EN MONTERREI E OÍMBRA

Descobren as primeiras pinturas rupestres sobre granito na Galiza

Descobren as primeiras pinturas rupestres sobre granito na Galiza
[Imaxe: Lobarzán]
[Imaxe: Lobarzán]  

No marco do proxecto de recuperación patrimonial, paisaxística e etnográfica que realiza un equipo de investigadoras da Universidade de Vigo na contorna do xacemento do Castelo de Lobarzán/A Ceadá das Laxes das Chas, en Monterrei e Oímbra, veñen de descubrise as primeiras pinturas rupestres da tradición esquemática sobre granito. Trátase dos primeiros motivos que se atopan neste tipo de soporte na Galiza.


O Grupo de Estudos de Arqueoloxía, Antigüidade e Territorio (GEAAT) da Universidade de Vigo vén de descubrir unhas pinturas rupestres únicas na Galiza. A súa singularidade vén determinada por seren da tradición esquemática e por estaren realizadas sobre granito. O colectivo investigou os trazados logo de ter coñecemento da existencia dunhas posíbeis pinturas.

Beatriz Comendador, directora do proxecto e arqueóloga do GEAAT, sinala nunha nota de impresa que as pinturas “atópanse nunha pequena cavidade de bloques e grandes laxes desprazadas, parcialmente á intemperie e situadas nos fragueiros do xacemento” e poden integrarse dentro da tradición de arte esquemática.

O abrigo, indica, encádrase na categoría de locais ocultos, de acceso difícil e mesmo perigoso. A arqueóloga salienta que están realizadas sobre granito, “sendo os primeiros motivos na Galiza que se atopan neste tipo de soporte” pois “coñecíase pintura no interior de cámaras funerarias pero non neste tipo de abrigos naturais”. O achado, engade, “amosa a diversidade de soportes”, xa que na mesma comarca de Monterrei tamén foi localizada pintura sobre cuarcita no Penedo Gordo (Vilardevós).

Trátase de “figuras realizadas en tinta plana vermella, aparentemente de cores semellantes, cunha forte abstracción e hieratismo”, sinala a investigadora, que advirte, “un dos motivos localizados é unha figura antropomorfa asimilábel ao tipo dos antropomorfos cruciformes ou os sexuados coñecidos en Las Batuecas (Salamanca), Cáceres, Cabeza del Buey (Badajoz) ou noutras zonas máis meridionais”. A súa cronoloxía, explica, sería consecuente coa da primeira ocupación coñecida do enclave do Castelo de Lobarzán/A Ceadá das Laxes das Chas, caracterizada por un importante conxunto de cerámicas prehistóricas.

O achado foi comunicado á Dirección Xeral de Patrimonio da Xunta e trasladóuselle unha proposta de actuación. O enclave, cunha gran riqueza xeolóxica e onde xa eran coñecidas cavidades con potencial arqueolóxico como a Cova dos Mouros, será intervido por un grupo liderado polo Geaat.