IALMA COMEZA NA GALIZA A XIRA DO SEU QUINTO DISCO

“Contamos a historia dos nosos pais e avós, pero trátase da historia de todas as emigracións”

“Contamos a historia dos nosos pais e avós, pero trátase da historia de todas as emigracións”
Ialma
Ialma  

O grupo de pandereteiras galego-belga composto por Verónica Codesal, Magali Menéndez, Natalia Codesal e Marisol Palomo comeza mañá a xira na Galiza do seu último disco, ‘Camiño’, un canto á historia da emigración galega. O 24 de febreiro estarán na Casa de Rosalía, en Padrón; o 26  no Garufa da Coruña, e o 27 no Clavicémbalo (Lugo). E volverán de novo en maio: o 1 de novo na Coruña e o 3 en Compostela, no Teatro Principal. Falamos con Marisol Palomo e Verónica Codesal. 


- "Camiño é a viaxe de todas as persoas que teñen que deixar a terra na que naceron para buscar un mundo novo”, aparece nada máis abrir o disco.
Marisol Palomo: Un mundo novo sería traballar e contar a nosa historia, cousas que ao mellor xa non se falaban e que non teñen tanto tempo, a historia de nosos pais e nosos avós. O camiño é o de seguir a andar e cara a adiante, e de levalo dunha maneira positiva, porque o que vivimos aquí, o que viviron os nosos pais, o que menos nos imaxinabamos neste disco e que estamos en plena actualidade. Cando cantamos parece que temos enerxía para dicir que haberá un mundo novo, un mundo máis positivo. Isto é o que queremos lograr e transmitir tantos aos nosos nenos como a toda a xente, a idea de que hai que seguir pero sen esquecer o pasado. 

- ‘Camiño’ é un canto á historia da emigración galega. Como xorde a idea?
M.P: Temos catro discos e os catro son moi distintos, e ao final sempre contabamos no escenario que todo o que aprendemos foi grazas aos nosos pais. O que queriamos era facer unha homenaxe a toda a emigración e poder cantalo no micro e procurar unha maneira máis poética de contar a historia da emigración. Nós contamos a historia de nosos pais e avós, pero trátase da  historia de todas as emigracións. Cando nos xuntamos na casa e ensaiamos, Brais Fernández, que é un amigo de hai máis de 20 anos na Galiza e ten unha pluma moi bonita e poética, escoitaba as nosas historias e despois mandábanos textos e recoñeciámonos totalmente na súa maneira de escribir. Durante dous anos estivemos a preparar o disco con todas as historias que queriamos contar. É bonito, era como un camiño suave, como dicir eles marcharon da Galiza e fixeron o camiño até Bruxelas con moita dificultade, sen saber a lingua, a onde ían, sen coñecer a xente, e nós facemos a volta de contar a historia e levala por dentro. 

“Cando cantamos temos enerxía para dicir que haberá un mundo novo”

-Enlazando co último que me contas, xa destes a volta por Europa, con concertos en Bélxica, Austria e Francia. Agora comezades aquí, na Galiza, ademais o día 24 de febreiro na Casa de Rosalía, no seu 180º aniversario. 
M.P: É un agasallo. Rosalía é a nosa principal referencia, todas tivemos sempre a historia de Rosalía con nós. Non hai un galego na emigración que non poida falar de Rosalía, ou dos seus canto e as súas poesías. Estamos a preparar un canto a Rosalía para cando cheguemos ao museo. Parece que está aí, que está con nós. Xa actuar na Galiza para nós é un agasallo, pero o 24 é aínda máis forte. Temos as maletas preparadas con moita emoción, porque ir a Galiza con esta temática non é fácil, vemos que aínda hai moito que facer pola lingua e pola nosa música. Temos unha riqueza inmensa na Galiza, pero non está apoiada todo o que tiña que estar. Nós, desde o exterior, igual o vemos doutra maneira. Moitos músicos din que se non naceramos en Bruxelas, non soaría así Ialma. 


-Fálame dese canto que estades a preparar para o 24F.
M.P.: É un canto que escolleu Verónica, escribiu ela a música. Vai emocionar moitísimo porque é como se ela [Rosalía] falara de nós. É unha pomba que vai de árbore en árbore e que brillaba, era branca e pouco a pouco foi emigrando vai empobrecéndose e perdendo a súa identidade. Cando cantamos esa poesía de Rosalía parece que está escrita para nós. 

