CRÍTICA DE CINEMA

Crítica de cinema: 'A luz da miña vida', por Andrés Castro

Crítica de cinema: 'A luz da miña vida', por Andrés Castro

Un pai e a súa filla tratan de sobrevivir nun mundo afectado por unha pandemia que aniquilou a metade da poboación.


Segunda longametraxe como director de Casey Affleck, anteriormente coñecido como “o irmán de Ben Affleck”. A nomeación ao Óscar na categoría de Mellor Actor de Reparto por O asasinato de Jesse James polo covarde Robert Ford e o seu estraño primeiro filme como cineasta I’m Still Here dirixindo ao encomiado Joaquín Phoenix (en carteleira con Joker) fixo que o seu nome de pía comezara a soar... Mais non foi até que acadou o Óscar a Mellor Actor por Manchester á beira do mar que se liberou, por fin, do estigma de “irmán de...”.

A luz da miña vida é un deses proxectos propios que se eternizan no tempo e non acaban de ver a luz, valga a redundancia, nunca. Segundo comentou Casey Affleck na premiere da Berlinale, o guión comezou escribilo hacía 10 anos. Xusto o tempo que pasa entre o virus que acaba coa metade da poboación mundial e os acontecementos que suceden no filme. Non se trata dun virus calquera, se non un que só afecta ás mulleres. A premisa é bastante impactante: que pasaría se no mundo desapareceran todas as mulleres? E vai un chisco máis aló... Que pasa se algunhas nenas son inmunes ao virus? Este pesadelo é no que vive un pai (Casey Afleck) e a súa filla pre-adolescente (Anna Pniowsky).

Malia que a historia e o estilo pausado lembra moitísimo The Road –filme dirixido por John Hillcoat en 2009 baseado na novela homónima, e premio Pulitzer, de Cormac McCarthy–, hai un intento por contar algo diferente: a particular relación pai-filla na pre-adolescencia levando, a xa de por si complicada situación, ao límite. Nesa etapa calquera pai tende a sobreprotexer a súa filla, pero nun mundo onde non hai mulleres, a sobreprotección para non ser descubertos convértese nunha necesidade vital. Con todo, o pai semella ter todo controlado... ata que a “súa nena” deixa de ser tan nena e comeza facerlle preguntas.

Moi lograda a incómoda, pero feminista, charla pai-filla sobre sexo. Tamén destaca a delicada e intimista escena inicial no interior dunha tenda de campaña. Case desexamos que todo filme suceda dentro da tenda polo ben que está... pero acaban saíndo. Asistimos tamén a elaboradas charlas filosóficas pai-filla sobre a ética e a moral, o que está ben e o que está mal, ao tempo que este trata de educala para que a súa pequena sexa quen de sobrevivir soa na natureza e fronte aos elementos, no caso de que el xa non estea algún día.

Affleck constrúe o seu personaxe con similares aptitudes (e actitudes) de outros dous pais que interpreta, curiosamente, Viggo Mortensen en sendos filmes: The Road (filme case cuspidiño) e Captain Fantastic (ver Sermos Galiza 231). Neste último caso, en troques de vivir no bosque por convicción, as personaxes de Aflleck fano porque non lle queda outro remedio.

Sutileza e melancolía aderezadas con breves, pero intensos, brotes de pulsión colérica moi necesarios para non caer no tedio dun filme con moi bos momentos, grandes interpretacións e diálogos moi traballados, pero irregular no seu conxunto porque nin arrisca, nin atina a desenrolar unha premisa tan potente como a que tiña.

A luz da miña vida

Light of My Life

(EUA 2019, 119 min.)

Dirección e guión: Casey Affleck

Fotografía: Adam Arkpaw

Música: Daniel Hart

Elenco: Anna Pniowsky, Casey Affleck, Tom Bower, Elizabeth Moss, Hrothgar Mattews, Timothy Webber, Patrick Keating