A Deputación da Coruña axuda á distribución de filmes de Laxe, Patiño ou Enciso

A Deputación da Coruña axuda á distribución de filmes de Laxe, Patiño ou Enciso
Fotograma de 'Longa noite', o último filme de Eloy Enciso. Imaxe: cedida.
Fotograma de 'Longa noite', o último filme de Eloy Enciso. Imaxe: cedida.  
A máis de cen mil euros ascende a partida orzamentaria coa que a Deputación da Coruña quere axudar a distribuír filmes do Novo Cinema Galego, a etiqueta que agrupa unha diversa e arriscada promoción de autoras e autores que están a triunfar entre a crítica europea.

A nova liña de axudas, posta en marcha pola área de cultura do ente provincial, beneficiará as seguintes obras, algunhas xa estreadas e outras non: O que arde, de Óliver Laxe; Hamada, de Eloy Domínguez; Arima, de Jaione Camborda; Longa noite, de Eloy Enciso; 7 Limbos, de Berio Molina e Alexandre Cancelo; A portuguesa, da cineasta portuguesa Rita Azevedo; e Tempo Vertical, de Lois Patiño. As subvencións irán dos 5.927 euros aos 25.500, de acordo a criterios obxectivos.

Trátase de sete películas en galego. “Os filmes máis recentes de creadores e creadoras do que se deu en chamar Novo Cinema Galego son os principais beneficiarios”, sinala a institución nun comunicado de prensa, “dunha convocatoria que nace coa vontade de eliminar os grandes atrancos do cinema en galego para a súa distribución en salas de exhibición”.

O responsábel de Cultura da Deputación, Xurxo Couto, asegura que a liña de axudas responde “a unha das principais demandas do sector”. “Queremos apoiar a gran creatividade do noso audiovisual”, engade, e aproveita para valorar “a gran calidade dos equipos que están a facer cincema no noso país. Nesta ocasión, a convocatoria é case unha foto xeracional do Novo Cinema Galego”.