Crítica de cinema: 'Ad astra', por A. Castro

Crítica de cinema: 'Ad astra', por A. Castro
ad astra
ad astra  

O comandante Roy McBride recibe a misión de ir na procura de seu pai, o doutor Clifford McBride que, anos antes, viaxara Neptuno nunha misión de procura de vida extraterrestre.


James Gray (Z, a cidade perdida) describe Ad Astra como unha sorte de mestura entre Apocalypse Now e 2001: unha odisea do espazo. Algo que pode resultar fachendoso e levantar suspicacias así de primeiras... como cando veu Renaldo ao Depor dicindo que era unha mestura de Ronaldo máis Rivaldo, mais non é unha mala definición a que fai Gray. Certamente atopamos elementos narrativos (e chiscadelas) tanto o filme de Coppola como o de Kubrick que nos invita a non desbotar de todo tamaña afirmación.

O título do filme alude á locución latina: “ad astra per aspera” (“un camiño duro conduce ás estrelas”). Locución que adoitan utilizar NASA para despedir un/unha astronauta. Conta no reparto con Tommy Lee Jones (O fuxitivo), Liv Tyler (Armaggedon), Donald Sutherland (Space Cowboys) ou Loren Dean (Gattaca). Pero por moito actor ou actriz de reparto de renome, o prota indiscutíbel é, de longo, Brad Pitt, que para iso tamén é produtor da cinta...

Pitt interpreta o comandante Roy McBride. A impresionante secuencia inicial na Estación Espacial Internacional, ademais de deixarnos pampos, describe á perfección do que é capaz este home de acción. Un tipo sereno, con non máis de 60 pulsacións (no peor dos casos). Altamente cualificado para afrontar calquera situación. Sempre alerta. Implicado. Seguro de si mesmo. Autoconsciente. Guapo. O seu único defecto semella ser que antepón as estrelas a súa vida amorosa... o seu punto feble.

Un día recibe a encomenda de viaxar a Neptuno para parar os pes ao seu pai (Tommy Lee Jones) que semella estar detrás dunhas ondas destrutivas antimateria lanzadas á Terra desde a nave na que, fai anos xa, fora lanzada para desenrolar o “Proxecto Lima”, un antigo programa espacial que procuraba vida extraterrestre desde o último planeta do Sistema Solar. Se Roy non detén a tempo o seu pai a vida humana corre o risco de desaparecer do Universo.

A partir de aquí iníciase unha viaxe ao “corazón das tebras” de Pitt no que se irán alternando momentos de introspección e beleza espacial con elaboradas secuencias de acción. Unha viaxe aos confíns do Sistema Solar onde a personaxe principal non só logra descubrir quen é realmente seu pai, ademais vai desenrolando un arco de transformación e descubrimento persoal radical no que logra atoparse a si mesmo. Pois si, moitas reminiscencias e paralelismos atopamos coa novelas de Joseph Conrad e de Arthur C. Clarke.

Ademais procura ser fiel aos preceptos da aeronáutica mais non dunha forma tan meticulosa como Kubrick ou, máis recentemente, Christopher Nolan en Interestellar. Aquí prima o ritmo e a acción así que pasaron por alto algúns temas tan evidentes como os tempos de retardo (tanto nas comunicacións interplanetarias como nas distancias percorridas) ou que as ondas expansivas no espazo son imposíbeis por falta de atmosfera. “Minucias” que, máis de un ou unha, faralle saír do filme en máis dunha ocasión.

Con todo, e á marxe destes erros, o filme é practicamente perfecto. Funciona. Sabe compaxinar ben as escenas máis intimistas coas de tensión. Os efectos visuais son abraiantes. A trama é coherente. O reparto está convincente, incluso Brad Pitt... Pero sabedes que hai un “pero”... e lamentablemente está xusto no final. Estaba todo ben ata o epílogo. A lamentábel escena final adoutrina, é plana e desentoa tanto co que acabamos de ver que custa crer que non sexa unha imposición dos estudos e/ou da produtora. Que mágoa tan grande.

Isto lévanos á sempiterna pregunta: un mal final pode provocar que un excelente filme sexa peor do que realmente é? Pois o certo é que non debería... pero é que á inversa tamén acontece.

Ad Astra

República Popular da China-EUA 2019, 123 min.)

Dirección: James Gray

Guión: Ethan Gross e James Gray

Fotografía: Hoyte van Hoytema

Música: Max Richter

Elenco: Brad Pitt, Tommy Lee Jones, Donald Sutherland, Ruth Negga, Loren Dean, Donnie Keshawarz, Kimberly Elise, Sean Blakemore, Liv Tyler