ESIXEN MAIORES MEDIDAS DE PROTECCIÓN

Santa Trega, de castro a casa de xantar

Santa Trega, de castro a casa de xantar
Santa Trega
Santa Trega  

A Asociación para a Defensa do Patrimonio Cultural Galego denuncia con documentos gráficos novas agresións ao importante xacemento castrexo situado no monte de Santa Trega, que hai quen usa como lugar en que xantar ou merendar. O presidente da entidade, Carlos Herique Fernández, sinala a Sermos Galiza a necesidade de dotar estes valiosos elementos de maiores medidas de protección.


Varias fotografías tomadas pola veciñanza da Guarda durante o 11 e 12 de agosto e difundidas pola Asociación para a Defensa do Patrimonio Cultural Galega amosan novas agresións sobre o importante xacemento castrexo de Santa Trega.

A pasada fin de semana celebrouse no concello da Guarda a Festa do Monte, un evento de tradición popular que reúne centos de participantes de toda a Galiza. Varias veciñas e veciños do concello puxéronse en contacto coa Asociación para a Defensa do Patrimonio Cultural Galego para difundir e denunciar as actuacións dalgunhas persoas participantes que supuxeron novas agresións contra o xacemento castrexo.

Carlos Herique Fernández, presidente desta asociación, incide en declaracións a Sermos Galiza en que a romaría popular debe respectar o patrimonio así como dotarse dun maior servizo de protección. Nese sentido, lamenta que o único elemento disuasorio sobre o perímetro do castro fose unha cinta policial, “o cal se viu claramente insuficiente”.

Carlos Henrique lamenta que o único elemento disuasorio sobre o perímetro do castro fose unha cinta policial, “o cal se viu claramente insuficiente”

“Notamos que desde que publicamos agresións como estas nas nosas redes os operativos están mais atentos”, sinala Carlos Henrique, quen esixe que as institucións públicas tomen medidas e cumpran cos puntos que a este respecto recolle a Lei de Patrimonio Cultural e a Lei de Espectáculos Públicos.  

Outras agresións recorrentes ao patrimonio durante o verán son, segundo sinalan desde a asociación, algúns dos rallies que se realizan na Galiza. Varios deles transcorren ao carón de elementos valiosos do patrimonio. En concreto, Carlos Henrique sinala o de Ourense e o de Lalín, por teren partes do traxecto moi próximas a antigos cruceiros. “Non é difícil que un coche teña un fallo e destrúa un destes cruceiros”, alerta. De feito, veñen de restaurar unha destas cruces de pedra no concello de Rianxo após resultar danada por mor dun vehículo que saíu da estrada.

Outras agresións recorrentes ao patrimonio durante o verán son, segundo sinalan desde a asociación, algúns dos rallies que se realizan na Galiza

A este respecto, Carlos Henrique tamén sinala o caso acontecido o pasado verán no concello de Melide no marco das verbenas das festas, cando se pousou o escenario da orquestra sobre a grada do cruceiro máis antigo da Galiza.

Este ano a Xunta, en base ás protestas de entidades como Asociación para a Defensa do Patrimonio Cultural Galego, vai protexer este cruceiro de Melide, sinala Carlos Henrique, mediante a colocación dun valado permanente, o cal non deixa de ser “rechamante” para o presidente da asociación, xa que “é triste que un elemento de tantos anos de historia teña que ser case amurallado na actualidade a causa de que a sociedade sexa menos coidadosa que antes”.