“Queremos transmitir a idea de que hai que seguir pero sen esquecer o pasado”

- ‘Camiño’ é o voso quinto disco, o que dista case 17 anos do primeiro, ‘Palabras darei’. Como se xuntou Ialma?
-M.P: foi unha cousa moi natural, todos os galegos que emigraron sempre nos xuntamos a través dos centros galegos. Nós participabamos no grupo de baile e facía falta cantareiras que cantaran e foi xente belga e xornalistas que nos dicían “tedes que gravar porque iso é auténtico”. Estaba metido en nós e cantabamos pero sen imaxinar que esa tradición  a tiñamos que gravar. Pouco a pouco comezamos  a gravar o primeiro disco, e sobre todo Verónica, que é a que leva o motor principal do grupo, sempre tentou darlle esa identidade de Ialma que está tamén nesa maneira de poñer as voces. Está claro que é bonito porque non copiamos a ningún grupo da Galiza, temos moito respecto a todos os grupos da Galiza e o noso traballo tamén é de poder traelos e dicir que na Galiza tamén hai moitos grupos que poderían viaxar. 


-Este traballo inclúe 13 temas, algúns tradicionais e outros de feitura ‘trad’ con letras contemporáneas de Brais Fernández. Como nos anteriores discos hai mestura de diversos estilos musicais.
Verónica Codesal: Neste disco hai temas tradicionais con letras tradicionais, pero tamén hai melodías tradicionais con temas escritos por Brais e por nós. Hai composicións escritas por min e Quentin Dujardin, que é o produtor do cd, con texto tamén de Brais, e iso é o que cambia con respecto aos cds anteriores, que non só hai composicións, senón que tamén os textos son nosos e contan verdadeiramente a nosa historia. É moito máis persoal. Despois hai un tema italiano, porque cando imos polas escolas aos cativos dicímoslle que teñen que interesarse pola cultura dos demais, aprender dela. Nós vivimos en Bruxelas, capital multicultural, e temos a sorte de coincidir con moitos artistas, moitos músicos do mundo enteiro con estilos diferentes, e o que nos gusta é cambiar melodías, aprender a cantar no seu idioma. Iso é o que máis nos gusta, cantar noutros idiomas. Entón os nenos din “pois que guai, porque non me vou interesar pola cultura dos demais”. Porque nos pensamos que enriquece moito máis á túa. Levamos cantando ese tema italiano desde fai anos, coincidimos un día aquí en Bruxelas coa cantante italiana Lucilla Galeazzi e ensinounos a cantar este tema e leva connosco máis de 20 anos e decidimos que entrara neste disco. 

“Rosalía é a nosa principal referencia”

-A esencia galega non só está no son, senón tamén na voz. Algunhas pezas conteñen a maneira de falar de algunhas zonas da Galiza. Por exemplo, na que abre o disco ‘Ai la la’ dicides “o demo cando rabea / pon os cornos do rivés”.
V.C: En todos os discos tentamos manter a maneira que se falaba nesa zona na que foi recollida a canción. Tentamos estar o máis preto da tradición. Procuramos gardar esas riquezas que ten a lingua galega, xa que pódese dicir unha cousa en Ourense e que en Lugo signifique outra cousa ou se pronuncia doutra maneira. Iso creo que tamén é unha riqueza e tentamos gardala nas nosas cancións. 

- ‘Na túa lembranza’ é unha das pezas máis nostálxicas, e ademais ten un toque de flamenco coa voz de Esteban Murillo. “Lembro o teu colo / busco a túa a man / non estás aquí…” así comeza. 
V.C: O tema é así con toques flamencos porque vai adicado a meu avó, que era andaluz, despois casou coa miña avoa, que era galega. Sempre quixo que mantiveramos a nosa cultura aínda que sei que lle gustaría que cantara ondo e bailara sevillanas, pero sabía que o meu é a cultura galega, o baile galego, o canto galego, e sempre nos apoiou. Pero non só vai adicada a meu avó, senón a todos os nosos avós, porque queriamos darlle esa homenaxe xa que foron moi valentes ao marchar así da terra e vir até aquí [Bélxica] sen saber falar o idioma. Polo menos ao meu avó eu necesitaba adicarlle un tema. Cando falamos de palabras de ferro era porque el era moi directo, era roxo e tiña as súas ideas e queiras que non lembro moitas cousas del e quería darlle este agasallo. 

“O que máis nos gusta é cantar noutros idiomas”

- “Bótannos bótannos fóra / bótannos a paus e sangue/ bótannos bótannos lonxe / bótannos ao mundo adiante”. Este é o inicio de ‘Cantar do refuxiado’. 
- Falamos dos nosos pais e avós como emigrantes, pero realmente é o mesmo drama que o actual dos refuxiados. É unha homenaxe a ese colectivo de que de algún xeito tamén eran os nosos pais. Tamén viviron o mesmo, fuxir dun país en guerra, en ditadura e ir a un país con máis liberdade a buscar traballo. Entón, como se reproduce a mesma historia hoxe en día, para nós era normal que neste cd fora adicado un tema para os refuxiados.



x