Culturgal, a feira da imaxinación

Culturgal, a feira da imaxinación
Culturgal
Culturgal  

Se Culturgal é escaparate e observatorio da situación das industrias culturais, despois da edición deste ano poderíamos concluír que o público respalda á cultura galega, que o soporte institucional descende de maneira radical, mais tamén que a imaxinación é a fórmula á que moitas iniciativas se acollen para salvar a crise. 


 

Son tempos de agudizar o enxeño para sobrevivir ou buscar novas vías no mundo da cultura e en Culturgal xuntáronse unha morea de iniciativas que sorprenderon a un público que asistiu de forma masiva á feira. Con poucos medios, agudizar o enxeño, era a consigna que se apreciaba en moitos dos proxectos, talvez como a propia organización da feira, que conseguiu manter o nivel de actividades e público cun 55% de apoio institucional. 

Filosofía Estruming

Con esa vontade, buscar novas vías en proxectos novidosos, as xornadas de Estruming Days fixeron que moitos foran os ollos que fitaran para estas novas iniciativas que confían nas posibilidades do rural e que levaron a Culturgal unha morea de produto de calidade naturais e elaborados mais sempre con valores engadidos. 

Como escaparate de ideas, a revista dixital de tendencias promoveu nesta edición a proposta 9x9, é dicir, nove ideas e nove minutos para presentalas publicamente, despois dunha selección previa das promotoras da revista. A propia Disquecool, como en anos anteriores, ideou unha nova forma de promocionarse na feira, a través de microrelatos elaborados no momento despois dunha primeira palabra nun cuarto vintage de escritor e a máquina de escribir mecánica. Ao seu carón, a produtora Illa Bufarda creou un “Bufometro”, é dicir, un aparello que mide a velocidade e dirección do vento na Illa Bufarda para transformala en “forza creadora” e pasaron tres días facendo encher con aire á xente unha bolsa de papel despois de ter escrito un desexo nela. Formas novidosas de se expoñer na Feira como estas non faltaron. A empresa Ganapán, promocionouse na feira co desenvolvemento de auditorías de comunicación instan´taneas e de balde. 

A rede volveuse mostrar como plataforma acaída de difusión e promoción a baixo custe. Con este obxectivo, a Fundación Novoneyra presentou a plataforma de crowdfunding literario en liña ithcrowfunding.org e a Coordinadora de Traballadores/as de Normalización Lingüística presentou a empresas e entidades a súa nova proposta “Guía de regalos en galego en liña”, unha das que máis interese espertou na feira polas posibilidades de contribuír á comercialización no sector. 

Son formas de tentar resolver o descenso do consumo cultural e as cada vez maiores dificultades de produción, situación que leva a idear novas formas de financiamento, o colaborativo a través da rede, mais tamén con fórmulas diferentes. Os da Ría deixaron desta volta o crowdfunding para ir ao director, a ofrecer rifas das de toda a vida a 5 e 10 euros nas que quen gañe poderá conseguir un concerto persoal do grupo ou unha visita a San Caetano con polbo incluído. É a maneira que atoparon para producir o seu segundo traballo discográfico “Non é país para xovens”,  para falar das “cousas importantes, sen rebeldivia e sen furibundia”. 

Novas empresas, novas fórmulas

No mundo do audiovisual, a irrupción das “webseries” con baixos orzamentos irrompeu con forza en Culturgal, cunha maratón de oito seguidas no Espazo Cinema, con algúns dos rostros máis coñecidos do sector como parte dos seus equipos artísticos. 

Canda as empresas dos distintos gremios con deseños convencionais, Culturgal mostrou que continúan a nacer novas posibilites no sector cultural, ideas orixinais que tentan ofrecer novos produtos como o desenvolvemento especializado no mundo dixital de Pumpúnhost hosting, a proposta de Melandrainas de comida caseira, produto saudábeis e de proximidade ou menús para levar xunto con teatro, animación e contacontos ou a chamada de Trespés que vende xa “propostas creativas ao servizo da cidadanía”. Para orixinais, as iniciativas que ofrece o Taller Atlántico Contemporáneo, recentes gañadores do Premio da Crítica, que levaron ao Culturgal a s´súa proposta de concertos “low cost” 3.0 xunto co concerto para 111 bicicletas, case unha marca do grupo. Etnoga levou ao Culturgal o proxecto web Cemiterios Históricos, co fin de aproveitar os camposantos como recursos turísticos. 

Tamén na produción os novos formatos captaron boa parte da atención do público, o karaoke popular proposto por Inquedanzas sonoras e no que se podía experimentar ao vivo descubriu un gran número de cantantes e sen exemplares quedaron en Urqo editora do calendario erótico do galeguismo para o 2014 no que dedicaron cada mes a unha montaxe fotográfica cunha figura da nosa historia ou da nosa cultura á maneira dos tradicionais calendarios eróticos. 

Recén saídos

Cada edición con máis forza, as industrias culturais agardan por Culturgal para mostrar as súas novas producións. Desta maneira, á feira chegaron recén saídas do prelo, algunhas novidades editoriais agardadas e tamén discográficas, en especial para público infantil, aproveitando as datas próximas ao Nadal nas que a Feira se desenvolven. 

Por Culturgal pasaron nestes días Manuel Rivas -con dobrete coa Revista Luzes, recén impresa e coa venda do primeiro exemplar no Pazo da Cultura, e co seu novo libro para a infancia “O raposo e a mestra”-, Anxos Sumai, Berta Dávila, Francisco Castro, Manuel Gago, Luís Rei Núñez, Manuel Lourenzo González, Marcos Calveiro, Rosa Aneiros, Teresa Moure, Antón Riveiro Coello, Pedro Feijóo, Anselmo López Carreira  e Diego Ameixeiras. Da música fixéronse públicos os novos discos de Caxade, Lydia Botana, o “CoraSons” promovido por Uxía, o de 2naFronteira ou o novo espectáculo de Davide Salvado 

Máis sen dúbida é no ámbito infantil, co Nadal, próximo, onde as industrias culturais apuraron a saída de novos produto. O novo de Xavier Díaz “Toc, toc”, o vinilo “Pedaciños de ceo” da Aula Folque, “Cartas que veñen e van” de Mama Cabra, “Pan de Millo” de Migallas ou “O Gatuxo” de Magín Blanco foron algúns dos produtos que tiveron unha boa demanda na feira. 

Superou as expectativas e o número de visitantes previstos segundo edicións anteriores, nunha feira que partía cunha drástica redución de orzamentos. Tamén foi novidade na feira a chamada á “corresponsabilidade do público” co apoio económico por medio dunha entrada voluntaria de 3 euros a cambio da que recibían unha chapa coa lenda “Eu conto no Culturgal”. O  presidente de Culturgal, Xulio Amigo afirmou na inauguración que a feira “comeza a reinventarse” nesta edición na que, como cara e envés, “por unha banda, bulen ideas, proxectos, creatividade. Por outra, redúcense substancialmente algúns dos respaldos que nos axudaron a medrar”.

 “No noso horizonte só contemplamos unha opción, medrar, nunca encollerse”, dixo Amigo ao inicio dunha edición que se viu respaldada polo público e por un singular entusiasmo nas redes sociais. 

 

 

 



x