A coraxe de se dedicar á escrita

A coraxe de se dedicar á escrita
Ferrín, Rivas, Piñón e Tosar
Ferrín, Rivas, Piñón e Tosar  

A coraxe, a incerteza e a emoción mais tamén a vocación de pervivencia son materias coas que se adubía o oficio da escrita. Delas falaron Nélida Piñón, Méndez Ferrín, Manuel Rivas e Luís G. Tosar na clausura da Bienal Literaria que conmemoraba o 25 aniversario do Pen Club galego. 


O propio encontro de Xosé Luís Méndez Ferrín, Manuel Rivas, Nélida Piñón e máis o presidente do Pen Club, Luís G. Tosar fixo da clausura da Bienal Literaria que se desenvolveu na Cidade da Cultura unha cita inusual por xuntar algúns dos nomes máis representativos da nosa literatura. Alí estaban, como dixo Tosar na súa presentación, o escritor que nos representa fóra das nosas fronteiras, Manuel Rivas, o candidato ao Nóbel pola AELG e polo propio Pen, Xosé Luís Méndez Ferrín e Nélida Piñón, un dos nomes máis destacados da literatura do Brasil, mais de orixe galega que asinou unha das novelas máis sólidas arredor da nosa emigración, A República dos Sonhos

A incerteza da literatura 

Mostraron que o oficio da escrita se asenta en trabes febles, nun grande entusiasmo mais tamén nunha dúbida que case nunca se converte en seguridade. A propia Nélida Piñón, cunha manchea de premios e recoñecementos definiu o feito creativo como unha emoción única. “Todos nós temos a ilusión de que ao menos algún conto, algún poema, perdure. Estamos celebrando a literatura, celebramos que os escritores son capaces de perdurar, de escribir sen garantías”, dixo da súa experiencia na creación dunha obra da que manifestou non ter nunca certeza da permanencia, da capacidade de provocar a emoción de quen a lea. 

"Son o único escritor da península que estivo en prisión por escribir un texto literario que non se publicou"

“Clarice Lispector fala de literatura como felicidade clandestina, mais aquí temos a felicidade pública de estar nós con Nélida”, dixo Manuel Rivas, collendo prestadas palabras doutra grande escritora brasileira e boa amiga de Piñón. 

Nélida ten dito que hai que ser valente, hai que ter forza para escribir e eu creo que ten razón. Hai que ter coraxe no acto de escribir”, afirmou Rivas quen alicerzou o seu discurso arredor da escritora brasileira e todo o seu mundo. Destacou a súa escrita pioneira na que as mulleres non son suplantadas senón que posúen voz propia. “Hai valentía en mostrar a dominación que está a sufrir a lingua, a literatura”, defendeu Manuel Rivas, desa condición do feito literario que non só mostra coraxe na descrición do relato histórico senón na mesma loita contra as mentiras coas que se contou a historia. Natureza esta que Rivas atopa en A República dos Sonhos “unha das nosas obras mestras”, expresión ao seu ver, dunha literatura “non subordinada” que non abondaban entón na escrita galega contemporánea. 

Unha escrita anfibia

E da mesma maneira que o noso Adrián Solovio andou arredor de si da man de Otero Pedraio, Rivas referiuse ao autor do Manifesto antropófago, Oswald de Andrade, que fuxiu de Brasil a París con vontade de ser cosmopolita para acabar descubrindo na capital francesa que o que deixara era o mellor país do mundo. “Somos anfibios e a nosa literatura tamén, é un xeito desa denominación do local/universal ao que lle acae un aforismo que Miguel Torga dixo nun debate, “mais que é o universal senón o local sen paredes?””, relatou o autor de Os libros arden mal. “Un libro ten que golpear”, sinalou o escritor máis coñecido da nosa literatura quen defendeu, á maneira tamén de Piñón no feito creativo a “valentía, a coraxe para se adentrar sempre na descuberta”. 

 “Somos anfibios e a nosa literatura tamén, é un xeito desa denominación do local/universal ao que lle acae un aforismo que Miguel Torga dixo nun debate, “mais que é o universal senón o local sen paredes?””

“Teño que agradecer aos deuses ou a quen goberna ese caos que chamamos mundo atopar na vida persoas coma estas”, dixo Xosé Luís Méndez Ferrín, despois de relatar os momentos nos que se atopara por vez primeira con cada unha das persoas da mesa. Con Luís G. Tosar nas aulas como alumno, con Manuel Rivas, no coche do xornalista Perfecto Conde camiño dunha manifestación e con Nélida Piñon moito antes, nunha festa en Augasantas, Cotobade, cando ela tiña entre dez e doce anos e bailaba con medias brancas e zapatos de charol. O episodio, contado con luxo de detalles, segundo dixo, á escritora resultáballe extraordinario e o encontro ficou así no ar a medio camiño entre a realidade e a literatura. 

Condenado por unha novela inédita

“Cando cheguei a vello dinme conta de que o meu peor inimigo era a saudade, que a miña vida era un pelexar continuo contra ese sentimento que pode desfacernos”, comezou o escritor, que manifestou saudade tamén “de palabras coas que medrei e estou vendo morrer, soidá, morriña... palabras que desaparecen, que se van extinguindo e que determinan este estado de ánimo”, dixo.  Talvez por iso aceptou o convite de Luís G. Tosar de relatar o capítulo no que o Pen internacional o designou como escritor perseguido do ano 72 nesta ocasión na que se conmemoraba o 25 aniversario da constitución da sección galega. 

“A policía estaba perseguíndome polas miñas actividades políticas mais o pretexto foi acusarme de escribir unha novela, que non se publicou nunca. Foron collela a miña case e, a pesar de estar inédita, o tribunal de orde pública acusoume con dous anos de prisión. Son o único escritor da península que estivo en prisión por escribir un texto literario que non se publicou”, relatou, dunha novela que continúa sen saír á luz e, pola súa vontade, non sairá impresa mentres viva. O Pen internacional fíxose cargo entón do caso e Ferrín apareceu como escritor preso do 1972, promovendo unha campaña con cartas de protesta asinadas por escritores e escritoras entre os que citou a Arthur Miller. “Paréceme xusto dar conta deste feito cando se fan 25 anos do Pen galego e deixar claro que o internacional protexe os escritores que están en prisión por razóns ideolóxicas”, concluíu Ferrín despois do relato do seu caso particular. 

“Seguiremos mantendo a idea de liberdade e literatura que coincide coa idea que teñen os que a fixeron grande e seguirán tendo os que veñan, porque hai futuro”, dixo Tosar, ao tempo que anunciou a preparación da obra completa de Úrsula Heinze, unha das trabes da creación do Pen galego.  
 
Superviventes para escribir 

“Amo os meus compañeiros de letras, unha estirpe de sobreviventes, de persoas que non venderon a súa obra, que manteñen na súa alma unha especie de inocencia sabia, unha fogueira, unha chama que fai que pense e revele aquilo que o cotiá non consegue”, dixo Nélida Piñón para quen, cada persoa que escrebe, “adiciona unha pedra nesa catedral para que a literatura non esmoreza”. 

“A literatura ten vocación de grandeza e esa grandeza envolve un modesto escritor que fai dela unha razón de ser”, concluíu a autora, fuxindo da barbarie e das cavernas destes tempos das que, garante, “un día subiremos”.