PRESIDENTA DA ASOCIACIÓN INTERNACIONAL DE ESTUDOS GALEGOS

Débora Campos: "Hai académicos traballando sobre temas galegos por todo o planeta"

Débora Campos: "Hai académicos traballando sobre temas galegos por todo o planeta"
Débora Campos
Débora Campos  SG

Presidenta da Asociación Internacional de Estudos Galegos, a xornalista e investigadora Débora Campos explícanos desde Bos Aires a dimensión e o alcance do  XI Congreso Internacional de Estudos Galegos que se desenvolverá na capital arxentina do 6 ao 8 de abril. 


-Que vai supor o XI Congreso Internacional de Estudos Galegos que terá lugar de Buenos Aires? 

Coma calquera outro congreso de especialistas nunha determinada disciplina, o XI Congreso Internacional de Estudos Galegos constitúe un encontro periódico no que un grupo de persoas expertas en áreas do coñecemento e do saber vinculadas cos Estudos Galegos, chegadas de todo o mundo (a quen demos en chamar galicianistas), presentarán as súas investigacións e traballos realizados nos últimos anos. Ao faceren isto, achegarán distintas ferramentas, conceptos ou puntos de vista, deste xeito abrindo novas vías e perspectivas de investigación para outras/os colegas. Do froito de todo ese movemento intelectual (e físico tamén), xurdirán novos temas, novas achegas, olladas distintas, perspectivas novas. Alén disto, 30 anos despois da fundación da AIEG en 1985, o congreso trianual da AIEG celebrarase por vez primeira en Bos Aires, unha cidade moi vinculada con Galiza e que por tanto estará presente en moitas desas investigacións que se presentarán. Por vez primeira, Bos Aires vai ser tema, contexto e escenario dos debates.

"30 anos despois da fundación da AIEG en 1985, o congreso trianual da AIEG celebrarase por vez primeira en Bos Aires, unha cidade moi vinculada con Galiza"

-Que 121 relatores, maiormente da Galiza, participen no encontro que relevancia terá de cara ao futuro da situación dos Estudos Galegos? 

O programa está dispoñíbel en: estudosgalegos.wix.com/congreso_bosaires 
Nel pode verse como non é certo que a maioría de relatores/as veñan de Galiza. Pero en calquera caso, o importante para os Estudos Galegos non é de onde veñen as investigadoras ou investigadores, senón a oportunidade que o congreso brinda para o diálogo académico.
Malia o contexto de recurtes na educación superior na nosa contorna, hoxe en día fanse Estudos Galegos en moitas universidades de Europa, Norteamérica, América Latina, países da Lusofonía, e mesmo en Oceanía. Cada tres anos a AIEG celebra un congreso, que como todos os congresos científicos, vai precedido dunha circular cunha chamada a comunicacións. Calquera estudosa/o pode enviar unha proposta, e logo o comité científico do congreso selecciona aquelas máis relevantes e invita ás/aos seus autores a que se matriculen no congreso e presenten esa proposta en forma dun relatorio académico no congreso. Doutra banda, como tamén é habitual nestes encontros científicos, existen conferencias plenarias a cargo de especialistas de renome (neste caso, un investigador galego e dúas investigadoras arxentinas) e teremos tamén participacións moi importantes en formas de ciclos de diálogos, nos que participan investigadoras de Nova Celandia, País de Gales, Estados Unidos, Arxentina, Brasil, etc., ademais doutras/os vidos de Galiza. 

Os congresos da AIEG teñen sempre, en todas as súas edicións desde a súa fundación, a vocación de lle facilitaren un estrado internacional aos investigadores e investigadoras galegas, pero tamén de seren foro de intercambio con outros investigadores de todo o mundo que comparten o interese polos estudos galegos. Isto é fundamental de cara á proxección internacional dos Estudos Galegos. Haberá 121 relatores que deixarán oír a súa voz e que sementarán, nesta ocasión en Arxentina, o interese e a importancia dos estudos galegos no mundo.

-O programa é, en certa medida, observatorio do que se está a investigar nas Universidades galegas?

