Cultura para todas da man do Festi=

Cultura para todas da man do Festi=
[Imaxe: Culturactiva] As artes escénicas abren o certame a quinta ás 20.30 no Ágora.
[Imaxe: Culturactiva] As artes escénicas abren o certame a quinta ás 20.30 no Ágora.  

O Festival de Artes Pola Inclusión Cultural da Coruña volve un ano máis á programación cultural da Coruña co obxectivo de «favorecer a inclusión e a accesibilidade de todas as persoas con diversidade funcional, sensorial ou cognitiva na vida cultural e artística»


O Festival de Artes Pola Inclusión Cultural da Coruña, Festi=, celebra a súa terceira edición, que este ano terá como sede principal o Centro Ágora, no barrio do Ventorrillo.

Deseñado pola cooperativa de xestión cultural Culturaactiva, en colaboración co Concello da Coruña e a Fundación Emalcsa, o certame ten como obxectivo «favorecer a inclusión e a accesibilidade de todas as persoas con diversidade funcional, sensorial ou cognitiva na vida cultural e artística», segundo explican a Nós Diario desde a organización. «Pretendemos que se configure como unha plataforma na que as persoas con diferentes capacidades amosen a súa produción cultural», engaden.

Resposta «espectacular» 

Esta edición continúa coa liña trazada nas anteriores con respecto á programación, con presenza de artes escénicas, visuais ou musicais, entre outras, así como unha aposta firme por mesturar artistas populares con outras menos coñecidas.

Así, Carlota Pérez desenvolverá mañá, data da estrea do Festi=, ás 20.30 horas no auditorio do Centro Ágora, unha obra onde se mesturarán fotografía, artes escénicas, vídeo ou danza, entre outras disciplinas. «O espectáculo chámase Construíndo soños, e parte da idea de reflectir poetizadamente a realidade máis crúa do barrio da Sagrada Familia da Coruña», indica Pérez a Nós Diario. 

Desde a organización agardan unha resposta do público «polo menos tan positiva como a do ano anterior», onde nas actividades principais chegaron a congregarse para ver artes inclusivas «entre 300 e 400 persoas».