DO 15 AO 17 DE XUÑO

Corey Harris protagoniza o Fisterra Blues Experience

Corey Harris protagoniza o Fisterra Blues Experience
O músico estadounidense Corey Harris. Foto: cedida.
O músico estadounidense Corey Harris. Foto: cedida.  

O festival de blues de Fisterra reunirá entre o 15 e o 17 xuño artistas da escena galega, estatal e internacional. Haberá amais estilos irmandados como o swing, o soul e o R&B. A cita ofrecerá concertos en barco, obradoiros infantís, jam sessions por toda a vila e unha mesa redonda sobre esta música de orixe afroamericana.


A segunda edición do Fisterra Blues Experience. Segundo o impulsor e director deste proxecto, Javier Turnes, non se limita “á experiencia clásica dun festival”. No cartaz figuran artistas internacionais como o estadounidense Corey Harris -abandeirado do blues do Delta e da música reggae-, os galegos The Lákazans -que presentarán o seu terceiro traballo, Sandwina- ou a banda catalá Wax&Boogie, que fusionan blues, R&B e boogie woogie.

 

Amais de The Lákazans, haberá máis galegas e galegos. Por caso, Carla Green & The Demons, banda de soul formada en Compostela; Os Bregadiers, que fusionan swing, jazz e rock&roll, e a Fisterra House Band, banda residente deste Fisterra Blues Experience. O blues europeo chegará da man do harmonicista alemán Chris Kramer, que incorpora o beatbox á súa proposta musical. Tamén estarán invitados Edu BigHands, que tocará acompañado do pianista vasco Paul San Martín, e as banda madrileñas Seydel Harp Attack e The Trashtoes.

 

Blues educativo


Logo dunha “exitosa” primeira edición, o Fisterra Blues quere ampliar a súa pegada socioeducativa na vila coa incorporación do programa Blues na escola. A través del, as crianzas fisterrás traballarán sobre os distintos elementos deste estilo musical, xurdido a principios do século XX. Durante a tarde do sábado 16 haberá obradoiros infantís. Nesa liña e co fin de procurar transmitir coñecemento sobre o blues, está convocada unha mesa redonda con expertos galegos e estatais.

 

Entre as novidades deste ano, amais da apertura musical cara estilos como o swing ou o R&B, os espazos estarán máis deslocalizados. Durante a noite do venres e a xornada do sábado, haberá blues sonando en practicamente todos os recunchos de Fisterra, cunha programación que pecha unha jam session o domingo, sesión vermú no faro incluída.

 

Para Javier Turnes, “o festival xoga coa potencia simbólica que ten Fisterra, tan achegada ao océnano, co pese deste na historia do blues. O océano conectou África cos países nutridores de persoas escravas, para que despois o blues xurdira no sur dos Estados Unidos”.

 

“O blues tinxe moitos outros estilos de música que existen agora mesmo no planeta”, engade para concluír, “este festival tenta empregar o blues como vehículo e paradigma da experiencia humana, que se conforma a través de todos os sentidos e non só do oído. Grazas á mistura desta música coa natureza e a gastronomía, a xente pode recoñecer a forma na que o blues fai a festa, que é bastante sosegada e que ten moito que ver coa nosa mentalidade e coa dos pobos migradores. A pesar das trabas, dos impedimentos e da tristeza que estes fenómenos supoñen, a música chega e dálle a volta”.



x