Non. O programa é un reflexo do que están a investigar sobre Estudos Galegos as académicas/os que presentaron unha proposta de comunicación, que á súa vez foi seleccionada polo comité científico, e que teñen vías de financiamento para acudir presencialmente a Bos Aires para impartir ese relatorio. Desde o comité organizador do congreso, intentamos facer a circular coa chamada a comunicacións que fose o máis atractiva posíbel, entendendo os estudos galegos como unha supradisciplina que abarca todas as áreas de saber sempre e cando teñan relación coa realidade galega.
Temos representación das universidades galegas, claro está, pero os estudos galegos ocupan un espectro moito máis amplo, tanto xeográfico como institucional. As metodoloxías e tradicións académicas son moi distintas nos distintos continentes. E o congreso da AIEG funciona como ponte entre elas. As interaccións que teñen lugar no congreso resultan moi produtivas tanto para investigadoras/es en estudos galegos no estranxeiro (que teñen a oportunidade de coñecer de primeira man os avances feitos nas universidades galegas) como para a comunidade académica en Galiza (que ten acceso aos resultados de investigación máis recentes feitas por colegas que traballan en universidades de fóra, e que moitas veces publican os seus traballos en revistas científicas non sempre coñecidas en Galiza). 

-O espazo que leva o Consello da Cultura Galega refírese a Bos Aires como capital da cultural galega, continúa a ter presenza a nosa cultura na principal cidade arxentina?

O  Consello da Cultura Galega é organizador dun ciclo de diálogos a dúas beiras moi rico. Un deses diálogos busca reflexionar sobre o rol que xogou e que xoga a cidade de Bos Aires como enclave cultural para os galegos e as galegas que nacemos nesta diáspora. Dende logo que a cultura galega ten presenza nesta capital arxentina. Tena dende a propia colectividade galega, dende as tradicionais festas e romerías, pasando por actividades culturais moito máis innovadoras, clases e obradoiros de case todo o relacionado coa terra, cátedras que as universidades dedican á Galiza (case todas sen subvencións de por medio). Na Arxentina a TVG é un clásico e os programas coméntanse como se comenta o telexornal porteño. O galego ainda soa polas rúas de Bos Aires e moitos galegos e galegas levamos a nosa identidade aí onde traballamos. Por citar un caso, podemos botar unha ollada á obra da escritora María Rosa Lojo, á última novela da escritora Claudia Piñeiro, ao calendario de cidades homenaxeadas polo goberno da Cidade de Bos Aires, pola cantidade de público que leva ao teatro o grupo Xeito Novo dende hai décadas...

"Haberá 121 relatores que deixarán oír a súa voz e que sementarán, nesta ocasión en Arxentina, o interese e a importancia dos estudos galegos no mundo".

-Fóra do ámbito universitario pode resultar chamativo que, nun momento de crise como o que vivimos, un congreso sobre temas galegos teña como sede Bos Aires con participantes da Galiza, cales son, ao seu ver, as razóns que o xustifican?

A razón que xustifica a celebración do XI Congreso da AIEG en Bos Aires é a votación dos socios e socias na Asamblea Xeral celebrada en Cardiff/Caerdydd (País de Gales) en setembro de 2012. Antes ten habido congresos nos Estados Unidos, Cuba, Alemaña, Inglaterra, País de Gales, Cataluña, Brasil… porque así o decidiron, tres anos antes, as socias e socios. Xunto á elección de sede para o seguinte congreso trianual, as socias e socios elixen tamén a xunta directiva. Até o de agora, adoita ser o caso que o congreso se celebre na cidade onde exerce a súa actividade a presidenta, amparada por unha institución académica. 

A principal institución colaboradora deste congreso 2015 é a Universidade Nacional de San Martín (UNSAM) a través do seu programa Lectura Mundi. E se o fan, é xustamente porque teñen o proxecto en fundar unha cátedra Galicia-América e levan tempo traballando niso. O congreso representa para eles e elas unha oportunidade de coñecer e de achegarse a ducias de expertos e expertas nas que teñen moito interese. Doutra banda, a AIEG finánciase coas cotas anuais dos socios e socias (que residen e traballan, insisto, non só de Galiza), se ben para a celebración do congreso se solicitan axudas puntuais a distintos organismos. 

Como dixen antes, os investigadores galegos que virán son tantos como os de outros sitios do mundo. Hai académicos traballando sobre temas galegos por todo o planeta. Xa que logo, plantexar que en tempos de crise hai que facer o congreso na propia terra para non viaxar  é ignorar completamente a realidade deste ámbito. Por último, nos Estatutos da AIEG e no programa que presentei antes de ser elixida presidenta, un dos nosos obxectivos marcados é o de dar continuidade ao propósito para o que a AIEG se constituíu: difundir e proxectar os estudos galegos no mundo, creando vías de diálogo entre galicianistas que fan o seu traballo en institucións académicas de todo o planeta. Tamén nesa liña decidimos crear hai uns anos o “Directorio de Galicianistas” (tamén dispoñíbel na web), que serve como documento base onde as socias e socios que así o desexan fan públicas as súas áreas de interese coa finalidade de fomentar interaccións.

