XAVIER QUEIPO, GAÑADOR DO BLANCO AMOR

"Dá forza saberse recoñecido e agasallado por un Premio tan importante"

"Dá forza saberse recoñecido e agasallado por un Premio tan importante"
Xavier Queipo (foto Cé Tomé)
Xavier Queipo (foto Cé Tomé)  Cé Tomé

O escritor Xavier Queipo (Compostela, 1957) vén de recibir o Premio Blanco Amor de novela por Os Kowa. Nesta entrevista, o colaborador de Sermos Galiza -ten unha columna quincenal no semanario baixo o título Prosa do Observatorio- explícanos que supón sumar un recoñecemento máis á súa traxectoria.


Como valora o premio Blanco Amor recibido?

O Premio Blanco Amor é un dos premios de narrativa máis importantes do sistema literario galego. Daquela a valoración non pode ser senón positiva.

Que aspectos cre que tivo en conta o xurado á hora de lle conceder este premio?

O xurado destacou o ritmo trepidante cun transfondo de diálogo entre identitades culturais, de respecto pola diversidade e pola natureza. Iso e outras gabanzas pódense ler na acta do xurado e consultar no caderno dixital Novenoites de Francisco Martínez Bouzas, que deu cumprida noticia da opinión do xurado, ou na crónica que fixo Armando Requeixo para o diario El Progreso. Eu non vou engadir mais nada, eles dixeron...

Como recibe un escritor tan premiado o anuncio dun novo recoñecemento?

Hoxe estou contento, ledo, expansivo, inzado de novos proxectos e disposto a dar o mellor de min. É natural pois fun unxido co bálsamo do recoñecemento que amolece as quebras da saúde e do ánimo, co elixir do éxito, coa forza que dá saberse recoñecido e agasallado por un Premio tan importante como este é. Ende máis se un revisa o xurado, cunha mestura de escritores de renome, críticos literarios e profesores, o recoñecemento magnifícase.

A novela xurdiu do soño de ver a Amazonia estendéndose diante miña coma se fose un brécol xigante sucado aquí e alá por unha serpe sen ollos

Como xurdiu a novela?

Como a meirande parte das miñas novelas e dos meus textos narrativos en xeral, xurdiu dun soño, é dicir do inconsciente: o soño de ver a Amazonia estendéndose diante miña coma se fose un brécol xigante sucado aquí e alá por unha serpe sen ollos. Perfílanse a partir de aí outras imaxes de impacto como a música de Wagner soando no medio do mato ou o primeiro encontro cun indio, cun xaguar, cunha anta... Experiencia vivída, coñecemento acumulado, e xaora traballar coas verbas, coas imaxes, e sobre todo co ritmo da historia.

Se tivese que resumir en seis liñas Os Kowa...

Folleando un libro de “Papillons tropicaux”, Francis descobre unha lámina que chama a súa atención. Trátase de Callitaera aurora, orixinaria da conca superior do Amazonas. Fuxindo dunha relación sentimental errada aproveita unha oferta de traballo dun equipo multidisciplinar que vai explorar o curso superior do Amazonas, recolle varios libros e sae en dirección a Copenhague, onde o esperan os outros membros do grupo. A partir dese comezo, plantéxase a viaxe dupla –física e interior- que constitúen unha acción en paralelo. Nos lles vou contar mais nada, pois comprometería a lectura, que espero reflexiva.

En Os Kowa conto como un home, fuxe cara adiante, confronta as súas contradicións, remexe nos seus sentimentos e é quen de identificar o seu lugar no mundo

Que quixo transmitir na obra?

Non hai unha intención didáctica na novela, non é o meu gusto dar consellos ou pretender coñecer a solución aos conflitos existenciais das personaxes. Simplmente conto como un home, fuxe cara adiante, confronta as súas contradicións, remexe nos seus sentimentos e é quen de identificar o seu lugar no mundo. Todo iso co pano de fondo da Europa occidental e da conca do Amazonas, nunha aventura que mestura momentos álxidos de soedade lacerante con momentos expansivos de encontros con outras culturas e outras xentes.

Por que Europa e a Amazonia como telón de fondo?

A novela recolle como personaxe ao carater central de “Malaria Sentimantal”, que é galego e viaxa polo mundo como parte  de expedicións científicas que estudan a coevolución das especies animais e vexetais. Europa é o seu lugar de residencia, a Universidade de Compostela, en particular, e xaora sae polo mundo, antes foi en Camboxa e agora na Amazonia, dous lugares onde a biodiversidade debe ser protexida pois constitúe a nosa riqueza e o patrimonio que debemos deixar nas mellores condicións para os que nos sucedan. Na Amazonia tamén para chamar a atención dun xeito lúdico e non panfeltario sobre a situación das tribos do mato.