A Cova de Eirós, por fin, Ben de Interese Cultural

A Cova de Eirós, por fin, Ben de Interese Cultural
Arte rupestre na cova de Eirós (Triacastela)
Arte rupestre na cova de Eirós (Triacastela)  

En abril remataba o prazo legal para declarar a Cova de Eirós (Triacastela) Ben de Interese Cultural e o Goberno galego apurou os prazos para o facer.


O Consello da Xunta aprobou declarar a Cova de Eirós (Triacastela) Ben de Interese Cultural na categoría de protección de xacemento arqueolóxico, en lugar de monumento, como propuña o expediente inicial, que foi incoado en abril de 2017.

Durante o proceso o Consello da Cultura Galega, a Real Academia Galega de Belas Artes e a Universidade de Santiago de Compostela emitiron informes favorábeis á declaración.

A Cova de Eirós é a única na Galiza con pinturas rupestres. Acolleu presenza humana durante 150.000 anos. Conta cun excepcional valor científico e patrimonial ao abranguer o xacemento paleontolóxico no fondo da cova e o xacemento arqueolóxico coa dilatada secuencia de ocupación.

Asociacións como ADEGA e Salvemos Cabana loitaron durante os últimos anos pola declaración da cova como Ben de Interese Cultural. A asociación ecoloxista chegara a demandar a Consellaría de Cultura por incumprir as obrigas legais a respecto do máximo expoñente do Paleolítico na Galiza. Salvemos Cabana, pola súa banda, criticara a licenza concedida polo Concello de Triacastela a Cementos Cosmos para reiniciar a extracción mineira en Don Isidro.

O extinto grupo parlamentar de AGE presentara unha batería de medidas para preservar a cova tanto no Parlamento de Galiza como na Eurocámara, ao entender que a licenza a Cementos Cosmos vulneraba o estabelecido no Convenio Europeo para a Protección do Patrimonio Arqueolóxico e o Convenio Europeo da Paisaxe.