BAIUCA, MÚSICO

“Quero transmitir o significado da cultura galega fóra da Galiza”

“Quero transmitir o significado da cultura galega fóra da Galiza”
[Imaxe: Cedida] Baiuca.
[Imaxe: Cedida] Baiuca.  
Baiuca é o nome artístico baixo o que se acubilla Alejandro Guillán. Así se chama o lugar de Catoira que o viu nacer e medrar, tanto vivencial como musicalmente falando. A súa faceta de artista non é cousa recente. A música está presente no seu sangue desde que era un cativo até o de agora, cambiando a medida que el tamén o facía. Eis un extracto da entrevista, publicada no número 356 do semanario en papel Sermos Galiza, á venda na loxa e nos quiosques.

m_FS_4-5Toca a gaita desde pequeno. Por que optou, como Álex Casanova, por un proxecto pop e non por outro máis achegado á tradición galega?

Cando comecei o instituto e a universidade sufrín un cambio de ciclo na miña vida por motivos xeracionais. Un feito que me levou a deixar de lado todos os instrumentos que tocaba cando era rapaz, como a gaita e o clarinete. Porén, sempre tiven presente ese tipo de música en min e non cheguei nunca a desentenderme dela de todo. Tempo despois apeteceume retomar esa parte máis abandonada: volver a ela e xuntala cos ritmos e sons que empregaba como Álex Casanova. A miña idea era crear un proxecto máis alá do pop que me permitise conxugar e dedicarme a ambos os estilos. Quería partir da tradición galega e descubrir a forma de casar esta música cunha experimentación electrónica.

A canción Morriña di: “Só quero saber cando te vou ver, terriña que anhelo choro por volver”. Influíu a súa marcha a Madrid no nacemento de Baiuca?

Si. Irme da Galiza foi algo fundamental. O proceso compositivo de todo o que eu fago sempre ten como referencia un punto de nostalxia. Á hora de crear axúdame moito ter o anhelo de que algo me falta. Pasou así co feito de ir vivir a Madrid. Estar lonxe da miña terra axudoume a visualizar espazos, lugares, texturas e cores que me lembraban a ela, así como a poder ter unha imaxe do que significaba Galiza para min. O feito de irme propiciou o nacemento dun proxecto que, de seguir vivindo na Galiza, non sería igual.

Ten manifestado que Baiuca quere ser unha homenaxe á música popular galega. Quere ser tamén un proxecto co que rachar os prexuízos que levan a non innovar coa música tradicional?

Isto que comenta é unha visión a respecto da música galega que non é real. Cando falas coa xente ves que non existe o pensamento de que non se pode experimentar e facer cousas novas coa tradición. Outra cousa diferente é que non se fixese nunca ou que todas as veces que se intentase, non funcionase.

Si, é certo que existe unha diferenza entre o pop e o rock co mundo do folk e parece que son camiños que non se poden xuntar. Eu non me encadro en ningún destes bandos, polo que teño unha gran liberdade creativa para facer o que me apeteza en todo momento. Podo enfocar a miña música desde un punto diferente ao que se fixo até o de agora e que poida gustar tanto á xente afín ao folk como ao público da música alternativa.

É a electrónica unha nova ponte entre os sons tradicionais e as novas xeracións?

Pode ser. É verdade que hai moita xente nova que se está a interesar pola tradición a raíz deste proxecto. Este é un feito que considero moi positivo, xa que demostra que o desinterese por certas músicas non se debe a que sexan tradicionais, senón ao tipo de produtos que se fan con elas. A un rapaz de 18 anos igual non lle interesa un grupo de folk que leva 20 anos tocando, pero proxectos así si. Está ben que aparezan novas apostas musicais que resignifiquen e que lle dean unha volta ao que se estaba escoitando até este momento. Nos meus últimos concertos había, entre o público, unha morea de mozas e de mozos. Con todo, non pretendo tampouco enfocar Baiuca a este público en concreto porque é un proxecto que pode gustar a todo o mundo.

Vén de actuar en Londres e, ademais, está en numerosos carteis de grandes festivais como o BBK Bilbao. A que se debe o éxito de Baiuca?

Máis que preguntarnos a que se debe o éxito, creo que debemos reflexionar sobre o que isto demostra. Penso que, a nivel global, a xente ten un interese crecente por culturas e músicas diferentes ás do seu propio país. Precisamente, un dos piares do proxecto que sempre tiven en mente era este. A miña intención é transmitir o significado da cultura galega fóra da Galiza e no ámbito mundial.

[Eis un extracto da entrevista publicada no número 356 do semanario en papel Sermos Galiza, á venda na loxa e nos quiosques]