A crise do cinema comercial sitúa os cineclubes como unha alternativa

A crise do cinema comercial sitúa os cineclubes como unha alternativa
cinema
cinema  

A medida que as salas de cinema botan o feche, os cineclubes incrementan a súa audiencia. Conversamos con tres destes proxectos afincados desde hai anos en Galiza, o cineclube Padre Feijóo (Ourense), o Valle-Inclán (Lugo) e co Cineclube Compostela sobre a crise do sector e as súas alternativas. 


"De entre todas as artes o cine é para nós a mellor de todas"

Esta frase atribuída a Lenin describe á perfección a importancia que o cinema tivo desde o seu nacemento a finais do século XIX. Daquelas primeiras imaxes en movemento que os irmáns Lumière proxectaban polas vilas e cidades da Franza até hoxe decorreu xa ben máis dunha centuria (a patente do cinematógrafo é de 1895) e as melloras técnicas mudaron de maneira máis que notábel o denominado séptimo arte. Mais o certo é que nas últimas décadas o cinema está a padecer unha forte crise debida entre outras razóns a esas novas tecnoloxías que permitiron o seu desenvolvemento. 

A crise do sector cinematográfico

A Internet e as mudanzas que esta introduciu nos hábitos de consumo cinematográfico, a posibilidade de visionado on-line dos filmes e mesmo a fiestra que a rede supón ao cinema creado en calquera parte do mundo supuxo un duro golpe para unha industria que mantén --na práctica-- o mesmo modelo de xestión e distribución desde hai décadas. 

O prezo e a escasa oferta do cinema comercial, entre as principais causas da crise do sector

Mais non só a descarga gratuíta de peliculas a través da rede influíu na crise do sector. Os prezos das entradas aumentaron de maneira notábel na última década. Así, se en 2004 o billete custaba arredor dos 4,8 euros de media --segundo os dados fornecidos por Facua-- en 2012 o custo roldou os 7,8 euros e mesmo alcanzou os 8 euros en cidades como Pontevedra. 

Así as cousas, o consumo de filmes non desceu. Se ben moitas salas botaron o feche, outras iniciativas viron aumentar a súa audiencia de maneira proporcional á queda en picado das grandes distribuídoras que veñen, aliás, de encetar unha guerra de prezos na procura de ar fresco para as salas de exposición. Este é o caso dos portais de visionado on-line e dos cineclubes. 

Desde o cineclube Padre Feijóo (Ourense), Valle-Inclán (Lugo) e cineclube Compostela están [email protected] de que son "o prezo" e "a escasa oferta dentro do cinema comercial" os principais problemas que atinxen o sector. Neste senso preséntanse como unha alternativa que, embora ter xurdido na década dos 70, está a ter grande suceso nos últimos anos. 

A posibilidade de ver ese outro cinema que non ofertan os circuítos  comerciais e outra experiencia como expectadora, os puntos fortes dos cineclubes

"A audiencia dos cineclubes aumenta cada ano", afirma Manuel Barbeito desde o Padre Feijóo de Ourense. "A posibilidade de ver ese outro cinema que non ofertan os circuítos comerciais de cinema, e de ter outra experiencia como espectadora debatendo os filmes en grupo" e mesmo participando na escolla destes, afirma Lara Rozados desde o cineclube de Compostela, sitúan estes espazos como unha oferta cultural alternativa moi asequíbel. "Nós non cobramos entrada", indica Tonina desde o cineclube Valle-Inclán de Lugo, mais algúns deles presentan prezos populares cos que financiar os gastos, que non superan os 3 euros. 

Unha alternativa. O proxecto Grundtvig

A desaparición de moitas salas de exposición e o baleirado de contido destes espazos após botaren o feche deita numerosas preguntas a respeito de que facer con estes espazos como a sala Iago en Compostela --tapiada pola policía española após desaloxar ao movemento 15M dunhas instalacións abandonadas desde hai anos. "A cesión destes espazos a cineclubes ou asociacións que mantivesen unha programación regular", apunta Lara desde Compostela, podería ser unha solución a esta realidade cada vez máis frecuente. 

Neste senso, Lara debulla unha iniciativa desenvolvida en Liberec, República Checa, onde "un grupo de mozos está a xestionar, despois de cedérllelo o concello, a programación do Kino Varsava, un vello cine de alá". Mais desde Compostela están [email protected] de que "aquí é utópico pensar que as institucións lle cedan a cidadanía os espazos para elaborarmos a nosa propia programación cultural", embora, din, "fose o máis coherente".