ADIANTO DE ‘CONTRAPUNTO’

‘Desposorio’, un canto das Tanxugueiras á liberdade da muller

‘Desposorio’, un canto das Tanxugueiras á liberdade da muller
[Imaxe: Tanxugueiras] Fotografía promocional da banda
[Imaxe: Tanxugueiras] Fotografía promocional da banda  

Desposorio é o single que veñen de presentar as Tanxugueiras, un adianto do seu novo traballo Contrapunto, que verá a luz o vindeiro 22 de novembro. Seguindo o ronsel do seu primeiro traballo, as intérpretes continúan coa reinterpretación e actualización da música de tradición oral.


Olaia Maneiro, Sabela Maneiro e Aida Tarrío presentan Desposorio cun videoclip dirixido por Trece Amarillo, adiantando un pequeno anaco do que será o seu segundo traballo, Contrapunto, que se fará público a 22 de novembro. O tema colle as letras tradicionais para reinterpretalas desde o presente, no que desde o grupo definen como un “canto á liberdade da muller” e ao seu empoderamento, remarcando as presións sociais ás que aínda hoxe se ve sometida na toma de decisións. “A palabra téñoa dada / e non sei se a cumprirei”, afirma o tema.

[Foto: Tanxugueiras] Portada de Contrapunto

O segundo álbum do grupo, Contrapunto, continúa na liña de desafío aos confíns da música tradicional coa pretensión de a colocar nun escenario actual no que poida competir con ritmos pop e indie. As voces e a percusión son as protagonistas e no que se reitera o seu apego pola música de baile e da tradición das pandeireteiras. Esta aposta valeulles o premio a mellor álbum galego 2018 nos Premios MIN da Música Independente e o Martín Códez da Música Tradicional polo seu debut.

Nova xira

Tanxugueiras voltarán aos escenarios nunha xira por catro vilas galegas, procurando descentralizar os eventos cara o territorio do que bebe a súa proposta musical. As citas marcadas son Mos (29 de novembro), Burela (14 de decembro), Celanova (5 de decembro), e tamén Santiago de Compostela (2 de febreiro). A súa característica interpretación en vivo con naturalidade que conecta co público procurará abrirse cara a unha maior teatralidade que funcione acorde ás letras.