Culturgal inicia a edición da “corresponsabilidade”

Culturgal inicia a edición da “corresponsabilidade”
Culturgal
Culturgal  

Máis de 150 actividades e máis de sesenta stands son as cifras globais do Culturgal, a Feira das Industrias Culturais que abre hoxe, sexta feira, en Pontevedra. A nova edición da feira defínese como da “corresponsabilidade” e como unha das novidades, despois do recorte orzamentario, inclúe unha entrada voluntaria. 


Culturgal bota a andar no Pazo da Cultura de Pontevedra e até o domingo día 1 hase de converter no trinque das novidades da cultura galega. Entidades, empresas, institucións, colectivos e artistas escolleron a feira para mostrar os seus novos proxectos aos que o público se poderá achegar através das máis de 150 actividades que compoñen o programa e dos máis de sesenta stands montados nas feira. 

Unha chapa, 3 euros

A organización optou este ano por ampliar a superficie do recinto através dunha carpa climatizada de grandes dimensións cun aforo de 500 persoas que acollerá algúns dos espectáculos ao vivo como a presentación dos novos disco de Caxade, Mónica de Nut, Radio Cos, de 2naFronteira e do colectivo CoraSons, o novo espectáculo de Davide Salvado ou os concertos de Camarada Nimoy e Sergio Tannus. O alargamento do espazo contrasta coa redución do orzamento. Culturgal atopouse este ano cunha grande redución do apoio institucional, de maneira especial polo recorte da Xunta, o que obrigou a experimentar novas formas de financiamento, entre elas, innovar a través dunha entrada voluntaria que as persoas asistentes poderán adquirir co fin de apoiar o desenvolvemento da feira. A entrada ten un valor de 3 euros e forma de chapa na que se pode ler “Ti contas no Culturgal”, sen dúbida, o lema desta nova edición. 

“Todo o mundo soubo ver que estamos ante unha nova etapa que parte de entender o Culturgal como o que é, unha feira de exposición e presentación de proxectos novidosos. O apoio público descendeu nun 50% e, no fío da corresponsabilidade, hai empresas que patrocinan, suministradoras que fan rebaixas nas súas facturas a cambio de ter visibilidade na feira...”, defendía Xosé Aldea nunha entrevista publicada no semanario Sermos Galiza

Escaparate de novidades

A Culturgal, como escaparate da cultura, aféctalle tamén a crise que golpea de maneira especial o sector, mais, malia iso, empresas, entidades e particulares responderon á convocatoria e o programa evidencia unha clara vontade de idear proxectos novos e abrir novos camiños para o futuro. “Culturgal é xa un proxecto consolidado. Trátase dunha marca recoñecida e asentada tanto en interlocutores públicos como privados. Desde as industrias culturais hai vontade de contribuír para que se manteña e teña futuro”, sinalaba Aldea e esa é unha das trabes desta iniciativa cultural que se sitúa no pico máis alto do ano de consumo cultural e ten na venda directa de produtos un dos seus obxectivos. 

Fora destas novidades na organización, Culturgal amosa como en cada edición son máis os proxectos e produtos que agardan a feira para ver a luz. Ao Pazo chegan libros recén publicados, discos acabados de saír e iniciativas que só se coñecen no entorno da feira. Manuel Rivas, Anxos Sumai, Marcos Calveiro, Luís Rei Núñez, Teresa Moure, Francisco Castro, Rosa Aneiros, Asun Estévez, Manuel Lourenzo, Anselmo López Carreira ou Manuel Gago atoparanse cos lectores e lectoras para comentar os seus novos libros na feira. A Revista Luzes chegará xa en papel á presentación en Culturgal e Oink dará conta da súa breve andaina, dúas relevantes novidades editoriais do ano. 

Ideas orixinais non faltan nun programa no que podemos atopar o novo proxecto da Fundación Novoneyra de plataforma literaria on line, o servizo de imprenta dixital de Sacauntos, a filosofía Estruming para dinamizar o rural, unha cooperativa do tecido asociativo, un proxecto web sobre cemiterios históricos, afondar no crowdfunding ou sorprendernos cun maratón de oito webseries galegas. O Espazo Profesional abrirase tamén ao debate sobre a situación da cultura, con encontros arredor das feiras profesionais, a produción editorial, as posibilidades da rede ou as novas fórmulas para a creación cultural ou a animación á lectura. 

Un ben común

Como en anos anteriores, o espazo infantil ten unha especial relevancia, dando conta do dinamismo deste ámbito na produción cultural e, así, en Culturgal presentarase o primeiro xoguete do Xabarín, o novo disco de Pablo Díaz “Toc-Toc”, o novo de Migallas, “Pan de Millo”, un libro homenaxe ao Pindo de Manuel Rivas ou o disco para bebés de Magín Blanco. Fóra do recinto da feira, no auditorio do Pazo terá lugar o concerto de presentación do disco “Galiza” de Kepa Junquera, rodeado de bandas e músicos galegos,, na sala Karma celebrarase o 25 aniversario de Zënzar,  e tamén o Teatro Principal da cidade abre as súas portas para acoller espectáculos durante estes tres días de Eme2, Lagarta Lagarta  e Áncora Producións. 

“Estamos noutro ciclo no que é función de todos recompoñer o mundo da cultura galega. De maneira colectiva queremos que o Culturgal continúe con solidez como un ben común”, afirma Aldea, dun proxecto que define como “colectivo” e no que prima a “corresponsabilidade”. 

De Culturgal forman parte as asociacións profesionais representativas do sector, a Asociación Galega de Editores (AGE), a Asociación Galega de Empresas de Artes Escénicas (Escena Galega) a Asociación Galega de Empresas Musicais (AGEM), Asociación Galega de Produtoras Fonográficas (Agaphono), Empresas Galegas adicadas a Internet e Novas Tecnoloxías (Eganet) e Asociación Galega de Produtores Independentes (Agapi).