MARÍA XOSÉ PORTEIRO PUBLICA 'SÁNDALO', NOVELA SOBRE A EMIGRACIÓN

“En Cuba os galegos fixemos cousas que aquí non podiamos: saber quen somos”

“En Cuba os galegos fixemos cousas que aquí non podiamos: saber quen somos”
A escritora María Xosé Porteiro. Foto: cedida.
A escritora María Xosé Porteiro. Foto: cedida.  

Dous séculos de historia compartida entre Cuba e Galiza percorren as páxinas da segunda novela de María Xosé Porteiro (Madrid, 1952). Mais a perspectiva non é exterior: a propia escritora viviu na illa até os 14 anos e defende con vehemencia a participación das galegas “na construción das sociedades latinoamericanas actuais”. Sobre a grande epopea migratoria trata Sándalo (Galaxia, 2019).


“A emigración é unha parte fundamental da nosa historia para comprendermos como chegamos aquí”, explica Porteiro a Sermos Galiza, “desde o século XIX e en boa parte do XX fomos un pobo que se baleirou e axudou a construír outras sociedades, sen rachar o vínculo coa casa”. Como o irlandés, como o italiano, como o xudeu, sinala, antes de se confesar “froito desa situación”.

Filla de pai galego simpatizante revolucionario e nai asturiana, viviu desde o seu interioro acontecementos decisivos do século XX. E relata que a súa ollada é “peculiar, distinta da doutros galegos emigrados en Cuba que se sentiron desposuídos pola Revolución”. Subxace no texto de Sándalo, case 400 páxinas cuxos episodios suceden entre 1823 e 2015 en contextos históricos reais.sándalo (cuberta)

“A mirada sobre a emigración galega pode ser sociolóxica ou podemos incorporala ao noso relato histórico normal”, entende, “se facemos socioloxía, estamos facendo chacinaría, despezando a historia. E, ao cabo, a bisbarra máis próxima a Galiza por occidente son as Antillas, como polo sur é Portugal”. En Sándalo, Galiza e Cuba entretécense sen solución de continuidade, adiante e atrás na axitada historia dos dous países.

“O meu coñecemento directo de Cuba -o primeiro que aprendín na miña vida-, e o de Galiza -que adquirín a partir dos 14 anos”, di, “servíronme para aprender que a historia de Galiza escribiuse moitas veces en Cuba. Os galegos estivemos alí facendo cousas que aquí non podiamos facer: por exemplo saber quen somos, dotarnos de bandeira, de himno, explicar por que nos consideramos patria”.

Todas estas ideas, memorias e interpretacións circulan por Sándalo. Porteiro confésase “totalmente influída” pola narrativa latinoamericana do boom. “Estando cada un no seu sitio, por suposto, non me vou comparar”, afirma divertida, “pero esa maneira de xogar co espazo e co tempo está na novela”. Cita significativamente dous títulos: La consagración de la primavera (1978), de Alejo Carpentier, e Tres tristes trigres (1964), de Guillermo Cabrera Infante.

Outras autoras galegas ocupáronse antes da emigración. Ela menciona Xavier Alcalá e os seus libros sobre a Arxentina e matiza: “Unha cousa é escribir sobre os territorios aos que emigramos e outra facelo desde o punto de vista dos emigrados”. Tampouco esquece “o gran labor de divulgación” sobre a galeguidade en Cuba de Xosé Neira Vilas. Mais Sándalo, informado pola propia experiencia, procurou “a posibilidade de contar algo distinto”.

A segunda obra de ficción de María Xosé Porteiro -a primeira foi Covardes (Ir Indo, 2001), un thriller sobre a trata nos anos 80- é lindeira. “Eu sempre pensei que non sabía escribir novela, son xornalista!”, opina, “e a xente dime que fixen unha crónica, non sei”. Unha crónica, en todo caso, que bota man da ficción e chega a lugares onde o xornalismo non pode chegar. E que se publica en 2019, cando ese vínculo histórico entre Galiza e as súas comunidades migrantes pode estar comezando a se esluír.

“Pero hai novamente un baleirado de xente, chea de talento, diferente e ao tempo semellante aquel. A emigración deixa ocos. Segue a ser un bo intre para reflexionar sobre ela”, engade, a xeito de conclusión.