'A GUERRA DA GALIA' DE XULIO CÉSAR, EN GALEGO

Crónica de guerra de antes de Cristo

Crónica de guerra de antes de Cristo
A única escultura Xulio César feita en vida do emperador. Foto: cedida.
A única escultura Xulio César feita en vida do emperador. Foto: cedida.  

A resistencia e posterior derrota das tribos galas fronte á campaña militar de Xulio César entre os anos 58 e 61 antes de Cristo é a materia dunha das obras máis relevantes da literatura occidental: o relato do sucedido escrito en terceira persoa polo propio César. Alfonso Blanco acaba de traducir ao galego A guerra da Galia.


O libro foi en orixe, explica a editorial Laiovento, responsábel da publicación, “concibido como un relato de campaña bélica destinado a fornecer dunha fonte de primeira man a historiadores posteriores”. E, ao tempo, unha “arma de propaganda” sobre a invencibilidade do emperador romano e dirixida a “incrementar a súa influencia e concretar as súas ambicións de poder”.

a guerra da galia - xulio césar

Xulio César argumenta neste volume de 370 páxinas que a invasión da Galia foi en defensa do Imperio. Mais os investigadores históricos adoitan sinalar que as razóns principais da campaña militar foi a súa propia carreira política. “Os efectos sobre o territorio séntense aínda hoxe”, di Laiovento, “pois a administración da Galia como provincia converteuna nunha peza básica do Imperio Romano, do que xurdiría o reino medieval dos francos e o futuro Estado francés”.

Ademais, A guerra da Galia converteuse nun clásico non unicamente literario. Compendio político militar, gobernantes de todo signo e variadas épocas admiraron un texto do que aprenderon “nocións de estratexia bélica e de habelencia política”. As estudantes de latín e, por suposto, as historiadoras valéronse da obra de César con proveito.

A súa prosa directa non só serviu para comprender mellor a época. Tamén nutriu numerosas ficcións, por caso as bandas deseñadas de Astérix.