UNHA ESCOLMA DO PAPEL / DEBATES 2X5

Debe "A derradeira leición do mestre" de Castelao vir para Galiza?

Debe "A derradeira leición do mestre" de Castelao vir para Galiza?
[Imaxe: Cintia París] María Xosé Porteiro e María do Pilar García Negro
[Imaxe: Cintia París] María Xosé Porteiro e María do Pilar García Negro  

O Guernica galego, A derradeira leición do mestre, o impresionante óleo de dous metros de altura co que Castelao homenaxeou o seu amigo Alexandre Bóveda, está nas dependencias do Centro Galicia de Bos Aires. Xuntamos a María Xosé Porteiro (delegada da Xunta na Arxentina durante o bipartito) e a María Pilar García Negro (profesora da UDC e especialista na vida e obra de Castelao) para discutir sobre o destino ideal desta obra.


Sermos Galiza. A derradeira leición do mestre debería estar onde está agora mesmo, no Centro Galicia de Bos Aires ou debería estar na Galiza? A cuestión pode estenderse tamén ao resto do patrimonio na diáspora...

María Xosé Porteiro. A miña posición baséase no respecto que lles debemos ás persoas que tiveron que marchar conservaron un patrimonio cultural tan importante. E non me refiro só a este lenzo. Hai que ter en conta que ese patrimonio, que foron depositando nos centros galegos xeracións e xeracións de galegas e galegos, non o roubaron. É dicir, non é froito dun despoxamento previo, senón que eles crearon o seu propio patrimonio material. E logo foi tamén o lugar onde se fixo moita obra grazas á liberdade que se disfrutaba, xa que aquí non se podía facer. É o caso de Blanco Amor, por exemplo. Entón, desprazar isto para Galiza, que sentido tería? Primeiro, é imposíbel desprazalo todo. Segundo, que criterios se segue? Terceiro, por que privar a persoas -que son galegas- e desposuílas dun patrimonio que eles mesmos atesouraron e que están a conservar? E logo, porque nos lembra a nosa historia recente.

Que isto estea onde está impide que esquezamos o que foi a barbaridade da emigración para o noso país.

SG. Pilar, ti fuches ao Centro Galicia e non che resultou fácil poder ver o cadro.

Pilar García Negro. Si, por dúas veces. Está sen musealizar en absoluto, está recluído. Entón, sabendo previamente del, as galegas e galegos de alá, que son igual de galegos que nós, teñen todo o dereito do mundo a saber que iso forma parte da súa historia. Pero non o coñecen en absoluto. Hai que petar na porta dos responsábeis. A primeira vez que o vin custou moito e a segunda mellorou moitísimo a súa instalación. Estaba nunha sala moito máis iluminada e con outras pezas de Castelao, pero igualmente encerrado. E tamén no mesmo edificio hai obra de Luís Seoane que está moi mal exposta.

SG. Credes as dúas que este cadro debería estar musealizado, aínda que for en Bos Aires?

García Negro. Si, pero eu sigo mantendo que ten que vir para aquí.

Porteiro. Sería un avance moi importante, hai capacidade para facelo tanto na cidade como no Goberno da Provincia de Bos Aires. É verdade que está nun centro privado, ao igual que todos os centros galegos, aínda que o acceso non ten ningún problema. Talvez faría falta que se fixese desde a Xunta unha campaña permanente e tamén a culturización a respeito do que significan as cousas que eles teñen alí e non valoran. Pero tamén está a piques de perderse a habitación na que morreu Castelao, no hospital do Centro Galego de Bos Aires. Castelao no exterior non ten o significado político que ten aquí. Evidentemente Castelao non é valorado nin recoñecido pola totalidade dos galegos é certo, pero se fixeramos aquí unha enquisa, tampouco.

García Negro. Peor mo pos.

Porteiro. Pero unha parte da comunidade galega todos os anos fai unha homenaxe na súa data de nacemento e hai xente que reivindica a súa memoria, como a Federación de Sociedades Galegas de Arxentina, que fan cousas que aquí non se fixeron durante moitos anos. E se falamos da obra artística de Castelao, se falamos do Guernica de Galiza, tampouco está no MOMA de Nova York, non está nun país desvinculado totalmente de nós. Está nun lugar onde vive xente da nosa. E ademais, outra cousa, tamén che poderían preguntar: Empezamos por aquí e onde rematamos? Porque isto é unha cousa moi significativa, pero é unha parte moi pequena do que hai alí… Vai desaparecer a biblioteca do Centro Galego, e non hai ningunha biblioteca na Galiza que teña os fondos que ten esta. O Centro Galego está intervido polo Goberno arxentino coa aquiescencia do Goberno galego. Disto non falamos, e ese patrimonio ten moito valor.

M. X. Porteiro: “Ese patrimonio non o roubaron, non é froito dun despoxamento previo, senón que elescrearon o seu propio patrimonio material”

García Negro. Eu mantéñome na necesariedade de que veña para aquí este óleo de Castelao que é impoñente, nada máis velo fai chorar. Temos que dar a coñecer a súa obra inxente, que ademais é invulgar na Galiza do seu tempo, porque ten unha dimensión literaria, ideolóxica, ensaística, como conferencista, articulista e como artista. Insisto, que vai pasar con ela o día de mañá cando xa se fale dos netos dos netos dos galegos contemporáneos disto? Até o momento non houbo por parte da Xunta ningún interese, todo o que houbo foi desprezo. Isto é patrimonio do pobo galego, e ten sentido penduralo aquí, pero non sen máis, senón dentro dese coñecemento integral ao máximo posíbel da obra de Castelao. E logo concordo en que ten que haber, como mínimo, un diálogo bilateral entre os poderes públicos galegos e todos os centros ou as colectividades galegas no exterior.

