Darío Villanueva, novo director da Real Academia Española

Darío Villanueva, novo director da Real Academia Española
Darío Villanueva
Darío Villanueva  

O filólogo e ex-rector da Universidade de Santiago, Darío Villanueva, foi elixido novo director da Real Academia Española, sucedendo a José Manuel Blecua. Na equipa de dirección entra tamén o profesor Guillermo Rojo. 


Natural de Vilalba, onde naceu en 1950, Darío Villanueva substituirá a José Manuel Blecua á fronte da Real Academia Española, cargo que asume co 80% do apoio na votación, 28 de 35. Trátase da segunda vez que o que fora reitor da Universidade de Santiago opta ao posto, que nas anteriores eleccións gañou Blecua. 

Darío Villanueva foi reitor da Universidade de Santiago de 1994 a 2002, na que na actualidade é catedrático de Teoría de la Literatura e Literatura Comparada da Facultade de Filoloxía da que tamén foi decano. Villanueva foi tamén membro da Fundación Cela até 2005. Forma parte da RAE desde o 2008 e convértese no trixésimo director na historia da institución. O seu discurso de entrada titulouse El Quijote antes del cinema. Canda el, leva na dirección a outro profesor da Facultade de Filoloxía de Santiago, Guillerme Rojo. Dous galegos están así no máximo órgano dunha institución que é símbolo do imperialismo lingüístico do español e á que se lle ten reclamado, entre outras cousas, a corrección de definicións racistas aínda presentes no seu diccionario. 

Entre os obxectivos do novo director está o sanear a situación financeira da institución e, para iso, ten entre outras propostas incrementar os ingresos a través dunha sociedade de xestión de servizos ademais de patrocinios privados e redución de salarios e cadro de persoal a través de baixas voluntarias.