-No fin do congreso desenvolverase a Asemblea Xeral de Socios e Socias da AIEG, que balance fai vostede deste tempo de presidencia da entidade?

Antes de asumir a presidencia neste trienio, exercín o cargo de vogal na anterior directiva de 2009-2012. O que destacaría é a continuidade co traballo realizado por anteriores directivas para fomentar a cohesión de base asociativa, manter canles de comunicación abertas (como a lista de correo Estudos Galegos, ou os perfís da AIEG nas redes sociais), profesionalizar algunhas tarefas de xestión, poñer a disposición da comunidade investigadora o Directorio de Galicianistas ou manter un sistema de bolsas para cubrir os gastos de viaxe e aloxamento de investigadoras/es posdoutorais, entre outras. Cinguíndome ao congreso, un logro deste directiva e comité organizador do congreso foi sen dúbida o traballo feito para reforzar a rede internacional de investigadoras/es, traendo a Bos Aires a algunhas das figuras máis importantes a nivel mundial, como José Colmeiro desde Nova Celandia, Gabriel Rei-Doval desde os Estados Unidos, Helena Miguélez-Carballeira desde Reino Unido, amais de María Rosa Lojo e Silvia Dolinko en Bos Aires. Abofé que fican cousas por facer, pero estamos nun camino que paso a paso nos leva a facer ouvir, cada vez máis alto e máis forte, a voz dos estudos galegos. 
En todo caso, a Asemblea Xeral de Socios e Socias da AIEG, que terá lugar na metade do congreso (e non no fin), vai ser o ámbito idóneo para facer ese balance da man dos socios e das socias porque toda análise nese sentido ten que ser colectiva. Somos unha entidade e os nosos destinos decídense de xeito democrático. 

"A historia galega, a literatura galega, a música galega, o teatro galego, a economía galega… non lles interesan só aos galegos, interesan internacionalmente e nós debemos traballar pola súa proxección internacional".

-Que papel cumpre a AIEG hoxendía? Que obxectivos ten que cumprir, ao seu ver?

A AIEG ten un obxectivo claro, establecido nos seus Estatutos desde a súa fundación en 1985, que é o de contribuír á proxección internacional dos Estudos Galegos. Cada directiva asume ese obxectivo e pon en marcha iniciativas para avanzar na súa consecución, pero sempre co propósito último de promover os estudos galegos a nivel internacional. Isto implica propiciar o intercambio entre as/os estudosas/os das diversas disciplinas que se ocupan da realidade galega, aumentar a presenza multidisciplinar dentro da AIEG, potenciar a relación entre galicianistas de todo o mundo, estreitar lazos científicos e culturais coas universidades da Arxentina e coas asociacións nas que se desenvolven traballos culturais e históricos vencellados á Galiza, ou facer visíbel a AIEG noutros congresos e publicacións. Por exemplo, están para saír dúas publicacións editadas por María Liñeira e Olga Castro, que recollen algunhas das contribucións presentadas no congreso de 2012, despois de pasaren un rigoroso proceso de revisión por pares. Unha publicación edítaa o Consello da Cultura Galega, e a outra é un monográfico da revista científica Abriu: Estudos de Textualidade de Galicia, Brasil e Portugal. 

-Con toda certeza, o destino seguinte será Madrid, de onde vén a única candidatura presentada. Como valora que o congreso teña lugar na seguinte edición na capital española?

O destino do Congreso da AIEG 2018, así como a elección da próxima xunta directiva da AIEG, son dous puntos da orde do día da Asamblea Xeral que terá lugar o día 7 de abril, e decidiranse por votación das socias e socios presentes, contando tamén os votos que cheguen por correo postal. Presentouse unha única candidatura, encabezada por unha profesora da Universidade Complutense de Madrid, que conta tamén con galicianistas que exercen o seu traballo investigador nas universidades de San Petersburgo, Porto, Varsovia, Vigo ou Montana. A título persoal podo opinar que Madrid me parece unha sede tan boa como calquera outro recanto do mundo, se alí hai a infraestrutura e o equipo humano para preparar o seguinte macrocongreso. Desde logo, é innegábel que Madrid é unha capital europea importante, unha cidade cun importante movemento cultural e social. Hoxe en día é xa unha cidade cosmopolita, como o pode ser calquera outra grande cidade europea, e por tanto é unha sede oportuna para que de novo resoe a voz dos estudos galegos no mundo. Os estudos galegos non se fan só na terra. A historia galega, a literatura galega, a música galega, o teatro galego, a economía galega… non lles interesan só aos galegos, interesan internacionalmente e nós debemos traballar pola súa proxección internacional.

-Esta entrevista foi feita por medio de correo electrónico.