A cultura galega a debate nun congreso en Texas


A cultura galega a debate nun congreso en Texas

A cultura galega terá un oco no congreso da Modern Language Association que se celebrará en Austin (Texas, EEUU) do 7 ao 10 de xaneiro do ano que vén. 

Trala aprobación do Foro de Lingua, Literatura e Cultura Galegas na MLA en novembro de 2014, na edición de 2016 aparecen por primeira vez catro sesións de temática galega, cóntanos desde a Universidade de Wisconsin o profesor Gabriel Rei-Doval.

Na Convención da MLA haberá catro sesións dedicadas á lingua e á cultura galegas, a primeira sobre o diálogo a través do Miño entre Galiza e Portugal; a segunda sobre traducións, bilingüismo e glocalización; a terceira sobre o rexurdimento e a produción literaria en español; e a cuarta e última sobre materiais de lectura en galego.  En total terán lugar 13 relatorios impartidos por outros tantos estudosos da cultura galega. 

Sobre estes temas debaterán galicianistas de universidades fundamentalmente americanas, como Robert Patrick Newcomb, Alejandro Alonso, Brandon Rigby ou Neil Anderson, entre outros moitos.