MARILAR ALEIXANDRE ENTRA NA RAG

“Creo que fixen bastante para dicir que son galega”

“Creo que fixen bastante para dicir que son galega”
Marilar Aleixandre durante a entrevista [Foto de Natalia Porca]
Marilar Aleixandre durante a entrevista [Foto de Natalia Porca]  

Marilar Aleixandre (Madrid, 1947) convértese este sábado na sexta académica de número da RAG. E alén disto e da súa actividade política no último ano, conversamos con ela tamén sobre ‘Desescribindo’, o seu quinto poemario, editado o mes pasado por Apiario, e sobre a reedición de tres poemarios seus que non estaban accesíbeis ao público. 


- Vas ingresar na Real Academia Galega en substitución de Neira Vilas. Que supón para ti?
- Entrar na Academia é unha honra. Supón un recoñecemento a unha traxectoria e neste caso, ademais, o número de mulleres na Academia é moi pequeno, comigo somos 6. Despois máis adiante entra Chus Pato e seremos 7, pero de 30. Eu creo que é importante que haxa mulleres, pero sobre todo que haxa feministas, mulleres que axuden a crear esa nova paisaxe cultural da Galiza. Neira Vilas é unha persoa moi especial coa que eu tiña relación persoal. A outra vez que eu estiven proposta hai 4 anos el foi unha das tres persoas que asinou a proposta e era unha persoa moi comprometida con todo o que é a loita social 

- No último ano rexorde a túa voz máis política, sendo voceira de Compostela Aberta. Isto supoño que xa estaba en ti, mais porque decidiches incorporarte agora á política activa?
- Tiven unha militancia política na miña mocidade, nos tempos do franquismo na clandestinidade, desde que tiña 17 anos e entrei na universidade. Despois formei parte de Esquerda Galega, fun coordinadora da campaña de non á OTAN. Sempre tiven unha actividade cidadá, por exemplo, a favor do galego, en contra do decreto do trilingüismo, ou aquí en Compostela cando querían adicarlle unha rúa a Manuel Fraga. Sempre considerei que as persoas teñen que ter un compromiso e máis cando hai inxustizas, o que pasa é que ese ano, no 2015, volvín recuperar a ilusión. Aí ten que ver moito Martiño e o proxecto de Compostela Aberta. Entón díxenlles que estaría un ano e eu deixo agora, non podo estar en tantas cousas. 

“Creo que é importante que haxa mulleres [na Academia], pero sobre todo que haxa feministas”


IMG_0065

-Como escritora es máis coñecida polas túas obras narrativas, tanto para adultas e adultos como para mozas e mozos. Que achega a poesía a un perfil tan polifacético coma o teu?
- A miña traxectoria é contraria á de moita xente que comeza facendo poesía e logo fai narrativa. Eu nunca escribín poesía cando era nova, escribín relato curto desde que estaba na universidade. Daquela era moi difícil publicar para a xente nova. Por iso eu teño dito en moitos sitios que eu comecei a escribir redactando panfletos para revistas clandestinas, porque realmente as primeiras cousas que publiquei eran sen nome. Mais despois de ter feitas cousas en galego e acadar premios como o Álvaro Cunqueiro, no ano 98 confluíron varias cousas. Por unha banda, as malas compañías, porque eu andaba coa xente do Batallón literario da Costa da Morte, o que despois foi Letras de Cal, ía a recitais con eles e lía un relato curtiño, pero non era o mesmo que a xente que lía poemas. Por outra parte, coincidiu que facía traducións para distintas revistas e publicaba unhas traducións de Sandra Cisneros, poeta e narradora estadounidense e publiquei dous poemas dela que estaban inéditos na Festa da Palabra Silenciada. Fran Alonso pediume que traducira o libro que se chama en galego ‘Muller Ceiba’ e, xunto con iso, un irmán meu tróuxome coma un diario de neno que miña nai escribiu coma no meu nome, e dicía cousas como que eu collía un libro e non me decataba de nada do que pasaba ao redor. Ela morreu cando eu tiña 25 anos e eu collín todo iso. A primeira parte de ‘Catálogo de velenos’ é un diálogo entre filla e nai. 

- Vés de publicar ‘Desescribindo’, mais tamén Galaxia vai reeditar tres poemarios teus que non estaban accesíbeis –‘Catálogo de velenos’, ‘Abecedario das árbores’ e ‘Mudanzas’-. Medra así o teu perfil poético.
- Con motivo das presentacións de ‘Desescribindo’ houbo bastantes persoas que me preguntaron por ‘Catalogo de velenos’ e tamén por ‘Mudanzas’. Son tiraxes que se esgotaron, polo que estou moi contenta de que Galaxia aceptase reeditar eses tres. 

