'AS FAUCES FEROCES' É O SEU NOVO LIBRO

Emma Pedreira narra "íntima e feroz" as encrucilladas das mulleres

Emma Pedreira narra "íntima e feroz" as encrucilladas das mulleres
A escritora Emma Pedreira. Foto: cedida.
A escritora Emma Pedreira. Foto: cedida.  

“Mamá morrerá mañá”. Así, directa e brutal, comeza As fauces feroces, a última novela de Emma Pedreira (A Coruña, 1978). Nova mostra de narrativa fragmentada, expresión reducida e apertura poética, o libro, di a editorial, “entre a ficción e a realidade histórica, enlaza unha reflexión actual sobre a relación nai-filla co histórico proceso á monxa italiana Benedetta Carlini durante a Contrarreforma”.


As fauces feroces (Baía Edicións, 2019) transcorre, de entrada, en primeira persoa. A filla escritora desa nai tamén escritora leva adiante o relato. “A través dos séculos que as afastan”, explica a contracuberta, “catro mulleres -e unha quinta e sexta que se intúen- compoñen un tapiz reflexivo sobre a maternidade, a sexualidade, a diversidade nos afectos e o libro albedrío”.as-fauces-feroces

Esta “composición feroz e íntima” conta cun limiar a cargo de Eli Ríos. “Veño de ler unha novela que me interpela. A todas nós, ás que nos roubaron a historia de noso e nos fixeron crer que somos bruxas, herexes ou histéricas por sentir”, escribe, antes de sinalar o “sensorial” como estratexia preferida de Pedreira para prender a lectora.

Responsábel dunha ampla e influínte obra poética, que xunta máis de dez títulos -como Diario bautismal dunha anarquista morta (Espiral Maior, 1999), Velenarias (Espiral Maior, 2001) ou Casa de orfas (Espiral Maior, 2006)-, a súa anterior novela, Besta do seu sangue (Xerais, 2018) reconstrúe unha historia de licantropía con perspectiva feminista. Obtivo gran recoñecemento de lectorado e crítica.

O pasado ano, Emma Pedreira gañou o Fiz Vergara Vilariño de poesía por As voces ágrafas, pendente de publicación.