A cultura como dereito, a debate no Pazo de Madriñán

A cultura como dereito, a debate no Pazo de Madriñán

“Cultura e Sociedade en Galiza: Iniciativas e Experiencias” é o título da primeira xornada. Seguiranlle outras dúas no Teatro Colón sobre mulleres e música e artes escénicas

 


“Cultura e Sociedade en Galiza: Iniciativas e Experiencias” é o título da primeira xornada do programa “A Cultura é un Dereito” que a área de Cultura da Deputación da Coruña bota a andar o vindeiro 25 de abril no Pazo de Mariñán, organizada en Colaboración coa Asociación Galega de Profesionais da Xestión Cultural (AGPXC).  

O asociacionismo que dinamizou a cultura galega e o dereito a participar na cultura son os principais protagonistas da xornada. En distintas mesas de debate  máis de vinte especialistas e representantes de diferentes proxectos  culturais animarán a reflexión sobre os cambios experimentados e a situación actual desde o punto de vista da condición de dereito da cultura.

A xornada iniciarase coa presentación da súa responsábel da área de Cultura, Goretti Sanmartín Rei e o presidente da asociación Alberto García para dar paso á mesa que abordará as experiencias do asociacionismo e activismo cultural coa participación do historiador Ricardo Gurriarán, gran coñecedor da historia das asociacións culturais, o fundador da Asociación Cultural Xermolos e o Festival de Pardiñas, Alfonso Blanco, o integrante da compañía Chévere, Xesús Ron e a presidenta da A.C. Alexandre Bóveda, María Xosé Bravo.

A seguir, tres novas experiencias responderán ao título “O pobo (é quen máis ordena) na cultura” con  Almudena Vega Hermida, presidenta da Asociación O Castelo de Narahío do Río Castro (Festival do Río Castro), o investigador en cultura e participación social, Fran Quiroga, e a música e coordinadora do Coro da Mariña, Ugia Pedreira. A xornada servirá tamén para avaliar o estado da xestión cultural nun encontro que se desenvolve arredor do décimo aniversario da AGPXC.

O Banco Galego de Boas Prácticas en Xestión Cultural será o protagonista da sesión de tarde con representantes de proxectos recoñecidos como “Fálame de San Sadurniño”, a Feira Histórica 1900 de Arteixo, as “Fotos para as mil historias” de Carral, Muros Mira o mar” ou o FIOT” de Carballo.

“Queremos que neste encontro se produza un debate que analice de maneira crítica a situación da cultura”, no camiño de pular pola “  democratización da cultura que, como repetimos, é un dereito de todos e todas”, sinalou Goretti Sanmartín Rei. Pola súa parte, o presidente da AGPXC, Alberto García, destaca que esta xornada “quere recoñecer todo o moito e bo que fai este país tanto de cultura cidadá como pública",

A esta primeira xornada seguirán dúas no Teatro Colón sobre mulleres e música e artes escénicas