“Sempre considerei que as persoas teñen que ter un compromiso e máis cando hai inxustizas, o que pasa é que ese ano, no 2015, volvín recuperar a ilusión. Aí ten que ver moito Martiño e o proxecto de Compostela Aberta"

- “somos palabra / no principio / nosoutras somos verbo”, dis en ‘somos Verbo’, o segundo texto de ‘Desescribindo’. “Hoxe, aquí / empuño o lapis para desescribir / contra o papel que absorbe a tinta”, escribes en ‘contar ou descontar’. Poderiamos dicir que estes versos conteñen a mensaxe de ‘Desescribindo’?
- Pode ser. Eu non sei se os poemarios teñen mensaxe, pero desde logo unha idea que hai en ‘Desescribindo’ tamén esta en moitos dos meus libros anteriores. En ‘Ovella descarreirada’, decateime de que había unha parte que era desescribir, e tamén en ‘Mudanzas’, que describín as metamorfoses. Digamos que é unha idea que se cadra estaba implícita noutros textos meus e aquí está máis clara. Entón si, neses versos está a idea de que nós tamén somos verbo, non somos os espazos en branco entre as palabras.  

- Aludindo ao título, xa dicías en ‘Desmentindo a primavera’,  o teu segundo poemario, “por que lume  conspirado co vento / desescribes no monte / a miña voz”ou “en tanto nas páxinas cicatriza / o que foi desescrito”.
- Non me decatei diso até hai uns días, precisamente mirando os distintos poemarios para xuntar o volume de Galaxia. Aínda que ‘Desmentido a primavera’ e a ‘Ovella descarreirada’ non vai estar aí porque son accesíbeis. Non lembraba que tiña esa idea. É un pouco diferente porque fala de plantar e volver plantar, que é unha cousa que as galegas e os galegos fan decote cando hai incendios. Ese poemario é todo referido a cando morreu o pai do meu compañeiro. É un pouco o que pasa cando morre a última persoa que viviu nunha casa. El debeu plantar como sete veces distintas partes do monte arrasada polos incendios. A metáfora é que plantar e escribir e cando vén o lume desescribe todo iso.

“O  feminismo é o que percorre toda a miña vida”

- ‘Desescribindo’ está dividido en 3 partes: nas marxes da folla, lembranza de Babel e de quen é a voz. Por que está  división? Ademais, algúns dos poemas xa foran publicados con anterioridade
- Todos os poemarios que fixen até agora teñen 33 poemas e están divididos en 3 partes, menos ‘Abecedario das árbores’, que está dividido en 4. Entón é unha cousa que fixen até o de agora. Teñen relación pero son diferentes. Os primeiros poemas do libro son os que están en lembranza de Babel. Aí fálase dunha parte de desescribir que é recuperar a memoria da xente que foi borrada. Fala de persoas e de cidades.

- Ao longo do percorrido poético empregas citas da 'Xénese'. Xa había en ‘Mudanzas’, o poemario anterior, referencias á Metamorfose.
- Non son unha persoa crente, pero tiven unha educación, coma moita xente da miña xeración, na que as historias da Biblia son moi familiares. O primeiro poema do libro escribino por unha exposición que vin en Londres de manuscritos iluminados. Había un que tiña nas marxes un debuxo, entón iso foi o que me deu a idea. Polo que si, efectivamente está esa historia relixiosa. O que pasa é que a historia de Babel pode interpretarse de moitas formas.

- O deseño de ‘Desescribindo’ da autoría de Mauro Trastoy,  é como se fose a alma da túa poética. En todos  os teus libros a natureza está, ás veces máis agochada e outras menos, mais sempre está. Cóidala. 
- É un privilexio enorme publicar en Apiario. Cando me escribiron Antía Otero e Dores Tembrás para dicirme que se quería publicar un libro, tiña escrito como un terzo nada máis, pola miña actividade política, porque son profesora na Universidade, e díxenlle que si, que ía acabar este libro. Tiña moitas cousas del na cabeza. É unha marabilla como editan. O coidado e o cariño. Sei que a natureza ten moito que ver coa miña poesía, pero non era consciente que neste libro tanto. Foi unha interpretación tanto das editoras como de Mauro. E como dis ti, e en todos os meus libros, para min está moi claro en ‘Abecedario das árbores’, pero está en todos. De feito é algo do que vou falar no discurso de ingreso na Real Academia Galega. Son bióloga, sempre tiven moita relación con iso, supoño que vén de serie [risos].

