A Deputación da Coruña pide á Xunta que sancione os Franco por poren o Pazo de Meirás en venda

A Deputación da Coruña pide á Xunta que sancione os Franco por poren o Pazo de Meirás en venda

A propriedade espoliada aparece á venda nun portal cántabro especializado no mercado de bens inmobiliarios de luxo. O seu prezo, 8 millóns de euros. Goretti Sanmartín, vicepresidenta da Deputación coruñesa, chama a Xunta a que abra un expediente sancionador á familia Franco.


A Deputación argumenta que os Franco incumpriron as súas obrigas legais ao pór o Pazo en venda sen dar oportunidade á Xunta de exercer o direito de tanteo sobre a propiedade. Hai un prazo, dous meses, que os propietarios dun Ben de Interese Cultural deben conceder á administración para eventualmente facer unha oferta de compra. "Incumpriron ese prazo que marca a lei. Entendemos que a Xunta ten que ter tolerancia absolutamente cero co intento de vender o pazo e exercer as accións pertinentes", afirma Goretti Sanmartín, para quen a Xunta debería tomar medidas para paralizar a operación de venda.

Goretti Sanmartín (BNG) remarca que o pazo está protexido dada a súa condición de BIC e entende que "hai moito nervosismo e interese da familia Franco para se intentar desfacer dun ben do que se apropriaron de maneira ilícita".

De no tomar ningunha medida, a Xunta estaría a incorrer nunha "connivencia" co franquismo, denunciou a vicepresidenta do organismo provincial.

A Xunta pro Devolución do Pazo fará público o vindeiro 1 de marzo un informe xurídico en virtude do cal se abrirían vías para garantir que o pazo espoliado pase ao patrimonio público.