CRÍTICA DE CINEMA

Crítica de cinema: 'Doutor Soño', por Andrés Castro

Crítica de cinema: 'Doutor Soño', por Andrés Castro

Dan Torrance (Ewan McGregor) trata de afogar na bebida os recordos do acontecido no Hotel Overlook cando era cativo. Após chegar unha pequena vila é acollido por unha comunidade que o axuda a deixar o alcoholismo. Pronto recupera o “resplandor” e comeza unha conexión psíquica cunha nena que semella ter máis poder que el. Isto chama a atención dun grupo de seres escuros que se alimentan das almas da xente que resplandece...


Esperada secuela de O resplandor dirixida por Mike Flannagan (Ouija: a orixe do mal), cineasta especializado no xénero de pantasmas e de medo, creador da aclamada serie de terror A maldición de Hill House (emitida na plataforma Netflix), pero cun historial ás costas que se antolla insuficiente para afrontar a tamaña empresa de continuar unha das máis grandes obras mestras do cinema en xeral, e do xénero de terror en particular.

Adapta a novela homónima que Stephen King escribiu en 2013 e que viña “explicar” o que pasou con Danny Torrance cando se fixo maior. Flannagan tiña que decidir se continuaba no punto onde remataba a novela de King ou onde remataba o filme de Kubrick pois, lembremos, remataban de maneira distinta. Optou polo segundo. Non era lóxico deixar pasar a oportunidade de aproveitar a nostalxia dun público ansioso por ver o Hotel Overlook en pé e cos decorados intactos.

Tal e como pasara coa secuela de Blade Runner, emprender unha continuación cinematográfica deste calibre supón soportar a terríbel presión de milleiros de cinéfilos e cinéfilas aos que vai ser bastante doado decepcionar. Pero Doutor Soño xoga noutra liga. Conscientes que era imposíbel superar, ou igualar, o feito por Kubrick, simplemente decidiron homenaxealo con algunhas escenas realizadas de maneira premeditadamente idéntica, tratando, á vez, de satisfacer ese público ansioso por presenciar algún escintileo de O resplandor.

Dan Torrance –antes Danny– xa ten barba e unha constante de bares, mulleres diferentes cada noite e resacas polas mañás. Unha forma de vida que mantén a raia as súas lembranzas sobre o seu pai e o acontecido no Hotel Overlook cando era unha crianza. Un día decide cambiar de vida. Colle un autobús e acaba nunha pequena vila onde o acollen cos brazos abertos. Ao tempo que recupera a sobriedade os seus poderes renacen con forza. Comeza entón unha amizade psíquica con Abra Stone, unha nena que está a centos de quilómetros de distancia. Pronto chamarán a atención dun grupo chamado O Nu Verdadeiro, unha panda de bruxos escuros e meigas ancestrais que se alimentan de seres de luz con poderes como os que teñen Dan e Abra.

O universo Stephen King queda perfectamente plasmado nunha historia con reminiscencias ao Cazador de Soños, It ou A torre escura, pero tamén a filmes como Os viaxeiros da noite (1987, Kathryn Bigelow) ou O sexto sentido (1999, M. Night Shyamalan). En Doutor Soño o terror, que o hai, queda bastante diluído dentro dunha trama chea de intriga, suspense e fantasía sobrenatural aderezada con pantasmas e seres míticos que, curiosamente, teñen bastantes puntos en común aos seres que habitan nas supersticións e lendas da Galiza.

Unha digna secuela na que destaca a atmosfera creada e a exposición das regras sobrenaturais do xogo. Agradécese tamén o intento por facer algo diferente, o cal choca coa reiterada insistencia final por empatar planos, secuencias e lugares que homenaxean O resplandor de Kubrick. Haberá quen lle guste pero Spielberg xa fixo o propio fai ben pouco, e con excelentes resultados, dentro da “cyberspace ópera” Ready Player One.

A sensación final con Doutor Soño é parecida á de ir un concerto do teu grupo musical favorito que está de xira para presentar o seu último disco. Ti vas igual porque é o teu grupo favorito, pero o que realmente queres é escoitar as cancións que máis che molan. Comezan cun “grandes éxitos” pero o groso do concerto son cancións novas do novo disco e só tocan as máis famosas ao final, nos bises. Iso si, non as tocan “coma sempre” porque xa están fartos de tocalas e fanlles uns arranxos que provocan que semellen outras cancións. Saes do concerto algo decepcionado comentando que o grupo estivo xenial xusto nas cancións do medio que non coñecías tanto... Pois así é Doutor Soño. O bo está no medio.

Doctor Sleep

(EUA 2019, 151 min.)

Dirección e guión: Mike Flanagan

Fotografía: Michael Fimognari

Música: The Newton Brothers

Elenco: Ewan McGregor, Rebecca Ferguson, Kyliegh Curran, Zahn McClarnon, Carl Lumbly, Carel Struycken, Emily Alyn Lind, Bruce Greenwood, Alex Essoe, Catherine Parker, Robert Longstreet, Zackary Momoh, Jocelyn Donahue, Selena Anduze, Jacob Tremblay, Henry Thomas, Met Clark, Dakota Hickman, Roger Dale Floyd