Contrabando de fariña, por Xoán Costa

Contrabando de fariña, por Xoán Costa
FARIÑA
FARIÑA  

Non, non estamos a nos referir á serie de televisión. Falamos do po que se obtén ao moer os grans de certos cereais e do contrabando realizado con este produto a comezos do ano 1917, contrabando  que provocou unha rebelión en Vigo nos primeiros días de xuño dese ano, con participación maioritaria, como noutras partes da Galiza, de mulleres.


Na altura, segundo informaba Faro de Vigo, "carros cargados de sacas de fariña saen diariamente de Vigo e outras localidades da provincia para Tui, A Garda, San Miguel de Oia, etc. Non son para os habitantes deses puntos, senón para aproveitados acaparadores que neses lugares existen, para envialos logo a Portugal, valéndose do contrabando".

O asunto provocou detencións e máis de trinta feridos polas cargas policiais. Vida Gallega dedicou a capa do número de dez de xullo a este asunto e unha viñeta interior, ambas do debuxante tudense E. Padín (Roberto Eduardo Padín Rodríguez, de quen o xornal compostelán La Noche fai unha fermosa semblanza en 1961)

A fariña dirixíase fundamentalmente cara a Tui,  e daí a Portugal, o que motivou que a policía,  auxiliada pola garda de Seguridade e con autorización xudicial, fixese requisas en varias casas desta cidade.

Sen titulo

Eran épocas de escaseza de produtos básicos mais, oh ironía! quen dirixiu os rexistos domiciliarios na procura de fariña chamábase Pío Abundancia.

Pío Abundancia Álvarez, foi eleito concelleiro de Tui en 1913, ano en que foi nomeado presidente do Círculo Tradicionalista de Tui. Tenente de Alcalde en 1914, volveu ser concelleiro e primeiro Tenente de Alcalde en 1916 e 1923, ano en que estivo algún tempo preso.

Foi nomeado alcalde de Tui o 16 de outubro de 1934, permanecendo no cargo até o 3 de abril de 1935. Tamén foi vicecónsul de Portugal en Tui, por volta de 1920. E moitas outras cousas en honra ao seu apelido.