TAMÉN RECOÑECE A INICIATIVA ELAS TAMÉN PINTAN

A Deputación premia o labor pola igualdade de Implicadas no Desenvolvemento

A Deputación premia o labor pola igualdade de Implicadas no Desenvolvemento
Imaxe da xuntanza do xurado do premio Begoña Caamaño da Deputación da Coruña. Foto: Deputación da Coruña.
Imaxe da xuntanza do xurado do premio Begoña Caamaño da Deputación da Coruña. Foto: Deputación da Coruña.  

A organización non gobernamental Implicadas no Desenvolvemento e a iniciativa Elas tamén pintan son as gañadoras do premio Begoña Caamaño de proxectos culturais pola igualdade que outorga a Deputación da Coruña.
 


“Trátase de iniciativas que contribúen á igualdade desde a cultura”, sinalou o ente provincial na nota que anunciaba as galardoadas nesta segunda convocatoria do certame. “Neste caso, os dous proxectos defdnen, no ámbito da cultura, unha perspectiva feminista con grande impacto”.

“Implicadas no Desenvolvemento conta unha traxectoria sólida de 20 anos no ámbito da cooperación cultural, con especial interese no encontro de culturas entre Galiza e colectivos do Sur”, engade, “para poñer en cuestión as relacións de poder e hexemonía cultural”.

Elas tamén pintan é “un laboratorio de arte urbana en clave feminista”. “É unha iniciativa promovida por xente nova que, mesmo cunha traxectoria aínda curta, presenta unha aposta clara nun ámbito moi novidoso, levar a ilustración ás rúas”.

O premio Begoña Caamaño está dotado con 6.500 euros. Nesta segunda edición, formaron o xurado a profesora María Xosé Agra, a promotora e música Belén Bermejo, a música Mercedes Peón, a xornalista Fernanda Tabarés, Patricia Porto, da libraría Lila de Lilith, gañadora o pasado ano, Mercedes Fernández-Albalat como secretaria e Goretti Sanmartín -vicepresidenta da Deputación- como presidenta.



x