UN LIBRO XUNTA REFLEXIÓNS SOBRE AS MARXES CULTURAIS

A cultura e a súa xestión máis alá do institucional

A cultura e a súa xestión máis alá do institucional
O dúo Bala actúa no local autoxestionado Liceo Mutante de Pontevedra. Foto: Galipedia.
O dúo Bala actúa no local autoxestionado Liceo Mutante de Pontevedra. Foto: Galipedia.  

Non só de “grandes nomes” e as súas “achegas estilísticas e capacidades expresivas” vive a cultura. Esa é apenas a súa face alumeada. Na outra parte, “moito máis descoidada”, atópase “o traballo colectivo, as colaboracións de artistas en talleres, en espazos independentes” que conforman “unha realidade paralela ao sistema de arte institucional”. Sobre esta xeografía reflexiona o volume colectivo Im-pulsos creativos (Axóuxere, 2018).
 


Coordinado por Aránzazu Pérez e Lucía Romaní, o libro ten como subtítulo Canles alternativas de creación contemporánea. Nel recóllense, redactados polos propios participantes e axentes, unha ducia de proxectos e utopías culturais activas na Galiza de hoxe. Do centro cultural, especializado en músicas contemporáneas, Liceo Mutante de Pontevedra, ao propio territorio editorial de Axóuxere, arriscado e singular. Da sala Artística Vigo de teatro e danza á cooperativa de arquitectos Hábitat Social.

“A independencia na xestión das iniciativas e a promoción de estruturas de traballo horizontais de tipo colaborativo emerxen como trazos significativos para caracterízar esas canles alternativas”, indican Miguel Anxo Rodríguez e Federico Silvestre no ensaio Autoxestión, ilusión e precariedade, que funciona como limiar da obra. O mundo que amosa Im-pulsos creativos tan algo, ao cabo, de utopía en acto.

“Non utopías como un inventar mundos avanzados e imposibles a partir da obsesión tecnolóxica”, engaden os prologuistas, “senón como traballao da imaxinación a partir dunha crítica do presente”. Esa forza utópica é a que explica ideas como o colectivo Alg-a, laboratorio de músicas e sons excéntricos inaugurado en 2003, ao que se refire Roi Fernández no texto Saín da panadería e a topeime cun acelerador de creatículas.

O limiar de Im-pulsos creativos atina a resumir o espírito da compilación de textos e o que a lectora pode extraer dela: “Enxergamos que, ao longo de máis de 40 anosm unha serie de accións artísticas precarias pero ilusionantes constituíron unha realidade cultural paralela, que acompañou na sombra a programación cultural que contaba con respaldo institucional [...] unha historia cultural políédrica, afastada dos discursos únicos, e fértil en experiencias”.