Critican a “farsa” da Xunta coa exposición “Auga Doce” do Gaiás

Critican a “farsa” da Xunta coa exposición “Auga Doce” do Gaiás
.
.  

A Xunta inaugura esta sexta feira a exposición “Auga Doce”, un proxecto no que se mostrarán 700 obras de 140 institucións arredor dos ríos que para o colectivo “Contramínate” supón “un evento hipócrita e unha provocación para os colectivos que loitan xustamente para salvagarda dos bens naturais moi particularmente da auga”. 


Despois da dedicada á pedra, “Auga Doce” é a segunda grande exposición propia  que abre o Museo Gaiás, unha vez se clausurou “Orinoco” que foi realizada con produción externa. Para “Auga Doce”, que inaugura o Príncipe de Asturias esta sexta feira, a Cidade da Cultura pediu fondos a 140 institucións que cederon temporalmente 700 pezas arredor da auga, procedentes de centros como o MoMa, Victoria&Albert, Rijksmuseum, Musée D'Orsay, Reina Sofía ou Thyssen-Bornemisza ademais de coleccións galegas como a do CGAC, Museo de Pontevedra ou o de Belas Artes da Coruña. A Xunta non desvelou polo de agora o custe total da mostra, que foi preguntado polo BNG no Parlamento, e do que só transcendeu que investirá 226.000 euros para a montaxe e 433.000 euros para o transporte das obras da exposición do Gaiás, que se fai con fondos externos ás dúas fundacións que rexen o complexo xa que está producida polo departamento de Turismo da Xunta. 

“Desconcerto e profunda indignación”, é o que mostran desde o colectivo “Contramínate" polo “enorme despregue de medios económicos, comunicativos e institucionais da mostra Auga Doce” que, segundo denuncian,  “nin sequera mira para os conflitos que ten no seu territorio”. Refírense á minería a ceo aberto, que “pretende aproveitar os recursos hídricos da zona facendo desaparecer o regato Lourido, contaminar o Anllóns e, augas abaixo, a ría de Corme e Laxe”. Cualifican por iso a mostra de “evento hipócrita e unha provocación para os colectivos que loitan xustamente pola salvagarda dos bens naturais, e moi particularmente da auga”.

A ameaza da minería para os ríos

Nun comunicado que están a mover nas redes sociais, o colectivo Contramínate, acusa que “mentres a Xunta inaugura unha mostra sobre a importancia da auga doce, sobre máis da metade do territorio galego pesa a ameaza da minería a ceo aberto”. 

“Para abrir esa mina a ceo aberto proponse secar un río e contaminar o Anllóns, as fontes de Corcoesto, Cereo, Valeza e Coristanco, degradando a ría de Corme e Laxe. Esta cobiza non coñece  límites”, lamentan, ao tempo que a Xunta fai “unha homenaxe a auga doce. Ingnorando o seu problema, o dos seus ríos”. Segundo afirman, malia a denegación do permiso “Edgewater non marcha” e buscará novas alianzas para conseguir o seu obxectivo.