A cultura real participa nun “convivio” na casa de Manuel María, “activista” das letras

A cultura real participa nun “convivio” na casa de Manuel María, “activista” das letras
Casa Manuel María
Casa Manuel María  

Arredor de catrocentas persoas de asociacións e entidades da cultura de base daranse cita este sábado día 12 en Outeiro de Rei, na Casa Museo Manuel María. O “Convivio da Cultura Galega” busca establecer as bases dun encontro entre asociacións no espazo dedicado a un escritor que percorreu o país participando en milleiros de actos. 


Boa parte de representantes das asociacións que se darán cita este sábado en Outeiro de Rei coñeceron ao vivo a Manuel María, cando participou nalgún da multitude de actos que organizaron ao longo de todo o territorio do país. Milleiros de actividades, desde conferencias até recitais, debates ou roteiros tiveron como convidado de honra a Manuel María, sen dúbida, unha das figuras da nosa historia cultural que máis se significou polo seu compromiso activo coa lingua e a cultura, o que o levaba a aceptar convites de asociacións culturais da Mariña ao Barbanza, de Monterrei á Costa da Morte. 

Son esas mesmas entidades, as protagonistas da cultura real e activa de todo o país as que agora se dan cita na súa Casa Museo de Outeiro de Rei para unha xornada de convivio que busca inaugurar un tempo novo de encontro, coñecemento e colaboración entre os diversos colectivos que están a facer cultura ao longo de todo o territorio. Así como o escritor Manuel María percorreu moreas de veces os camiños de Galiza para contribuír ao traballo das asociacións de base, son elas agora as que volven a súa casa, a se encontrar coa súa memoria e tamén a incorporalo de novo ás súas accións. 

 “O obxectivo é que as asociacións culturais de base nos demos cita na casa de quen foi referente para a cultura galega", Lucía Carreira

"Festa de confraternización" de quen fai cultura

O “Convivio de Cultura Galega” preséntase como unha “festa de confraternización” de asociacións e entidades culturais que traballan desde a base polo país enteiro. A Casa Museo Manuel María e a carballeira de Santa Isabel son os espazos nos que se desenvolverá unha xornada na que a música, o teatro, a literatura e a figura do escritor estarán presentes ao longo dun día no que o encontro e o intercambio de experiencias son algúns dos obxectivos. As Bandas de Rábade-Begonte e Solfa de Santiago abrirán o programa ás 10:45 na p raza do Concello. Serán máis de 50 instrumentistas tocando ao tempo, mostrando a enerxía das agrupacións que dinamizan á mocidade arredor da música. Despois dunha visita á casa e a proxección de distintos audiovisuais e unha representación por parte da agrupación Medulio de Ferrol as persoas asistentes participarán nunha ofrenda floral na tumba de Manuel María no cemiterio de Outeiro para, a seguir, dirixirse á  carballeira de Santa Isabel onde actuarán as Bandas de música de Solfa e Rábade-Begonte, ademais do Coro de Solfa antes de partillar nun xantar popular.. O contacontos de “Fabaloba”, e a festa colectiva ocuparán a tarde antes de que “Pepe Vaamonde Grupo” peche o programa por volta de 18:45 horas.

Mais ao longo da xornada aproveitarase tamén para desenvolver unha xuntanza das distintas asociacións participantes. “O obxectivo é que as asociacións culturais de base nos demos cita na casa de quen foi referente para a cultura galega. Ademais do convivio e compartir a actividade que están a desenvolver as distintas asociacións, queremos tamén que se visite a casa e convidar a que se coñeza a dimensión de Manuel María e que as propias asociacións nos comprometamos a difundir a súa obra”, explica Lucía Carreira, da Agrupación Cultural Solfa, que conta cunha coral que musica os seus poemas como mostrará ao longo do encontro ao cantar temas como “Rosas a Saleta”, “O carro” ou “O cuco”. 

As posibilidades da obra de Manuel María

“Queremos que as asociacións culturais de base nos coñezamos, e ter a oportunidade de compartir as actividades. Consideramos que esta cita é importante e tentaremos consolidala en edicións posteriores de maneira que cada entidade poda traer a Outeiro as súas iniciativas. Queremos tamén que as asociacións coñezan e teñan clara a relevancia da obra de Manuel María e as súas posibilidades para adaptala ás distintas actividades das asociacións”, engade Lucía Carreira. 

Asociacións como Medulio, Pomba do Arco, Altofalante, Lumieira, Instituto de Estudos Galegos, O Galo ou Auriense, entre outras moitas, teñen confirmado a súa asistencia ao convivio de Outeiro de Rei, unha cita aberta á que se pode asistir mesmo sen confirmación previa. A organización está a cargo da federación Galiza Cultura, a agrupación Solfa, a Fundación Manuel María co apoio da Vicepresidencia da Deputación de Lugo. Na propia xuntanza valorarase a posibilidade de consolidar o “convívio” como cita anual.