“Nós [as mulleres] tamén somos verbo, non somos os espazos en branco entre as palabras”

- En ‘Catálogo de velenos’ falabas dunha faneca brava que está de novo en ‘Desescribindo’.
- Na praia de Estorde, en Cee, hai moitas fanecas bravas. Eu tomábaa un pouco como metáfora do amor. Podes ter unha frecha de Cupido pero aquí na Galiza o que temos é a faneca brava. Hai un ou dos poemas dedicados á faneca brava en ‘Ovella descarreirada’. ‘Estorde, 27 de xuño’ é bastante literal. Estaba na praia, a auga estaba morna e ocorréuseme o da faneca brava porque segundo din en Fisterra é unha das praia onde hai máis fanecas bravas. Ao mesmo tempo estaba lembrando que acaba de falar cun rapaz que traballa na ameixa. Esta xente levanta moito peso e aos 30 anos están coas vértebras trabadas. 

- Outro tema a destacar na túa poética, mais tamén na narrativa, é o feminismo, que volta estar en ‘Desescribindo’. Con todo, hai poemas no que é máis explícito que outros. Por exemplo en ‘auga na lúa’ ou en ‘as debandadoras de seda’.
- É interesante que o vexas aí. Eu son feminista, creo que hai que dicilo e eu non teño ningún medo. Ademais é o meu primeiro compromiso. Entrei en política por iso, o  feminismo é o que percorre toda a miña vida, mesmo desde o punto de vista da investigación. Creo que na maioría das veces, por exemplo, en narrativa, non se dá un discurso sobre feminismo, senón que é algo que se manifesta na ollada. O que pasa é que estamos tan habituados a que a ollada sexa patriarcal que cando hai a ollada feminista parece unha cousa rara. Ideoloxía  ten todo o mundo, pero parece que só temos ideoloxía a xente de esquerda. Pois isto igual. As feministas temos unha ollada particular. Pero hai moitos feminismos. Este ano coordinei o penúltimo número de Grial que se chama así, ‘Feminismos’. Un poemario, como por exemplo ‘Mudanzas', que colle as metamorfoses, que basicamente é unha historia de violacións, colle a voz das violadas. Ou en narrativa ‘A Cabeza de Medusa’, que é unha novela xuvenil. O peor é a violación social. Eu teño varias cousas sobre o tema, o que pasa é que antes a crítica non o lía. En ‘Lobos nas illas’, que é unha das primeiras cousas que publiquei de adultos, hai unha historia que se chama ‘Terror na madrugada’ que é un conto contra os malos tratos. Gañei o primeiro premio de novelas por entrega de La Voz de Galicia con ‘Unha presa de terra’, que está centrado na violencia machista e nos malos tratos, pero iso a crítica non o viu. As mulleres que leron o libro si. ‘Catálogo de velenos’, cuestiona a relación entre nai e filla. Aquí en ‘Desescribindo’, hai poemas como ’somos Verbo’ que son máis explícitos. As ‘debandadoras de seda’ foi escrito para o primeiro Implícate, pódese entender como feminista pero tamén trata a cuestión do colonialismo. ‘auga na lúa’ é un encargo, creo que é o último poema que escribín, tamén para un proxecto de Manuela Palacios de como afecta as migracións ás mulleres.

“Sei que a natureza ten moito que ver coa miña poesía, pero non era consciente que neste libro tanto”


-Neste poema, en ‘as debandadoras de seda’ falas dun verme. Un verme que xa estaba en ‘Catálogo de velenos’, o teu primeiro poemario. 
- En ‘Catálogo de velenos’ hai unha metáfora entre o verme e o veleno. A outra alternativa é a vellez. Miña nai morreu moi nova, no caso dela foi o veleno, non a mazá. Neste, en ‘Desescribindo’, hai os bichos da seda. 

- Ao igual que o feminismo, que está presente dun xeito ou outro en todos os poemarios, hai unha serie de conceptos que abundan en ‘Desescribindo’ e que xa estiveran antes, como é o leite, o sangue, o coitelo, as magnolias, o sal e os dentes. 
- En ‘Catálogo de velenos’ hai bastantes coitelos porque utilizo varias metáforas de como aprendín galego. Sempre se di que a lingua se mama. Eu non a mamei, pero hai outros líquidos como o seme, o sangue, etc. Hai un poema que di, “coidado con lamber o sangue dos coitelos podes mancar a lingua”. Hai toda unha mitoloxía de que o sangue de algúns animais, coma o dragón, pode dar poderes. Eu digo que este non é o sangue do último dragón. Digo sempre que teño a lingua gallada. A miña lingua nai é o castelán. Hai un poema ao comezo de todo de ‘Desescribindo’ adicado a meu pai, ‘meu pai repróchame que traizoe a súa lingua’. El morreu hai 2 anos. Cada vez que sacaba un libro novo dicíame 2 preguntas: como vai asinado o libro, Jiménez Aleixandre? E eu dicíalle Aleixandre que é como asino a literatura. E tamén en que está? En galego, bueno [risos]. Nunca me dixo como non escribes en castelán? Pero si que había ese reproche. Eu adoitei o galego. Creo que fixen bastante para dicir que son galega. Sempre que adoitas unha deixas de falar outra.







 



x