O INGLÉS ROBERT MACFARLANE EXPLORA EN LIBRO OS VELLOS CAMIÑOS

Da épica das corredoiras

Da épica das corredoiras
Unha corredoira en Dorset (Inglaterra). Foto: cedida.
Unha corredoira en Dorset (Inglaterra). Foto: cedida.  

A memoria dos camiños é insondábel. Como cicatrices do territorio, como arterias primitivas. O seu trazado contén historias, voces baixas, fauna desapercibida. “Non se precisa ser un místico para aceptar que certos vieiros vellos son lineais só no seu sentido máis simple”, escribe Robert Macfarlane en Corredoira, “igual ca árbores, teñen pólas; e igual ca ríos, teñen tributarios”.


Corredoira (Factoría K, 2018, tradución de Xesús Fraga) é o fermosísimo volume, orixinal de 2012, que recolle as exploracións de Macfarlane (Nottinghamshire, 1976), o escritor Dan Richards (Gales, 1982) e o ilustrador Stanley Donwood (Essex, 1968) na costa sur de Inglaterra, na bisbarra de Dorset. “Nestes carreiros, un pode axotar raros pasados. Isto é, no sentido que lle pode dar un cazador a axotar: o de 'escorrentar, espertar aquilo que está oculto”, di Macfarlane.

“Trátase dunha exploración moi polo miúdo dunha corredoira”, explica a Sermos Galiza o tradutor Xesús Fraga (Londres, 1971), “cun punto poético”. A erosión e a sedimentación, a insistencia da pegada humana, o relato de persecucións e refuxios, a vida oculta, unha xeografía do íntimo e do colectivo. “A esencia desta corrente literaria ofrece resultados híbridos, con moitas capas”, anota Fraga, “entre o ensaio, o apuntamento poético, o libro de viaxes”.

corredoira cuberta faktoría k

Mais a viaxe de Corredoira é ao pequeno. Macfarlane evoca dúas excursións distintas, unha en 2004 co seu amigo Roger Deakin, e outra en 2011, despois da morte de Deakin e acompañado por Richards e Donwood. O primeiro encárgase da última parte da obra e o segundo, autor das cubertas dos discos de Radiohead, das ilustracións, tamén incluídas na versión galega. Por equipaxe, a novela Rogue Male (1939) de Geoffrey Household —que transcorre en Dorset—, un mapa, mochila e “unha botella de xenebra de fatóns”.

“[O poeta Edward Thomas] comprendía que os camiños atravesaban as persoas do mesmo xeito que é ben seguro que tamén cruzan lugares”, asegura Macfarlane e velaí unha síntese acaída destas notas poéticas sobre corredoiras.

Sobre a tradución


Corredoira é o segundo título da colección Vitamina N, de Faktoría K. Foi o propio Xesús Fraga quen propuxo a súa publicación á editorial, logo de citar Macfarlane na presentación dun conto sobre o touro Ferdinando. “Todos debemos ter unha árbore favorita', escribiu nun dos seus libros”, lembra, “a Antonio Sandoval [director da colecicón] interesoulle e o director da editorial, Xosé Ballesteros, pediume información sobre o autor”.

Para pasar ao galego a prosa descritiva, pero lírica do libro de Macfarlane, Richards e Donwood, Fraga topou con certas singularidades, por intres dificultades. O léxico referido a plantas e animais é mesto, abondoso, e iso obrigou o tradutor a pedir axuda. “As mason bees, por exemplo, son un tipo de abella que se traduciría literalmente como 'abellas albaneis”, explica, “pero non estaba seguro. Chamei o presidente da Asociación Galega de Apicultura, que me contou que o seu nome aquí é 'alfareiras”.

Da lectura extremadamente atenta en que consiste unha tradución, Xesús Fraga extraeu conclusións, detectou analoxías. En concreto, que a situación das corredoiras —en inglés holloways— do sur de Inglaterra é semellante á das galegas. “Moitas foron reenchidas con formigón, ou asfaltáronas”, di, “o meu avó emigrara a Venezuela en 1955. Cando regresou en 1999 non recoñecía algúns lugares porque botaran asfalto”.

Na primeira prosa de Corredoira, Robert Macfarlane —cuxos outros libros tamén prestan atención a esta natureza humanizada— enumera palabras para os camiños. No galego de Fraga —“o autor deixoume moita liberdade neste tramo”— soa así: “Camiños montesíos, bravíos, camiños para o gando e as xentes, congostras e canicouvas, carreiros e carrieiras, corgos e corgas, córragos, calellas e canellas, corripas, quenllas e canicostas, regos areentos, esgrevios, lamacentos e albeiros, serventías, pasaxes e pasos, vereas, vieiros, esparas; e tamén: camiños de medos e perigos, camiños de cadaleitos, de cadáveres e mais de fantasmas”.



x