Unha delegación de 65 persoas da cultura galega, a Bruxelas

Unha delegación de 65 persoas da cultura galega, a Bruxelas
Imaxe do Parlamento Europeo
Imaxe do Parlamento Europeo  

A eurodeputada Lidia Senra, representante de AGE no grupo europeo do que forma parte Esquerda Unida, leva a Bruxelas unha delegación formada por 65 persoas para “visibilizar a situación da cultura galega”. 


Representantes da Comisión Europea recibirán a delegación galega dentro do Parlamento Europeo, no marco dunhas xornadas de exposición e debate organizadas pola eurodeputada Lídia Senra. As actividades comezan na terza feira cunha gala de benvida no Centro Galego de Bruxelas, baixo o título “Europa, capital Galiza” onde se sucederán diferentes presentacións e actuacións artísticas galegas.

Xa na cuarta feira iniciaranse as xornadas de debate e reivindicación no Parlamento Europeo, que se prolongarán durante todo ese día e até a quinta feira ao mediodía. En diferentes mesas nas que se abordará a situación que atravesa a creación e distribución cultural galega, os dereitos da cidadanía a acceder á cultura e o dereito das e dos traballadores a vivir disto, a produción en lingua galega, a cultura de base, o patrimonio cultural, e tamén haberá tempo para intercambiar impresións con persoas de experiencias culturais doutras nacións sen Estado como son o País Vasco ou Irlanda. 

Entre a delegación podemos atopar nomes como Uxía, Abe Rábade, Chus Pato, Teresa Moure ou Oriana Méndez. 

Entre a delegación podemos atopar nomes da música como Uxía, Santi Cribeiro, Sérgio Tannus ou Abe Rábade; do audiovisual como Carlos Ares, Luís Avilés e César Souto; da literatura como Chus Pato, Xabier Cordal, Teresa Moure ou Oriana Méndez; ou do teatro, como Belén Pichel ou Roberto Pascual, entre outros moitos. 

Segundo Senra, “a cultura galega está sendo actualmente sometida a un baleirado económico e está sendo desprezada por parte de poderes neoliberais que en lugar de apostar por ela e de apoiar a riqueza cultural dunha nación como Galiza parecen estar máis polo seu afogamento e pola uniformidade”. Neste sentido, a europarlamentaria critica, entre outros temas, que o Goberno da Xunta teña reducido nos últimos catro anos un 44% os seus orzamentos destinados a cultura.