Crítica de cinema, por Andrés Castro: 'Dúas mulleres'

Crítica de cinema, por Andrés Castro: 'Dúas mulleres'

A planta de maternidade do hospital onde traballa Claire está a piques de pechar. Por se non tivera suficiente, o regreso de Béatrice, unha antiga amante de seu pai, porá a guinda aos seus problemas.


Non confundir co filme homónimo de Vittorio de Sica protagonizado por Sophia Loren, que recibiu un Óscar a Mellor Actriz en 1962… aínda que iso de “homónimo” non é tan exacto xa que os títulos orixinais, en ámbolos dous casos, non teñen alusión a parella feminina algunha. O filme italiano era orixinalmente La ciociara, en referencia ao xentilicio dos habitantes do lugar onde se desenrolaba a acción, e no caso francés Sage Femme fai unha especie de xogo de palabras, algo difícil de pillar para quen non sexa francófono ou estudiara o idioma. Fagamos un paréntese para aclarar isto…

A hitoria trata dunha comadroa. En francés “comadroa” dise sage-femme, así, con guión no medio. O tema é que por separado, femme significa “muller” e sage fai referencia a “unha persoa sabia (ou razoábel)”. E voilá… é aquí onde aparece ese xogo de palabras que, de feito, destácase nos títulos de crédito iniciais. De primeiras pódese ler o título Sage-Femme, con guión no medio, pero logo vai desaparecendo ata deixar Sage Femme (sen guión). A partir de aquí entenderemos mellor de que vai o conto… De nada. Foi grazas o ano e medio de francés que cursei na Escola Oficial de Idiomas e simplemente quería compartilo con vos.

Dirixe Martin Provost (Séraphine, O ventre de Juliette), director curiosamente caracterizado por facer filmes con mulleres protagonistas. Aquí dirixe a dúas grandes da escena francesa: Catherine Frot (A cea dos idiotas, Madame Marguerite) e Catherine Deneuve (Belle de Jour, Indochina). Frot interpreta Claire: a comadroa… Unha muller sacrificada, agarimosa e con moita empatía. Deneuve é Béatrice. Unha muller liberada, coqueta e bastante inmatura. Claire recibe unha misiva de Béatrice preguntando por seu pai, o home co que vivira un apaixonado romance de xuventude. Tras dubidalo moito decide acudir á cita intrigada por saber que foi dunha muller que coñeceu brevemente cando era pequena.

Dúas mulleres é un drama, con toques de comedia, centrado na vida cotiá de dúas mulleres con dúas formas opostas de entender a vida. Malia que están nas antípodas, medio obríganse a convivir e levarse ben, ou todo o ben que poden, por motivacións que iremos descubrindo paseniño. Sobre todo estamos ante un filme de personaxes e situacións descritas desde o máis puro realismo humano pero Provost, que tamén firma o guión, aproveita esta conxuntura para facer certa crítica velada aos recortes sanitarios no seu país (si, en Francia tamén hai).

As dúas Catherine nun dos seus mellores momentos interpretativos. A candidez calma de Frot contra a xélida e aloucada Deneuve. Tampouco queda atrás Olivier Gourmet (Rosetta, O neno da bicicleta), un dos actores fetiches dos irmáns Dardenne que interpreta ao fillo do veciño de Claire nun rol mimético onde non sabemos moi ben onde comeza o actor e termina a personaxe. Probablemente o mellor que se pode dicir de calquera que se dedique ao mundo da actuación.

Excelentes interpretacións, personaxes que enganchan e algunha escena que pode facer humedecer os ollos a quen sexa de bágoa fácil (ou acabe de ter un bebé) son os puntos fortes desta interesante achega que supón un verdadeiro oasis para quen busque algo diferente .

Sage Femme

(Francia-Bélxica 2017, 117 min.)

Dirección e guión: Martin Provost

Fotografía: Yves Cape

Música: Grégoire Hetzel

Elenco: Catherine Frot, Catherine Deneuve, Olivier Gourmet, Quentin Dolmaire, Mylène Demongeot, Pauline Etienne



x