Cristian Silva íspese para presentar o seu primeiro disco, 'Ego'

Cristian Silva íspese para presentar o seu primeiro disco, 'Ego'
Cristian Silva
Cristian Silva  

É coñecido polo gran público por ser o membro do xurado que fai o papel de malo no concurso 'Vai de gaita' do Luar. Pero é un multiinstrumentista que estrea o vindeiro mes o seu primeiro disco, cuxo título semella toda unha declaración de intencións.


A gaita levada ao mundo do pop, do rock ou mesmo da electrónica. Ou iso parece logo de coñecer o seu primeiro single, “A insignificante historia do home astronómico”, que vai un paso máis aló do que se ten feito até o momento coa gaita. E todo isto adubiado cunha estética potente, provocadora e pouco vista nun mundo da cultura galega onde estes adxectivos son escasos. 

O disco seica estará listo para levar a finais de ano e será presentado no Culturgal o sábado 5 de decembro, ademais da estrea o 24 de novembro dunha curtametraxe co primeiro single. Os dez temas que o compoñen están producidos e interpretados por el, chegando a tocar medio cento de instrumentos. Soamente conta con colaboracións de artistas como Davide Salvado, a quen ten acompañado no seu disco, Pedro Pascual ou o grupo Pandeiromus.  

Editado por Inquedanzas Sonoras, Ego leva o son da gaita e da percusión tradicional a un plano distinto, diferente e anovador. Dese xeito, o tradicional viaxará cara a unha sonoridade indie-pop con tintes de rock, flamenco e música electrónica. 

Ademais de membro do xurado no concurso Vai de Gaita do Luar, Silva é profesor no Conservatorio Profesional de Música Xan Viaño de Ferrol e no Conservatorio de Vilagarcía. Até o momento só o coñeciamos musicalmente a través das súas múltiples colaboracións con artistas da altura de Susana Seivane, Davide Salvado, Rosa López ou Carlos Núñez.