FRAN ALONSO

"A perda de facturación desde o inicio da crise foi moi forte e Xerais notouno moitísimo"

"A perda de facturación desde o inicio da crise foi moi forte e Xerais notouno moitísimo"
O escritor Fran Alonso, novo director de Xerais.
O escritor Fran Alonso, novo director de Xerais.  

A Fran Alonso (Vigo, 1963) correspóndelle a tarefa de suceder o histórico Manuel Bragado á fronte de Edicións Xerais de Galicia. Escritor en todas as frontes -acaba de publicar un libro de poemas dirixido á mocidade, Street Poems-, Alonso promete liñas de renovación e que a nave dunha das máis emblemáticas editoriais galegas “continúe navegando”. “Parece un reto moi humilde pero é fundamental”, di a Sermos Galiza.
 


-Cales son os retos inmediatos da nova dirección de Xerais?

-O reto máis inmediato é evidentemente que a editorial continúe navegando. Parece un reto moi humilde pero é algo fundamental. A partir de aí, deseñar liñas de renovación. Nunha nova etapa sempre hai cambios. Parece lóxico. Mais estou aínda na aterraxe. O nomeamento foi a sexta feira [20 de abril] e non tiven tempo para deseñar nada. É un momento de transición en que estamos termando de cousas pendentes e cousas urxentes para que non se paralice nada. Non quero precipitarme.

-Agardaba as mudanzas na editora?

-Desde logo todo foi moi precipitado. Se hai seis meses me formulan isto, non o crería. Pero as cousas son como veñen. Tamén é certo que Manuel Bragado levaba 24 anos na dirección, un período que non é habitual nos directores das editoriais. A súa etapa foi tan frutífera por iso e pola súa personalidade, pola súa forma de ser, tan sólida para Xerais.

-Vostede formou parte do equipo de dirección de Bragado durante moitos anos. En que cifraría as principais achegas desa etapa?

-Sobre todo en conseguir que Xerais fose o buque insignia da edición galega, un factor de modernización, un factor de referencia para os lectores e lectoras. E en conseguir unha implantación social abraiante. Eu mesmo ás veces quedo perplexo vendo a implantación social e a preocupación que a editorial xera na sociedade. Sobre todo no ámbito da cultura, pero en xeral na sociedade. E, evidentemente, conseguir un catálogo de autores ao longo destes 24 anos que é riquísimo e plural.

"Bragado conseguiu que Xerais fose o buque insignia da edición galega unha implantación social abraiante"

-A CIG denunciou nunha nota a progresiva perda de autonomía da editorial a respecto do grupo propietario, Anaya. Está Xerais a salvo?

-Está completamente a salvo. Non hai ningún tipo de risco nin de perda de autonomía nas cuestións fundamentais, todo aquilo que nos afecta e que é importante: as decisións e as liñas do que imos facer, do que imos publicar. As miñas decisións van ser completamente autónomas e teño plenas garantías de que iso é así e vai seguir sendo así. Afortunadamente sempre foi así. Digamos que o papel de Anaya é axudar a nos homologar aos estándares de fabricación na parte máis industrial. Pero o espírito de Xerais continúa exactamente igual. Se Anaya quixese pechar a editorial, xa estaría pechada nestes momentos.

-Mais Anaya reduciu o cadro de persoal de Xerais.

-Esa foi unha decisión do grupo propietario e que pertence á etapa anterior. Cara ao futuro, funcionaremos cun equipo consolidado, máis pequeno, por onde van un pouco as cousas. Vellas estruturas, moi grandes, correspondían a outros tempos, e quizais son moito máis difíciles de manter. Porque a perda de facturación foi moi grande. En todo caso, é unha decisión do grupo nunha etapa anterior.

-O contexto económico para as editoriais galegas segue a ser complicado.

-Si, evidentemente. A perda de facturación desde o inicio da crise foi moi forte. Xerais notouno moitísimo. Pero tamén todo o tecido editorial, aínda maltreito. Agora hai que traballar conxuntamente e intentar estratexias para saír da crise. Se non hai axuda institucional, e as cifras indican que está en perdas dun 80%, pois teremos que organizarnos. E con esa vontade, que é unha vontade bastante de ferro -como historicamente demostramos-, buscarmos estratexias para continuar adiante e superarmos as dificultades.

-Os dados que estes días difundía o Consello da Cultura Galega, amais de constataren que a crise no libro aínda está aí, puñan de relevo a redución drástica das políticas públicas da Xunta ao respecto.

-Referíame a iso. E non son dados do propio sector, senón que veñen dun organismo público e, polo tanto, teñen toda a credibilidade. Son dados que poñen a Xunta contra as cordas. Moito máis que a nós. A nós xa nos puxeron os feitos. Ao Goberno póñeno os dados. Porque son escandalosos. Se se rescatan autoestradas, se se axuda á banca, é realmente escandaloso que non haxa unha política de apoio ao libro. Sobre todo tendo en conta que somos un sector neurálxico na medida en que o noso papel afecta a educación e o futuro do país. Sen educación, sen libro e sen investigación non hai futuro. Sábeo calquea goberno competente.

-E a que cre que se debe esta actitude do Goberno galego?

-Pois habería que preguntarllo a eles. Realmente non podo contestar. Tamén quería dicir, enlazando coa pregunta anterior, que a situación de despreocupación con respecto á problemática da lingua e a falta de políticas de normalización lingüística son factores que dificultan de forma decisiva no crecemento do libro galego. Porque non é posíbel que o libro galego teña perspectivas de futuro se as políticas de apoio á lingua son decrecentes ou non existen, como pasa na actualidade. Hai que dar un paso adiante moi forte. Se non temos unha formación competente e que sexa sensíbel á propia lingua... Que sexa capaz de recoñecer o mundo. Porque en definitiva a literatura o que nos aprende é a recoñecer o mundo. A través dos libros, da literatura que se produce neste país e da que se produce noutros traducida ás nosas claves idiomáticas. Se non temos ese apoio, o futuro é moi fastidiado. É moi importante avanzar, e non se está facendo en absoluto.

"A falta de políticas de normalización lingüística dificulta de forma decisiva o crecemento do libro galego"

-Compatibilizará as súas novas responsabilidades coa literatura?

-Iso espero! Teño paralizada unha novela que estaba escribindo, pero agardo poder recuperala. Nestes primeiros meses non, a ver se co acougo do verán...