OS NAVARROS ACTUARÁN O 16 DE MARZO

A derradeira xira de Berri Txarrak parará en Compostela

A derradeira xira de Berri Txarrak parará en Compostela
A banda navarra Berri Txarrak. Foto: cedida.
A banda navarra Berri Txarrak. Foto: cedida.  

É unha das bandas máis recoñecidas do panorama musical en euskera. Nos seus inicios, hai xa un cuarto de século, transitou sonoridades próximas ao denominado metal alternativo. Mais nunca parou quieta. Agora Berri Txarrak di adeus coa xira Ikusi Arte Tour 2019, que o 16 de marzo parará en Santiago de Compostela.
 


O derradeiro concerto de Berri Txarrak en Galiza será na Sala Capitol. O seu último disco, Infrasoinuak (2017), centrará o repertorio. Pero ao tempo repasará as cancións propias que “marcaron este último cuarto de século”. E que viron como o grupo, na actualidade un power trío, pasaba por etapas nü metal, inclinábase á melodía enerxética ou pisaba territorio stoner.

Posuidores dun potentísimo directo, autores de nove elepés de estudio, os navarros abriron para algunhas das grandes bandas do seu tempo, como Sick Of It All ou Pearl Jam, e atravesaron Europa e Sudamérica con Rise Against.

“Deixamos como legado máis de 100 cancións que seguirán vivas cada vez que alguén as escoite ou cante”, sinalaron ao anunciar a súa despedida dos escenarios.

En Compostela, Berri Txarrak estará acompañada de True Mountains. Os billetes custan 15.95 euros anticipados e 19 na billeteira.