A ASISTENCIA, UN 5% SUPERIOR A 2013 EMBORA FOSE A PRIMEIRA EDICIÓN CON ACCESO DE PAGO

Culturgal demostra a vitalidade da cultura galega

Culturgal demostra a vitalidade da cultura galega
Público en Culturgal
Público en Culturgal  

14.450 persoas participaron en  Culturgal, a Feira das Industrias Culturais que, durante tres días, mostrou en Pontevedra a vitalidade da cultura galega, unha cifra 5% superior á do pasado ano, malia ser esta a primeira edición co cobro de entrada. 


Se o Culturgal ía seguir mantendo o nutrido público da anterior edición a pesar do cobro por entrada e de se realizar nunha fin de semana longa era unha das preguntas que pairaban sobre a Feira das Industrias Culturais desde a sexta feira día 5 que abría as súas portas no Pazo da Cultura de Pontevedra. O domingo á noite, cando as portas se pechaban e os stands comezaban a desmontarse a organización mostrábase optimista ao se rexistrar mesmo un lixeiro aumento a respecto da anterior edición e situarse en 14.450 entradas vendidas. O ambiente de consolidación da Feira aprezábase tamén en que a organización despedíase anunciando xa as datas do vindeiro ano que, outra volta, será na fin de semana da ponte de decembro, os días 4, 5 e 6 de decembro. 

O presidente da Asociación Culturgal, Manuel Bragado, aventuraba na inauguración da Feira que esta sería a edición da “consolidación” e repetía a idea da “construción en man común” coa implicación das administración, as empresas e o público. No balanzo final, Bragado aseguraba que “os datos supoñen o respaldo do público á idea de corresponsabilidade, futuro compartido e valoración da cultura que lanzamos desde Culturgal”. 

30 horas e 150 actividades no programa

Quedaban atrás tres días, máis de 30 horas de programación, arredor de 150 actividades de distintos ámbitos entre as que se atopaban novidades editoriais, música ao vivo, presentacións de iniciativas culturais, novidades tecnolóxicas, proxectos... todo un amplo abano de propostas para que cada ano Pontevedra se converta en punto de encontro e lugar de referencia para as novidades da nosa cultura. 

A sétima edición da feira da cultura facía balanzo tamén á hora do peche do resultado da incorporación das novas áreas que entran por primeira vez no programa da feira e, segundo a organización, “chegaron para quedar”. En especial, sinalaron o acerto da gastrocultura cun enfoque transversal que levantou gran atención con espazos como a presentación do libro do “Grupo Nove” coa presenza de varios dos seus cociñeiros, o foro de cervexas artesanais, o recital poético gastronómico da Revista Bembo ou o debate sobre o futuro das feiras gastronómicas. 

Bebés e Infantil, co aforo completo

Tamén con vontade de continuar chegaron as artes plásticas, da man dunha sorprendente e exitosa exposición “Do papel ao xesto”, na que a transversalidade foi tamén un dos elementos das distintas pezas que se mostraron dun amplo número de artistas entre os que se atopaban Pamen Pereira, Din Matamoro ou Xosé M. Álvarez Cáccamo e que, comisariada por Paula Cabaleiro e Antón Sobral, recompilou pezas que revisaban a relación do libro coas artes na contemporaneidade. 

O Espazo Bebés, outra das novidades da feira, tivo que colgar repetidamente o cartel de “non hai entradas”, converténdose noutro dos acertos nas novidades desta edición na que tamén o Espazo Infantil, con programación continuada, rexistrou unha extraordinaria afluencia, en relación tamén coa ampla produción dedicada a este público que se está a dar no ámbito das industrias culturais. 

“Culturgal quere seguir, de cara ao futuro, na idea de construción continua e colectiva. Se ben é certo que as innovacións viñeron para quedar tamén o é que a Feira seguirá evolucionando como o grande punto de encontro e escaparate da cultura galega, unha vez xa consolidada como se comprobou nesta edición”, concluíu o presidente de Culturgal, Manuel Bragado

Caxade e a Banda de Bandeira, momento estelar

A Feira deixa moitos momentos para a memoria que afondan na vitalidade da cultura galega. Encontros estelares como o de Caxade e a Banda de Música de Bandeira no concerto especial do sábado que sorprendeu e entusiasmou ao público ou o de Mercedes Peón con María 

Reimóndez e Yolanda Castaño sobre o escenario anunciando con música a celebración do décimo aniversario de Implicadas; a primeira posta ao vivo do novo disco de Guadi Galego que rebordou a carpa de espectáculos, ou o Xiqui Xoque Fiú Fiú do proxecto María Fumaça que entusiasmou ao público de menor idade no Pazo da Cultura foron algúns deles. 

Tamén a presenza dun amplo grupo de escritores e escritoras con novidades editoriais recentes como Suso de Toro, Xabier Quiroga, Francisco Castro, Helena Miguélez-Carballeira, Fran Alonso, Xurxo Souto, María Reimóndez, Pere Torabuela, Núñez Singala, Alberto Ramos, Antón Dobao ou Ledicia Costas atopáronse ao vivo co seu público durante tres días nos que non houbo parada. En Culturgal déronse a coñecer novos proxectos como a comedia “O crédito” con Antonio Durán Morris e Pedro Alonso que se estreará en febreiro producida por Emedous ou o Portal virtual Integrados da Fundación Vicente Risco pasando polo novo xoguete na nosa lingua “Peregrinus” de Galileo, un xogo arredor de criaturas lendarias galegas ilustrado por Xosé Tomás ou o novo barallo de cartas coas nosas árbores que levaron desde a Semente recén publicada. 

Culturgal fíxose eco tamén de apostas institucionais como as iniciativas Derrubando Muros, Contos na Taberna ou  Interplay do Concello de Carballo ou de entidades e asociacións como a mesa de experiencias sobre animación á lectura da Asociación de [email protected] Municipais e Escolares ou as xornadas profesionais para o profesorado que se desenvolveron no marco da feira. A AGAL escolleu tamén Culturgal para a celebración da súa asemblea e distintas asociación do ámbito atopáronse arredor dun vermú cultural e a Fundación Novoneyra presentou a edición dos caligramas do poeta coa área de cultura da Deputación de Lugo. Ponte nas Ondas e Sermos Galiza botaron a andar novas campañas desde o Pazo da Cultura, sede do encontro. 

De novo, os formatos mais anovadores como as webseries ou aplicacións como Creapp Contos para dispositivos móbiles tiveron espazo na programación dunha feira na que se presentaron novas publicacións como a revista de literatura infantil Criaturas, con Ledicia Costas, Daniel Landesa, Xavier P. Docampo, Montse Pena e Laura Saez ou a revista de humor Botafumeiro

Premio do Público ao Diario Cultural

Como o pasado ano, os tambores de Trópico de Grelos revolucionaron o Pazo da Cultura para anunciar na tarde do domingo a entrega do Premio do Público ao Diario Cultural da Radio Galega, unha iniciativa que acadou a maior parte dos votos fronte a Cineuropa ou Viñetas do Atlántico. O presidente de Culturgal, Manuel Bragado sinalou que o resultado pon á vista que a “información cultural diaria interesa”, ao tempo que destacou o labor de difusión e promoción da cultura que desenvolve o programa dirixido pola escritora e xornalista Ana Romaní que foi a encargada, canda outros membros do equipo, de recoller un premio que lle brindou á escritora Begoña Caamaño, recentemente falecida que traballou tamén no programa.