre todo ás bibliotecas, abre a contratación. “Ano a ano atrasa a súa convocatoria con serias consecuencias para o noso colectivo”, explican nun manifesto difundido esta segunda feira.

En 2018, Ler Conta Moito iniciou as contratacións o 16 de maio e só para os meses de xuño, xullo, agosto, setembro e outubro. “En 2019 imos camiño do mesmo”, sinalan. O que provoca que “datas culturais tan significativas” como o 8M, o Día da Narración Oral (20 de marzo), o Día do Libro Infantil e Xuvenil (2 de abril), o Día do Libro (23 de abril) ou o Día das Letras Galegas (17 de maio) fiquen “fóra das posibilidades reais de programación”. A perda de carga laboral é a consecuencia.

“Un programa [Ler Conta Moito] que ten por obxectivos fortalecer a biblioteca como espazo de relación e fomentar a lectura como fonte de coñecemento, entre outros, non se pode reducir practicamente aos meses do verán”, di o Colectivo de Narradoras Orais, “cando como é obvio decae notablemente o número de usuarios das bibliotecas”.

O manifesto dos contacontos pecha con propostas encamiñadas a mellorar, na súa opinión, Ler Conta Moito, que este 2019 conta con 345.000 euros de orzamento. Considera que o programa se debe estender “a aqueles meses en que hai máis afluencia ás bibliotecas”. Ademais, entende que cada biblioteca “debe poder decidir en que intre serán máis efectivas as actividades que se programen”.

A profesionalización do sector e que o catálogo de actividades de Ler Conta Moito 2020 estea dispoñíbel na segunda quincena de novembro de 2019 “para que as bibliotecas sexan capaces de deseñar as súas programacións para todo o ano” completan as súas demandas. Pide, ademais, “unha xuntanza con quen corresponda coa fun de buscar unha solución axeitada e a mellora na programación de actividades que beneficie a todos os sectores implicados”.

O Colectivo de Narradoras e Narradores Orais de Galiza remata o seu documento afirmando que o Ler Conta Moito “é un programa exemplar desde o punto de vista da democratización cultural de Galiza”. É por iso, engade, que “é necesaria a revisión do mesmo para optimizar recursos”. En 2018 o programa acolleu 761 actividades en 223 bibliotecas.