MANUEL GAGO, ESCRITOR, XORNALISTA E PROFESOR DA USC

“Defendo a literatura que podes levar á praia, á cama ou ao váter”

“Defendo a literatura que podes levar á praia, á cama ou ao váter”
[Imaxe: Sole Felloza] Manuel Gago
[Imaxe: Sole Felloza] Manuel Gago  

Entrevistamos o xornalista e profesor da USC Manuel Gago cando vén de publicar O exército de fume (Xerais), un exercicio de literatura popular baseada na identidade do país. “Defendo a literatura popular para entender cousas sobre nós mesmos”, afirma na entrevista.


2Por que sitúa a novela durante a Segunda Guerra Mundial?

 

É unha época presente nos recordos da miña familia. Eu son do Barbanza e había moita relación coas armadas alemás que chegaron despois da Gran Guerra. A miña familia viviu episodios vinculados aos submarinos alemáns, tiveron que levarlles aprovisionamentos.

 

Relátao nunha escena de O exército de fume.

 

Si. O San Roque é o barco do meu avó, quen non podía servir porque era republicano. Estaba a nome do irmán. En Ribeira había unha dotación militar alemá e algúns soldados quedaron alí. Os alemáns empezaban a deixar de ser feitos e convertíanse en lendas. Castros que fixeron os alemáns. Unha pedra famosa de cuarzo que levaron os alemáns do Barbanza, unha historia de mouros de toda a vida. Interésanme as historias que fan pensar arredor da nosa identidade. Decateime de que os alemáns eran os novos mouros. En parte ten a ver con algo que obsesionaba a nosa cultura tradicional, o outro. O alemán é un mouro. Ten grandes riquezas, está interesado no subsolo, é perigoso, non se sabe moi ben de onde vén. É a versión moderna dese antigo mito. A novela fermentou a partir de aí e dunha historia que me pasou sendo comisario da exposición Galicia 100 do Consello da Cultura.

 

Que foi?

 

Aquela mostra contaba a historia da cultura de Galiza a través de cen obxectos. Unha das pezas era o mosquetón de Foucellas.

 

Que no libro se chama Ramallo.

 

Efectivamente. Ao ter que limitarme a cen pezas buscaba obxectos polisémicos. O mosquetón dun guerrilleiro era fantástico para falar sobre cando empeza e remata unha guerra, sobre cando empeza e remata un período, preguntas así. Na exposición puxémolo ao carón das cadeas de Pardo de Cela, por ver como o poder e a represión xeran mitos de maneira indirecta. Eu facía as visitas guiadas. A partir da segunda, comezou a vir xente que atendía e, cando chegabamos ao mosquetón, quedaba alí. Ás veces choraban. Outra vez un señor contoume que o seu avó agochara a Foucellas e que este ía pola mañá correr espido entre o millo. Era xente da zona de Ordes que viña ver o condenado mosquetón. Pregunteilles por que. A parquedade e a admiración coa que falaban de Foucellas eran case equivalentes. Admirábano tanto como falaban pouco. Todo se resumía en “eran boa xente, axudaban a xente”. Non había un discurso elaborado. Abraioume entender que, para eles, eran heroes pero non sabían as palabras dos heroes.

 

[Podes ler a entrevista íntegra no número 302 de Sermos Galiza, á venda nos quiosques e na loxa]



x