Crítica de cinema: 'O mestre da auga'

Crítica de cinema: 'O mestre da auga'

Unha conxunción de elementos a priori atractivos mais o proxecto quédalle ben grande a un Russell Crowe incapaz de enlazar unha historia.



Título orixinal: The Water Diviner

Ano: 2014

Duración: 111 min.

Coprodución: Australia, Estados Unidos e Turquía

Directora: Russell Crowe

Guión: Andrew Anastasios e Andrew Knight

Fotografía: Andrew Lesnie

Música: David Hirschfelder

Elenco: Russell Crowe, Olga Kurylenko, Jai Courtney, Isabel Lucas, Megan Gale, Damon Herriman, Ryan Corr, Cem Yilmaz, Jacqueline McKenzie, Yilmaz Erdogan, Dan Willye, Deniz Akdeniz

Sinopse

Connor (Russell Crowe) é un granxeiro australiano que viaxa a Turquía catro anos despois da batalla de Gallipoli para saber que pasou cos seus fillos desaparecidos en combate. Durante a procura terá que colaborar cos que asasinaron aos seus fillos para enfrontarse ás autoridades británicas e ás guerrillas gregas que asolan o país.

Crítica

Tiña curiosidade por ver o debut na dirección do “gañador dun Óscar” Russell Crowe que ademais faino cun ambicioso proxecto arredor da batalla de Gallipoli. Unha estrea bastante oportuna pois este ano é o centenario da contenda. Exercicio un tanto oportunista onde aproveita para dar renda solta a un egocentrismo exacerbado camuflado de patriotismo sensibleiro. Para comezar ponse el mesmo de protagonista: un granxeiro australiano chamado Connor, con certas dotes adiviñas para saber onde hai auga, perde a tres fillos na batalla de Gallipoli, interpretados por Ryan Corr, James Fraser e Ben O’Toole.                                                                                             

Tras catro anos sen nova algunha, decide ir ver que pasa. Chega a Istambul e hospédase nun hotel rexentado por Olga Kurylenko -chámalle parvo- que de primeiras vai miralo con receo por ser o inimigo australiano, pero todos sabemos que acabará poñéndolle olliños. Connor comeza a procura por todo o país otomán pero, claro, non vai ser nada doado. Para empezar o exército británico controla o lugar así que vaille ser difícil convencelo para que poida buscar. Pero como home obstinado que é, conseguirá convencer ao tenente coronel Hughes (Jai Courtney) para que lle axude no seu propósito. A todo isto únese tamén o Maior Hassan (Yilmaz Erdogan), un oficial turco que probablemente sexa o responsable da morte dos seus fillos, co que tamén fará boas migas. E así, o que comeza cunha procura familiar vaise converter nunha das maiores aventuras da súa vida. Romance, batallas, aventura, redención, épica... 

Unha conxunción de elementos a priori atractivos mais o proxecto quédalle ben grande a un Russell Crowe incapaz de enlazar unha historia coa que pretendía homenaxear a tódolos desaparecidos na guerra 

Unha conxunción de elementos a priori atractivos mais o proxecto quédalle ben grande a un Russell Crowe incapaz de enlazar unha historia coa que pretendía homenaxear a tódolos desaparecidos na guerra que aínda viven na memoria dos seus seres queridos. Hai pouco que destacar do filme. Nin música, nin fotografía, nin guión, nin interpretacións. Todo bastante plano. Iso si, ten unha coidada ambientación... pero iso non chega para obviar unha presentación pobre de personaxes, fallos continuos de racord, imaxes que non veñen a conto, conflitos pillados con pinzas e certos momentos de vergoña allea que case prefiro esquecer... En fin, unha historia que ben podería caber nunha curtametraxe, cousa pola que debería haber comezado para practicar antes de pórse a dirixir un largo destas características.

Con todo, o meirande problema d’O Mestre da Auga é o propio Russell Crowe na faceta interpretativa. Non resulta nada crible pese aos esforzos por aparentar solemnidade. Para comezar xa desentoa o peiteado impoluto impropio dun granxeiro das chairas australianas, nin Íker Jiménez daría crédito ao sexto sentido que ten para detectar onde están enterradas as cousas, por non dicir xa ese eterno careto de circunstancias que pon durante toda a metraxe que xa debería ser suficiente para invalidarlle dunha vez o Óscar que acadou, inxustamente, en Gladiator. Aínda que para ser xustos, merecíao por Unha Mente Marabillosa e incluso por Master and Commander. O cal constata que Russell Crowe precisa de bos directores para destacar como actor. E neste caso xúntanse a fame coas gañas de comer. Resumindo... se o intento era o de emular o éxito do seu ‘compatriota’ Mel Gibson con Braveheart, a cousa queda niso: en intento.