Crítica de Cinema: "Nebraska", calidade sen Óscar

Crítica de Cinema: "Nebraska", calidade sen Óscar
.
.  

Woody Grant (Bruce Dern), un vello con principios de demencia senil, recibe un suposto premio por correo. Pensando que se volveu rico insta ao seu fillo David (Will Forte) a emprender un viaxe para poder cobralo. Tras o receo inicial, a viaxe irá tendendo fortes lazos paterno filiais.


Ano: 2013
Duración: 115 min.
Nacionalidade: Estados Unidos
Director: Alexander Payne
Guión: Bob Nelson
Fotografía: Phedon Papamichael
Música: John Ottman e Alexander Rudd
Reparto: Bruce Dern, Will Forte, Stacy Keach, Bob Odenkirk, June Squibb, Angela McEwan, Mary Louise Wilson, Missy Doty

CRÍTICA

Aínda soan ecos de Óscar nas pantallas de cinema. “Nebraska” foi unha desas que tivo máis nominacións: Mellor Película, Mellor Director, Mellor Guión Orixinal (Bob Nelson), Mellor Actor (Bruce Dern), Mellor Actriz Secundaria (June Squibb) e Mellor Fotografía (Phedon Papamichael). E a pesar de que non gañou nada non lle falta calidade e incluso se trata dunha das mellores que se presentou no certame. Mais parece ser un handicap importante non contaren cun padriño coma Brad Pitt para apoiar o proxecto, (véxase “12 anos de escravitude”, a gañadora da noite).

Á fronte de “Nebraska” está Alexander Payne, un dos directores máis persoais do momento, autor, entre outras, de “Os descendentes”, “Entre copas” ou “A propósito de Schmidt”. De feito “Nebraska” bebe un pouco desta última na que saía un desorientado Jack Nicholson, nominado ao Óscar ao Mellor Actor no momento pero superado pola sobrecolledora interpretación de Adrien Brody en “O pianista” (2002, Roman Polanski).

En “Nebraska” o desorientado é Bruce Dern, tamén nominado pero superado (inxustamente) por Matthew McConaughey por baixar de peso en “Dallas Buyers Club”. Pero coma sempre, as comparacións son odiosas. Iso si, Bruce Dern si foi recoñecido co premio ao Mellor Actor no Festival de Cannes, onde soen ter mellor gusto que en Hollywood. Desde a primeira aparición de Dern en pantalla, camiñando por unha autoestrada e detido por un policía bastante condescendente (ton que se manterá durante todo o filme), cómese cada plano no que aparece. Un breve plano secuencia onde se conta un montón de cousas con apenas catro pinceladas. A altura de poucos a verdade. En canto á historia vai dun home vello, empeñado en que cree que gañou un millón de dólares, e do seu paciente fillo (Will Forte), cunha sensibilidade que xa quererían moitos, que se embarcan nunha road-movie na procura do suposto premio na que estreitarán lazos e no que un descubrirá as súas raíces, nunha mestura de aceptación e orgullo, e ao outro lle suporá unha viaxe ao pasado no que revivirá momentos mellores cheos de lembranzas e cumprirá o seu derradeiro desexo, por moi sinxelo que pareza.

"A escena final do filme é de sacarse o chapeu. Tamén nunha soa secuencia a través dunha estrada logra resumir toda unha vida de maneira maxistral".

A escena final do filme é de sacarse o chapeu. Tamén nunha soa secuencia a través dunha estrada logra resumir toda unha vida de maneira maxistral. A estrada no comezo e no final como metáfora do que conduce ao inevitable. E dentro do triste que poida parecer o filme, en realidade é unha comedia na que Alexander Payne logra sacar sorrisos en lugar de humedecer os ollos do persoal. Película en branco e negro cunha excelente fotografía de Phedon Papamichael, habitual de Payne desde “Entre copas” que, xunto coa música de John Ottman e Alexander Rudd, nos traslada á Norte-América profunda chea de personaxes atípicos e moi carismáticos. Oda á vellez e crítica punzante á familia e aos intereses creados a través dunha encantadora e doce historia protagonizada por personaxes reais que están fóra de todo canon e patróns estéticos. Destacan o papel da nai, unha muller sen filtro ningún e máis bruta que un arado, que lle valeu unha nominación a June Squibb, así coma o papel de antigo amigo (e rival) interpretado por un recuperado Stacy Keach, o mítico Mike Hammer dos anos 80, que tamén se merecía máis recoñecemento. O único que desentoa un pouco é o papel do segundo fillo de Dern, interpretado por Bob Odenkirk, que está un pouco collido con pinzas por carecer de profundidade. Pero o resto do filme é de 10. Unha delicia que cheira a clásico e que deixa un pouso no padal de varios días. Excelente elección que, se tedes sorte, aínda estades a tempo de gozar en pantalla grande. Incluso hai algún cinema que a proxecta en versión orixinal e todo... eu de vos non perdería a ocasión.



x