Porteiro. Que ademais pode estar no mercado negro facilmente. Está inventariado, pero podería perderse. Quen é o propietario? Os socios das entidades? Pero hai que ter en conta que hai bisnetos que seguen a ter nacionalidade e que votan aquí. Polo tanto, mentres existan cidadáns quere dicir que hai unha transmisión cultural importante que non se quere romper. E o galego é unha lingua que se estuda na Arxentina como unha lingua absolutamente práctica para desenvolverse no Brasil.

SG. Entón podemos estar de acordo en que a Xunta debería emprender un diálogo coas institucións propietarias deste patrimonio, que nalgúns casos nin sequera fan cesións temporais, como foi o caso deste cadro.

Porteiro. Non sei se se pediu de maneira oficial.

SG. Pediuno o Museo de Pontevedra para a exposición sobre Castelao do ano pasado.

Porteiro. Será algo que ten que negociar o Goberno galego, que é quen ten capacidade de interlocución.

García Negro. Estamos de acordo na potente capacidade dos símbolos. E o que dá de si este cadro non é similar a ningunha outra peza do patrimonio galego na Arxentina. A contemplación e exhibición deste óleo de Castelao daría para moitísimo dentro de todo o que significa a posibilidade das galegas e galegos de hoxe de contemplar a obra de Castelao.

Pilar García Negro: “O que dá de si este cadro non é similar a ningunha outra peza do patrimonio galego na Arxentina". 

Porteiro. Hai inventarios feitos do patrimonio galego, que se comezaron a facer hai dez anos, pero si que é certo que as  comunidades no exterior están moi desartelladas, e hai que formularse para que serven, pero ese sería outro debate. Se algún día todo isto se reestrutura, que é o que habería que facer, terían que vir cousas para aquí, estou totalmente de acordo, pero se non hai un plan B, é normal que alí non solten. Tampouco se fían do que faga a Xunta, non teñen motivos. O que pasou cos restos de Castelao dá moi boa conta disto: quitáronlles algo que para eles era moi importante simbolicamente. Para eles é moi importante a referencia identitaria, porque nós xa vivimos aquí. A colectividade galega neste momento ten cento e pico mil persoas censadas, e moitas máis que non se censan, pero que seguen participando en cursos de galego, en actividades… E non son todos vellos. A música, por exemplo, ten moita xente nova detrás.

García Negro. Tanto aquí como alá hai xente de boa vontade con amor por Galiza e tamén o contrario. Eu dígolles aos compatriotas que tiveron  que emigrar, aos de boa vontade: como pode ferir que nós, con todo o noso mellor entendemento, nos apropiemos dunha figura para que exista aquí dignamente?

Porteiro. Porque os galegos de alí non se senten diferentes dos de aquí. Resúltanos moi difícil entendelo, pero é que hai que poñerse na pel deles, que non queren perder a súa identidade e que a transmiten nas peores circunstancias, e tamén necesitan referencias culturais. Isto ten que musealizarse alí, e ten que vir temporalmente aquí.

García Negro. Pero estaba abandonado.

Porteiro. Si, pero xa pasou, agora está restaurado e pódese visitar. E igual que aquí hai momentos de falta de xestión, alí tamén. Pero é certo, non debería de estar nunha entidade privada, podía estar perfectamente nun museo do país. E a Xunta debería reclamar que se debía estudar nos planos de estudo de alí. E un apuntamento final: Castelao cando pensaba na Galiza non excluía a Galiza de alá.


 

A ILP CASTELAO

 

Pilar García Negro quixo contextualizar a súa defensa do regreso do óleo: “Eu quero enmarcala no dereito de galegas e galegos de hoxe de podermos contemplar ao máximo a obra artística de Castelao, que non está en absoluto ao noso dispor. Todo isto foi o que quixemos conter nunha proposición de lei por iniciativa lexislativa popular titulada Sobre o dereito ao coñecemento e a contemplación da obra de Castelao polo pobo galego”, defendida por ela mesma no Parlamento en 2015 e tombada pola maioría absoluta popular, na que xa se reclamaba o regreso deste cadro. A profesora da UDC tamén reclamou “un espazo museístico monográfico” para Castelao. “Boa parte da súa obra está no Museo de Pontevedra, e logo está repartida por outros moitos centros, para os que a Xunta pode solicitar a cesión deses fondos. É algo elemental en calquera museo do mundo, que independentemente da obra que fisicamente exista nel, a través da monitorización podemos observar o resto da obra. Naturalmente todo isto tería que ir acompañado dunha campaña de información para poñer en valor unha obra que non é menor de 4 mil obras. Estamos a falar dun artista multifacético, con moitísimas dimensións”.

Este debate apareceu no Sermos Galiza nº 247, publicado o 25 de maio de 2017.